Este martes a axenda oficial da Xunta apareceu inzada de actos vinculadas á celebración da xornada, o Día do Medio Ambiente. Á fronte dunha nutrida comitiva o presidente, Alberto Núñez Feijóo, desprazábase ao Courel para achegarlle solemnidade á declaración como monumento natural dun pregamento xeolóxico. En Vilariño de Conso o delegado do Goberno galego en Ourense, Rogelio Martínez, encabezou unha solta de animais procedentes dun centro de recuperación. Ademais, no Parque Tecnolóxico o presidente de Augas de Galicia, Francisco Menénez, impartiu unha conferencia. Pero, alén do simbolismo, se cadra o acto con máis transcendencia, polas consecuencias que terá no homenaxeado medio ambiente, foi o menos publicitado. Tratábase dun pouco vistoso almorzo informativo da conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, e do secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, para falar ante a prensa das "bondades" da Lei de Montes, unha norma a piques de rematar o trámite parlamentario fortemente contestada dende colectivos agrarios e ecoloxistas por, entre outras cousas, rebaixar a faixa de protección contra o lume arredor das vivendas.
Quintana e Fernández-Couto non ven motivos para a protesta porque a nova normativa só achega "sentido común" aos montes galegos e mesmo "dá maior seguridade a todos os cidadáns, independentemente de que teñan as súas vivendas en núcleo rural, urbano ou incluso unha casa illada no medio do monte", di a conselleira. "Todos eles quedan obrigados a manter unhas faixas de seguridade fronte ao lume que poidan ser aplicables na realidade", engade. Pero, cales son esas faixas e cales eran ata agora? Ademais de diversas disposicións novas a Lei de Montes inclúe un importante volume de preceptos que derrogan normas anteriores. Neste caso, a afectada é a Lei de Prevención e Defensa contra Incendios do ano 2007 que, entre un forte rexeitamento por parte do PP, fixou en 100 metros a protección ao redor das vivendas e outras instalacións semellantes. Nomeadamente, a norma do bipartito consideraba "obrigatorio xestionar a biomasa vexetal nunha franxa de 100 metros arredor" de casas, campings, infraestruturas ou polígonos industriais, entre outros. Ademais, nos primeiros 50 metros dese espazo ficaban vetadas especies especialmente sensibles ás lapas, como piñeiros, acacias, eucaliptos, xestas, toxos, uces e fentos. Pero esa protección está a piques de ser relaxada.
A nova lei reduce de 100 a 50 a faixa de protección contra o lume en torno ás casas, unha medida "de sentido común" segundo a Xunta
En canto a nova Lei de Montes reciba luz verde da Cámara -previsiblemente, só cos votos do PP- a faixa de protección baixa de 100 a 50 metros e as especies prohibidas poderán estar a tan só 30 metros. Segundo Quintana e Fernández-Couto "non é cuestión de distancias, senón que o perigo non debe existir". En pasadas semanas o propio secretario xeral ten defendido que os "criterios" seguidos para esta modificación legal son "rigorosamente técnicos" e a intención, "acabar coa contradición da Lei de Incendios, que non establece ningunha distancia específica nas casas construídas con posterioridade ás plantacións colindantes".
As "facilidades" para pasar de forestal a agrícola o uso de terreos inferiores a 15 hectáreas ou a nova regulamentación dos cultivos enerxéticos no monte son, para o Goberno galego outros dos aspectos positivos dunha norma que, en cambio, é vista con gran preocupación dende boa parte do sector afectado. É o caso, por exemplo, do Sindicato Labrego Galego cuxa secretaria de Medio Ambiente, Charo Sánchez, non dubida que a lei "bota por terra todo o traballo feito até agora para que o monte seguise estando ao servizo do país e da veciñanza que vivimos nel". Nesta liña, o SLG ve especialmente "grave" a porta que quedará aberta aos "cambios de uso do solo", unha medida que provocará "unha meirande forestación da terra agraria, cando Galicia xa ten unha proporción" deste tipo de predios "por debaixo das demais comunidades autónomas do Estado". Segundo o Goberno este cambio á inversa, de agrario a forestal, guiarase por criterios especialmente "restritivos".
Boa parte dos argumentos destes colectivos contra a nova Lei de Montes exporanse o vindeiro sábado día 9 en Santiago. Será na manifestación "en defensa dos nosos montes" convocada pola Organización Galega de Comunidades de Montes e apoiada pola Alianza por un Medio Rural Vivo, plataforma que xunta a organizacións como Adega, a CIG e a Fruga.