A Xunta ten sen entregar o 95% dos papeis que a oposición lle pediu dende a fin do verán

Sesión plenaria no Parlamento © Conchi Paz

Os membros do Parlamento de Galicia teñen dereito a "solicitar das administracións públicas os datos, informes ou documentos que consten en poder destas" para desenvolver o seu traballo parlamentario, xa sexa de apoio ou de oposición ao Goberno. O artigo 9 do Regulamento da Cámara estipula, ademais, que "nun prazo non superior a trinta días" dende cada solicitude a Xunta "deberá facilitar a documentación solicitada" ou explicar as "razóns fundadas en dereito" que "impidan" facelo. Dende a volta ao traballo a finais do pasado verán, o 1 de setembro, o Executivo retén case o 95% dos documentos solicitados polos grupos da oposición.

Segundo consta na base de datos do Parlamento, a cuxa información tivo acceso Praza Pública -a Cámara non publica información ao respecto dende finais de 2013-, dende o pasado 1 de setembro os grupos de PSdeG, AGE e BNG presentaron un total de 150 solicitudes de documentación, das que 121 corresponden aos socialistas, 15 ao Bloque e 14 a alternativa. Ata o pasado día 13 o Goberno galego só rematara a tramitación de 20, o 15,38% do total, mentres que ten sen entregar as 130 restantes.

En máis do 80% dos casos a dilación supón un incumprimento do Regulamento parlamentario

Estas cifras implican que o PSdeG só conta co 12% da información que pediu e agarda resposta a 107 solicitudes, mentres que o BNG dispón de 6 respostas, o 40% do total. Pola súa banda, o grupo de AGE aínda non recibiu ningún dos 14 documentos solicitados. Atendendo as datas de rexistro de cada petición apenas o 17% das solicitudes sen responder non supoñen un incumprimento do Regulamento parlamentario, toda vez que 128 das 150 foron tramitadas hai máis dun mes. Así, en máis do 80% dos casos a dilación supón un incumprimento da normativa vixente.

Se se abre o foco para abranguer o tempo transcorrido dende o inicio da lexislatura, no outono de 2012, a ratio de respostas mellora, se ben a primeira solicitude sen atender se remonta ao 20 de novembro dese ano, cando os socialistas reclamaron unha copia dos "contratos de Pemex asinados" por Feijóo "durante a campaña electoral", pola que aínda esperan. Ao día seguinte o propio PSdeG pediu tamén unha copia de documentos relativos ao proxecto de dique flotante para Ferrol que, máis de dous anos despois, aínda non foron entregados. Tamén existen outros casos rechamantes de papeis non entregados, como o formulado o 8 de marzo de 2013 tamén polos socialistas para obter unha "copia do informe sobre o balance dos cen primeiros días de Goberno tramitado no Consello da Xunta" 24 horas antes ou un informe reclamado polo BNG para coñecer o suposto "aforro" de trasladar diversos servizos da Xunta á Cidade da Cultura.

Dende o inicio da lexislatura a Xunta xa entregou algo máis do 60% da documentación solicitada

Alén destes rechamantes casos e da reticencia a entregar documentos de temas sensibles para o Executivo como o uso do galego no ensino, a mina de Corcoesto, Pescanova ou financiamento dos medios de comunicación, entre outros, as cifras globais indican que a oposición leva formuladas 915 solicitudes de documentación dende que comezou a lexislatura e, destas, 508 xa foron atendidas. Isto implica, polo tanto, que están sen entregar algo máis do 44% dos documentos, a amplísima maioría deles sobradamente fóra do prazo marcado polo regulamento.

Por grupos, o máis numeroso da oposición, o socialista, é o que máis solicitudes formulou, 698, e tamén o que máis respostas recibiu, 387. AGE, pola súa banda, pediu documentos en 109 ocasións e xa recibiu 57 respostas mentres que o BNG obtivo 64 dos 108 documentos que lle reclamou ao Goberno. Porcentualmente o grupo que nesta ocasión sae máis prexudicado é o de Alternativa, que aínda non ten o 48% dos papeis que pediu. Un chisco menos, o 45%, é o que o PSdeG ten sen responder, mentres que o BNG non pode consultar polo momento o 41% da documentación solicitada.

Neste contexto merece unha mención aparte o grupo que sustenta o Goberno, o PP, que por razóns obvias apenas solicita formalmente documentación da Xunta. Concretamente, os rexistros parlamentarios indican que os conservadores fixeron seis solicitudes de documentos dende o inicio da lexislatura, das que tres foron respondidas e outras tres, aínda non.

Feijóo, nunha sesión de control © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.