A Xunta sae na defensa das monxas que din "salvar" persoas discapacitadas

Imaxe do centro, incluída nos documentos das obras © Esclavas

A Congregación de Esclavas de la Virgen Dolorosa leva anos recibindo fondos públicos. Tamén en tempos do bipartito cando, por exemplo, conseguiu 20.000 euros para reformar o seu centro de Mos a través dunha convocatoria aberta de subvencións. Nos últimos tempos a principal porta de entrada de fondos do erario cara a esta orde relixiosa está a ser a Casa Nuestra Señora de Fátima y Cristo Rey, en Crecente, cunha sesentena de prazas para persoas con discapacidade que entre 2011 e 2013 foron financiadas a través de convenios con máis de 2 millóns de euros da Consellería de Benestar. Estas achegas directas producíronse aínda que o edificio estivo incumprindo durante anos ata catro normativas oficiais e a pesar de declaracións de intencións tan rechamantes como a aposta por "salvar" as persoas que atenden. Agora a Xunta realiza unha pechada defensa da orde.

Como informou Praza Pública, a mediados de marzo a Xunta deu un xiro na súa relación con esta orde relixiosa e pasou de financiala a través de convenios a contratala cun procedemento "negociado sen publicidade por exclusividade", unha modalidade de contratación pública empregada cando unha única entidade é quen de prestar o servizo que require a Administración, nete caso a "atención residencial terapéutica para persoas con discapacidade intelectual". Para a operación Benestar reserva 1,08 millóns, que a través de sucesivas prórrogas, prevé, poden chegar aos 8,4 millóns, que servirán para "darlle continuidade á colaboración que se leva mantendo con este centro dende hai moitos anos".

A orde relixiosa contratada pola Xunta explica que o seu "carisma fundacional" é "rehabilitar nais solteiras"

Mentres se produce esta contratación a orde relixiosa segue explicando que o seu obxectivo é ofrecerlles ás persoas que atende en prazas que a Xunta define como "públicas" unha "vida digna dentro das súas marcadas limitacións". Isto sucede partindo do "carisma fundacional" da congregación, encamiñado á "atención e rehabilitación de nais solteiras". Para as mozas "incapacitadas intelectualmente" a intención é "preservalas de posibles perigos e salvagardar a súa dignidade humana e cristiá", todo segundo o "modelo supremo de apóstolo verdadeiro". Tal declaración de intencións suscitou a inquietude na oposición parlamentaria, concretamente no BNG.

A Xunta alega que é a única opción

A través da súa deputada Carme Adán o Bloque chama a atención sobre a descrición que a propia orde fai do seu centro, o cal sitúa en Creciente, e pregúntalle á Consellería se o centro "cumpre todas as normativas para prestar os servizos concertados", ademais de se, como as monxas, considera "necesario salvar as persoas con discapacidade". Adán cuestiona ademais o departamento de Beatriz Mato a respecto das razóns polas que "deixa en mans relixiosas o que debería ser un dereito das persoas con discapacidade".

O BNG pregúntalle á Xunta se concorda coa necesidade de "salvar" as persoas con discapacidade que predican as monxas

Na súa resposta a Xunta explica que "a entidade de referencia" conta "cun centro residencial autorizado", polo que "se atopa en condicións de poder levar a cabo a xestión dun servizo público residencial concertado pola Xunta" despois de "levar a cabo as reformas oportunas durante o pasado exercicio", di, en referencia ás deficiencias do edificio que no pasado tampouco lles impediron recibir cartos públicos. A Administración autónomica, asegura, "non ten maior ou menor preferencia en contratar con esta entidade ou con calquera outra".

Como adoito, o Goberno galego chama a "ter en conta" que "a Xunta leva anos concertando prazas con esta entidade, sen ir máis lonxe no ano 2008". Isto segue sendo así porque, sempre segundo o Executivo, "a residencia polas Esclavas de la Virgen Dolorosa é a única que conta cun número de prazas autorizadas e dispoñibles, da tipoloxía citada e na área de referencia, polo tanto é a única opción dispoñible para atender os 60 usuarios", asegura. Sen ter en conta en ningún momento o ideario da entidade, a Xunta mantén que a entidade "conta con permiso de inicio de actividade" e, polo tanto, "está en condicións de xestionar este servizo".

Emblema da orde relixiosa © Esclavas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.