A Xunta será acusación popular nos asasinatos machistas

Consello da Xunta deste xoves © Xoán Crespo

Cara e cruz das decisións políticas fronte ao mesmo problema. Tres meses despois de recortar un 25% as axudas ás vítimas de violencia machista a Xunta vén de poñer en marcha unha medida fronte a estes crimes que só tres autonomías -Andalucía, Castilla-La Mancha e Castilla y León- desenvolvían ata o momento. O Goberno galego deulle este xoves luz verde a un protocolo polo cal exercerá a acusación popular en todos os procedementos penais "en casos de morte por causa de violencia de xénero".

Por ser unha "cuestión fundamental que preocupa á cidadanía", di o vicepresidente Alfonso Rueda -que presidiu o Consello en ausencia de Feijóo-, a Xunta persoarase nestes procesos "cad avez que teña constancia dunha morte" por unha agresión machista. Nese momento, sinala, activarase un protocolo no que o caso pasará á Asesoría Xurídica Xeral da Administración autonómica, que "preparará a comparecencia". Ao tempo, informa o Goberno, activaranse tamén "os recursos de carácter social que se puidesen precisar, como apoio a menores, atención psicolóxica ou axudas económicas".

Unha vez aprobado este acordo será trasladado ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e á Delegación do Goberno central. Trátase, segundo a Xunta, de "garantir a adecuada coordinación e axilidade" na aplicación dunha medida que se inscribe no VI Plan de Igualdade do gabinete autonómico, pero que ten tamén o amparo da Lei da para Prevención e Tratamento Integral da Violencia de Xénero", unhas agresións ante as que, segundo Rueda, "temos que afianzar o noso compromiso na loita para a súa erradicación".

Seis de cada dez vítimas da violencia machista denunciada en Galicia teñen entre 25 e 44 anos, segundo os últimos estudos dispoñibles

Esta medida chega nun contexto no que, segundo os estudos máis recentes, seis de cada dez vítimas da violencia machista denunciada en Galicia teñen entre 25 e 44 anos. No ano 2011 -último dato dispoñible no INE- os procedementos xudiciais iniciados a causa da violencia machista derivaron en 1.599 infraccións penais das que 1.521 foron consideradas delitos. Destes a maioría (813) foron lesións, seguidas por "torturas" e agresións contra a "integridade moral" (267) e as ameazas (261). En menor medida houbo condenas por coaccións (46), agresións sexuais (10), inxurias (4), entrada na morada allea (3) e un homicidio. Tamén foron abondosos os incumprimentos de condena (102). Ademais dos delitos houbo 78 faltas, todas elas consideradas "faltas contra as persoas".

En termos comparados a respecto do resto do Estado, Galicia foi en 2011 a oitava autonomía con máis vítimas de violencia machista en números absolutos, nun rexistro que encabezan Andalucía (7.780), a Comunitat Valenciana (4.438) e Madrid (4.095). Non obstante, se o rexistro observado é a taxa de vítimas por cada 100.000 mulleres (de 14 ou máis anos) Galicia descende ao penúltimo lugar, cunha taxa de 105,3 que só é superior á de Euskadi, que queda no 67,4. Neste indicador a autonomía que sae peor parada é tamén Andalucía (214,3). Séguena Murcia (211,1) e a Comunitatr Valenciana (199,3).

Consello da Xunta deste xoves © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.