A Xunta só respondeu nove preguntas da oposición no que vai de xullo

Feijóo responde unha pregunta parlamentaria da oposición CC-BY-SA PSdeG

É un clásico de cada verán, especialmente nos últimos anos, cando a crise económica en xeral e algúns movementos sociais en particular puxeron o seu foco sobre o conxunto da actividade política. Ao chegar o verán os grupos da oposición parlamentaria apresúranse en reclamar que o período inhábil na Cámara -os meses de xullo e agosto nos que non se celebran plenos nin comisións- en hábil e que, cando menos no mes de xullo, o lexislativo galego traballe de maneira ordinaria. Malia non acceder ás reclamacións de PSdeG e BNG o Grupo Popular si vén propiciando nos últimos verán a celebración dun ou dous plenos, así como dalgunha xuntanza en comisión, algunhas con certo contido e outras, de mero trámite. No mes de xullo, por exemplo, xa se celebrou un pleno e acollerá outro. Esta actividade, unida á convocatoria de varias comisións, servíalle o pasado venres ao voceiro conservador, Pedro Puy, para asegurar que este está a ser un "verán de intenso traballo parlamentario en relación con calquera outra situación de período non ordinario anterior".

PSdeG e BNG suman 72 preguntas ao Goberno dende o comezo do mes de xullo

Se ben é certo que a parte máis visible do labor parlamentario son, en primeira instancia, as sesións plenarias, e nun segundo plano as comisións -órganos que tratan asuntos dunha maneira máis sectorial- non ó e menos que o traballo da Cámara non se reduce a estes ámbitos. Ben ao contrario. Outro dos seus cometidos fundamentais recae no control ao Goberno e que ten un dos seus termómetros no rexistro, tramitación e resposta de preguntas escritas, a través das cales a oposición cuestiona o Executivo por asuntos moi concretos, xa sexa dende o punto de vista territorial, temático ou calquera outro. Aínda que o ritmo de preguntas formuladas por PSdeG e BNG se reduciu notablemente no período estival, esta caída é moito menos acusada que a do ritmo de respostas, ata o punto de que, no que vai do mes de xullo, o Goberno galego tan só ofreceu nove respostas. Así, por exemplo, segundo datos do Rexistro parlamentario, contestou unha pregunta do PSdeG sobre os museos galegos que recibiron axudas públicas nos últimos anos e outra do propio Grupo Socialista, que se interesaba pola relación de concellos que carecen de biblioteca pública, á que a Consellería de Cultura contestou cunha listaxe sobre os municipios que si teñen este equipamento cultural. Tamén houbo resposta para unha cuestión do BNG sobre a conservación dos fondos documentais dun antigo xornal agrario.

Fronte á escaseza de respostas gobernamentais, na caixa de entrada do gabinete de Alberto Núñez Feijóo si continuaron a acumularse as preguntas da oposición. Nomeadamente, entre dende o 1 de xullo PSdeG e BNG rexistraron un total de 72 preguntas para a súa resposta escrita, das que 40 corresponden aos nacionalistas e 32, aos socialistas. Entre as cuestións formuladas polo Bloque figura, por exemplo, unha relacionada coas accións que a Xunta ten pensado activar para "protexer as competencias" galegas fronte aos recortes de Rajoy ou outra sobre os "obxectivos concretos" da campaña publicitaria Galicia Competitiva, coa que a Xunta pretende infundir "optimismo" ante a crise e na que prevé gastar máis dun millón de euros. Da banda do PSdeG algunhas das cuestións formuladas relaciónanse cos datos de xubilacións de profesionais da medicina nos centros de saúde do país ou sobre a privatización de servizos en residencias de maiores dependentes da Consellería de Benestar.

Mentres isto acontece non é menos certo que este verán o Parlamento si vivirá un episodio inédito. Ademais da controversia xerada pola pretensión do PP de modificar a Lei de Eleccións para reducir os escanos de 75 a 61, a novidade virá dada pola celebración dunha sesión plenaria nos primeiros días do mes de agosto. Será, moi posiblemente, a vindeira semana, e nese pleno daráselle luz verde á constitución da comisión de investigación sobre as caixas de aforro, á modificación da estrutura do Valedor do Pobo e ao procedemento para que as deputadas ausentes a causa dun embarazo poidan participar nas votacións pola vía do voto delegado ou a través de internet. Unha reunión da Xunta de Portavoces fixará o vindeiro martes a data exacta.

Feijóo responde unha pregunta parlamentaria da oposición CC-BY-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.