A Xunta teima en defender a piscifactoría ilegal de Pescanova en Touriñán

Contorna de Cabo Touriñán CC-BY-SA Praza Pública

Un clásico que semella condenado a non descansar en paz. Xa transcorreu máis dunha década dende que o 28 de xullo de 2005, cinco días antes de que Emilio Pérez Touriño tomase posesión como presidente, o Consello da Xunta dirixido por Manuel Fraga e vicepresidido por Alberto Núñez Feijóo aprobase definitivamente a autorización para construír unha piscifactoría da empresa Insuíña, filial de Pescanova, no espazo protexido de Cabo Touriñán. A comezos deste 2015 a "nulidade de pleno dereito" daquela autorización ficaba definitivamente ratificada no Tribunal Supremo, así como a legalidade da paralización ditaminada polo Executivo bipartito en 2006. No entanto, o actual Goberno teima en defender aquel proxecto.

Hai escasos días a Consellería do Mar remitiu ao Parlamento a resposta a unha pregunta na que, o pasado marzo, a deputada do BNG Ana Pontón cuestionaba o Goberno sobre a "asunción de responsabilidades políticas tras a sentenza na que se declara ilegal o permiso outorgado polo Goberno galego" para a construción desta piscifactoría. Lonxe de admitir a devandita ilegalidade evidenciada polo alto tribunal o departamento de Rosa Quintana insiste en defender a planta e, asemade, culpa o bipartito da indemnización á que a Xunta foi condenada para resarcir a Pescanova pola anulación, compensación contra cuxa contía a actual Xunta non argumentou nos tribunais.

A Consellería réstalle importancia a que a anulación ditaminada polo bipartito fose legal e a autorización do PP, "nula de pleno dereito" segundo o Supremo

Neste documento Mar réstalle importancia ao feito de que "dende unha perspectiva xurídico-formal" a anulación da piscifactoría fose legal, tal e como ditaminou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e referendou o Supremo, para entrar a valorar aquela decisión en "termos de acerto e oportunidade". Para o gabinete de Feijóo "resulta evidente" que, ao anular a decisión que o actual presidente avalou como conselleiro -a autorización urbanística dependía da súa Consellería-, o Executivo de PSdeG e BNG "optou pola vía máis lesiva para os intereses da Administración autonómica". Chega a esta conclusión, afirma, "á vista" da sentenza de febreiro, que condena a Administración a pagarlle 1 millón de euros a Pescanova polos "gastos nos que tivo que incorrer na tramitación do proxecto" autorizado ilegalmente.

O actual Goberno culpa o Executivo de PSdeG e BNG da indemnización á que foi condenada, contra cuxa contía a Xunta non argumentou nos tribunais

Segundo a Consellería, "o axeitado" sería que o bipartito "examinase dende unha perspectiva rigorosamente técnica se a futura execución do proxecto podería comprometer os valores naturais" do Cabo Touriñán e a súa contorna, "outorgando ou denegando motivadamente a preceptiva autorización". Pero "o bipartito -acusa- optou non só por cercenar a eficacia do Plan Sectorial de Ordenación Territorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria na costa galega con respecto a aqueles espazos ubicados en Rede Natura", senón tamén "por suspender a tramitación dos proxectos sectoriais presentados ao amparo de dito plan cuxas instalacións se proxectasen sobre tales espazos".

Tras a anulación Feijóo acusou a Xunta de atentar contra os "dereitos constitucionais" do presidente de Pescanova

Así as cousas, para o Goberno a sentenza non é froito do mal proceder do Goberno do PP, senón da "decisión adoptada polo Goberno bipartito", que segundo o actual Executivo debera seguir adiante coa tramitación do parque ata "outorgar ou denegar motivadamente as autorizacións preceptivas". Segundo o Tribunal Supremo, "dita planta en modo algún era conforme á legalidade urbanística" e por iso foi legal unha anulación que, para Feijóo, era "desoladora" e atentaba contra os "dereitos constitucionais" de quen daquela era presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa. "A ecoloxía -proclamaba daquela Feijóo- empeza polas persoas".

Consello da Xunta presidido por Fraga e vicepresidido por Feijóo © TVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.