O 6 de marzo de 2009 Alberto Núñez Feijóo ofreceu unha rolda de prensa para expoñer as liñas mestras do Goberno galego que comezaría a presidir mes e medio despois, cando o Parlamento o investise presidente en virtude da maioría absoluta que o PP viña de acadar cinco días antes. Nesa comparecencia o actual presidente incluíu entre os seus plans estrela a disolución do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar por ser un ente de xestión "pouco eficiente", que "gasta máis en burocracia que en atención aos maiores", no que "maior parte dos cartos" ían a "Administración, non á asistencia". En xullo de 2010 a Xunta iniciaba o cumprimento súa promesa aprobando a disolución do Consorcio na asemblea xeral do organismo, na que tamén participan os concellos. Agora, seis anos despois, o Goberno vén de culminar unha virada de rumbo e recúa ante os municipios que forman parte da entidade, instándoos a potenciala.
A intención exposta polos populares a respecto do Consorcio pasaba pola súa liquidación e dilución das súas funcións e equipamentos e servizos -escolas infantís, centros de día ou xantar na casa, entre outros- na Axencia Galega de Servizos Sociais, contemplada por unha lei do bipartito do ano 2008. No entanto, o plan foi freado non polas recorrentes críticas da oposición, senón polos reparos da Consellería de Facenda cara á de Traballo e Benestar, que xa ultimara a integración na primavera de 2011. O departamento económico da Xunta tiña fundadas sospeitas de que a nova Axencia ía acabar resultando máis cara que o Consorcio do bipartito, sobre todo pola vía do persoal.
Feijóo cargou con dureza contra o Consorcio, cuxa disolución foi aprobada en xullo de 2010
Finalmente e malia aos reparos, o Executivo galego creou a Axencia en marzo de 2014 e constituíuna formalmente en xuño do mesmo ano. "En 2015 -sinalou nese intre a daquela conselleira de Benestar, Beatriz Mato- todas as escolas infantís e centros do Consorcio deberían estar integrados na Axencia". "Cando isto suceda -agregou- procederase á extinción do Consorcio". Comezaba así un proceso que implicaba directamente aos concellos, algúns dos cales -os gobernados por formacións diferentes do PP- alzaron a voz meses despois. Benestar, aseguraban, estaba a sometelos a unha "chantaxe": coa posta en marcha da Axencia íase proceder a "liquidar" os convenios polos que os municipios se sumaran ao Consorcio. A operación implicaba o pagamento "dunha contía fixada unilateralmente que nalgúns casos chega aos 600.000 euros", denunciaba na altura o PSdeG. No entanto, se os concellos accedían a integrarse na nova Axencia, a cantidade reclamada reducíase á metade.
A Xunta ofrecía descontos nas débedas municipais se os concellos se sumaban á nova Axencia
O novo organismo implicaría a sinatura de novos convenios que, á súa vez, tamén traían sorpresa. Segundo revelaron alcaldes e alcaldesas do BNG en setembro de 2015, a Xunta pretendía "impoñer unilateralmente" novas condicións para a xestión de servizos, aplicando un "canon aos municipios que obriga a pagar 3.600 euros máis por usuario" dos centros de día e 1.500 euros máis nas escolas infantís. "Non imos asinar", advertían mentres a Xunta negaba que o novo sistema implicase pagamentos adicionais.
Incendio municipal e acordo na FEGAMP
Este foi o pano de fondo co que a Xunta iniciou a súa viraxe. En outubro de 2015 a crise de goberno decidida por Feijóo facía desaparecer a Consellería de Traballo e Benestar e alumeaba a de Traballo Social, con José Manuel Rey, exalcalde de Ferrol, como novo conselleiro. Apenas un mes despois, en novembro, Rey situaba na xerencia do Consorcio a Perfecto Rodríguez, que viña de peder a alcaldía de Ponte Caldelas nas eleccións municipais. A ambos correspondíalles botar o ferrollo do Consorcio, pero isto nunca sucedeu, toda vez que o primeiro que tiveron que abordar foi o incendio creado en concellos de toda cor política por mor das devanditas liquidacións.
O pasado abril Xunta e FEGAMP acadaron un pacto sobre os pagamentos que o Goberno lles esixía aos municipios do Consorcio
Así, a finais do pasado abril, Xunta e concellos asinaban, no marco da Federación Galega de Municipios e Provincias, un acordo no que o Consorcio se comprometía a renegociar "caso por caso" os pagamentos pendentes", abrindo a porta ademais á incorporación de centros de día e escolas que ata o momento fosen xestionadas integramente polos municipios. O pacto, avanzaba o presidente da FEGAMP, Alfredo García, "garante a viabilidade do Consorcio" e permite "condicións mellores e máis claras destes servizos por parte dos municipios".
Da disolución á "nova etapa"
Con este acordo sobre a mesa o conselleiro e o xerente presidiron, o pasado 28 de abril, a asemblea do Consorcio. Alí Rey Varela e Rodríguez gabáronse de ter aquelado un modelo que "dá viabilidade económica e garantía de futuro aos serivzos que se prestan no ámbito local por parte do Consorcio", e ratificaban que as esixencias de pagamento remitidas aos concellos "quedarán sen efecto ata que se revisen de acordo cos novos criterios pactados". "Dende 2016 entra en funcionamento un novo modelo de cofianciamento claro e equitativo" e o Consorcio "abre unha nova etapa como instrumento de colaboración entre as administracións autonómica e local", resumen.
Os concellos intrepretan o movemento da Xunta como unha "marcha atrás" e o recoñecemento de que o Consorcio "é o marco acaído"
A festiva interpretación que a Xunta realiza do sucedido é, para un dos alcaldes participantes nesa asemblea, unha "marcha atrás" en toda regra, unha "reorientación" tras anos de "xestión caótica" da "disolución precipitada" que se aprobara en 2010. O Goberno galego, sinala este rexedor, vén admitir que o Consorcio "é o marco acaído" para prestar estes servizos "de acordo cos convenios" asinados con cada goberno local.
Neste contexto, resta saber cal será o futuro da Axencia de Servizos Sociais, que como herdeira da Dirección Xeral de Familia e Inclusión está dotada cun orzamento de 13,6 millóns de euros neste 2016, e como convivirá co Consorcio que neste 2016 manexa 67,8 millóns de euros. Praza.gal consultou ambas cuestións coa Consellería de Política Social, sen obter resposta polo momento.