A Xunta sinala o persoal da Universidade como os novos 'privilexiados' ante a crise

Feijóo, tras o Consello deste xoves © Ana Varela

O funcionariado fronte aos traballadores e traballadoras do sector privado. As persoas en desemprego con prestación fronte a quen está en paro e non recibe subsidio ningún. Quen traballa cun contrato indefinido fronte a quen o fai cun temporal... Dende o inicio da crise económica non foron poucos os colectivos que, por unha ou outra circunstancia, foron socialmente sinalados como supostos privilexiados fronte ao resto da poboación. As máis das veces, previa aplicación dun recorte social ao colectivo en cuestión. Este xoves o Goberno galego semellou decidir cal é o seguinte colectivo con presuntos privilexios: o persoal das tres universidades do país.

Mentres o Executivo mantiña a súa reunión semanal os tres reitores realizaban un xesto de unidade case inédito. A través dun comunicado conxunto manifestaba o "enérxico rexeitamento" á redución salarial á que se enfrontan os traballadores e traballadoras das institucións académicas, o que para Juan Casares Long, Xosé Luís Armesto e Salustiano Mato é un "novo ataque" ao persoal público, deses que "se fundamentan dende os gobernos sobre as necesidades de axustes orzamentarios" pero que "teñen unha base ideolóxica" co obxectivo de "minorar o público en beneficio doutras iniciativas". "A diminución dos salarios, a paralización das convocatorias de emprego ou a consideración das traballadoras e traballadores públicos como un sector privilexiado son só un chanzo máis no desprestixio do público", sinalan.

Feijóo insta os reitores a seren "moderados" porque o resto de empregados públicos "saben moi ben o que cobran nas universidades"

As verbas dos reitores resultaron, se cadra, premonitorias. Despois de que Casares, Armesto e Mato censuraban o ataque á educación pública, cuxa "calidade ou excelencia" se "pon en cuestión" pola vía do "deterioro das súas condicións laborais", o propio presidente da Xunta lanzáballes unha pouco habitual carga de profundidade. Nunha semana na que dende a Presidencia do Goberno se tenta presentar Galicia como unha illa no océano dos recortes anunciando subas de bolsas mentres o Estado as baixa Alberto Núñez Feijóo asegura non querer "entrar en polémicas" porque "respecto moitísimo as opinións dos reitores". Pero "hai que ser un pouco moderado cando se fan este tipo de plantexamentos", reprocha.

Neste contexto, Feijóo aposta por abrir a controversia dos supostos privilexios entre o conxunto do persoal público. En Galicia, detalla, "traballan 90.000 empregados públicos" que "saben moi ben o que cobran na Xunta e nas universidades". Eses traballadores e traballadoras da Xunta, teoriza, poden facer "comparacións con determinados soldos de universidades" mentres "están facendo unha enorme solidariedade fronte a outros compañeiros". Ao "goberno responsable" preocúpanlle "fundamentalmente, os alumnos e as familias" pero tamén a que denomina "xustiza retributiva entre empregados públicos". Por iso, vén argumenta, unha vez que se lles pasou a tesoira aos docentes "da primaria e da secundaria" tamén lles toca o propio aos que traballan para a universidade. "En Galicia todo se sabe e os cadros retributivos son de público coñecemento", advirte.

Feijóo, ao remate do Consello deste xoves © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.