A Xunta vese obrigada a lembrarlle o rango legal do galego á Deputación da Coruña

O titular de Política Lingüística (esquerda), co presidente da Deputación da Coruña © Xunta

"Non temos constancia de que haxa ningunha queixa ao respecto". Esta adoita ser unha das respostas máis recorrentes que os grupos parlamentarios adoitan recibir da Xunta cando tentan obter explicacións a respecto da exclusión da lingua galega nalgún ámbito ou sobre a imposibilidade de facer uso normal do idioma propio. Así e todo, de cando en vez a Secretaría Xeral de Política Lingüística vai alén dese xeito de pechar eventuais conflitos e, ante consultas desta caste, si ofrece máis explicacións. É o que vén de suceder a raíz dunha pregunta parlamentaria que cuestionaba o Executivo sobre a ausencia do galego en certos trámites admininistrativos da Deputación da Coruña e que forzou o departamento que dirixe Valentín García a ter que lembrarlle á institución coruñesa o rango legal da lingua.

A Xunta lémbralle á Deputación coruñesa a oficialidade do galego e a necesidade de facer uso normal da lingua propia

Por iniciativa do seu voceiro en materia lingüística, Bieito Lobeira, o BNG cuestionaba a Xunta pola "exclusión da lingua galega nas comunicacións escritas remitidas polos servizos de recadación" da administración provincial dirixida polo popular Diego Calvo, e instaba a Xunta a facer o oportuno para remedialo. Nomeadamente, Lobeira sinalaba que este tipo de comunicacións están redactadas só en castelán, "proceder lingüístico" que "vulnera o establecido na Lei 5/1988 de uso do galego como lingua oficial de galiza polas entidades locais", así como a Lei de Administración Local de 1997. "Ten previsto o Goberno galego dirixirse á Deputación da Coruña para que, en cumprimento da legalidade vixente, proceda a utilizar a lingua galega nas comunicacións escritas dos seus servizos de recadación?", preguntaba.

Na súa resposta Política Lingüística comeza por informar que, ao recibir a pregunta do Bloque, "dirixiuse ao presidente da Deputación Provincial para transmitirlle a queixa" pero, ademais, para "informalo" de que a Lei de Administración Local "dispón no seu artigo 7 que o galego" é "lingua propia de Galicia e tamén da súa Administración local", atendendo así, abonda, ao "mandato recollido" no artigo 5 do Estatuto de Autonomía. Nun sentido semellante, o departamento dependente de Educación "lembroulle tamén" a Diego Calvo que a institución que preside fai parte da Rede de Normalización Lingüística" da propia Xunta, que "ten como un dos seus obxectivos fomentar a dinamización da lingua galega e o seu coñecemento, uso e divulgación social". Isto, explicáronlle a Calvo, "supón a adquisición dun maior compromiso para impulsar o emprego da lingua no seu ámbito territorial".

Así as cousas, e nunha actitude que no inicio da actual lexislatura sería dificilmente agardable, a Xunta "solicitoulle" a Calvo que "tome as medidas oportunas, co fin de comprobar os feitos", e "informe dos resultados". "No caso de existir o problema", a Deputación debe "garantir que o servizo de recadación da Deputación faga uso normal e oficial do galego nas súas actividades". "Para lles facilitar este labor, ofrecéuselle o asesoramento lingüístico que precisen" da propia secretaría xeral, conclúe a resposta.

O titular de Política Lingüística (esquerda), co presidente da Deputación da Coruña © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.