"Moitos dos que estamos aquí hai menos de medio ano estábamos" noutro escenario "para a constitución e disolución" doutro colectivo. "A todos os que optaron por quedar na casa común, parabéns e grazas". A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, dirixíase deste xeito aos asistentes á clausura da conferencia constituínte de Abrente-Esquerda Democrática Galega. Referíase así á asemblea na que, o pasado marzo, Máis Galiza se constituía en partido e, a continuación, decidía abandonar o BNG. Moitos dos que este sábado se xuntaron na Facultade de Ciencias de Comunicación de Compostela estaban tamén naquel cónclave, entre eles a propia rexedora tomiñesa, que naquela xornada apostou por non tomar o camiño "máis fácil", o de "abandonar o barco no medio da tempestade". Tres meses despois o ambiente do acto final da posta en marche de Abrente diferiu en boa medida do acontecido aquel día. Polas palabras pronunciadas, pero tameń polos asistentes.
Aymerich: "Defendemos as nosas ideas dentro do BNG porque estamos convencidos de que este é o noso espazo"
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, o deputado Bieito Lobeira, en representación da UPG, e o concelleiro compostelán Rafa Vilar, polo Movemento Galego ao Socialismo, seguiron dende a primeira bancada a primeira intervención de Carlos Aymerich como novo secretario executivo da nova corrente, un colectivo que, di o ex voceiro parlamentario, nace como "unha aposta clara polo BNG, non só por responsabilidade política, porque non lle queremos poñer as cousas fáciles ao PP", senón tamén "por coherencia democrática". "Defendemos as nosas ideas dentro do BNG porque estamos convencidos de que este é o noso espazo", proclamou.
Atendendo aos textos aprobados na propia conferencia o nacionalista sinala que a "vocación" de Abrente será "reconstruír a pluralidade" dentro do Bloque. "Que ninguén se chame a engano, a participación democrática, a consideración da pluralidade como un valor e a lealdade a un proxecto colectivo son os principios que guiarán a nosa actuación como militantes do BNG". De "lealdade" falou tamén Sandra González, "coas persoas, non en abstracto". En opinión da nacionalista Aymerich foi "leal consigo mesmo e cos que optamos por seguir a facer país dende esta trincheira" e os membros de Abrente foron "leais entre si", tras un proceso no que, di, foron conscientes de que "é difícil confluír se se quere chegar a puntos distintos". Pode que haxa quen vexa a constitución da nova corrente como o resultado de "desfacer un camiño", di, pero "alguén nos pode dar leccións de perseverancia aos homes e mulleres do BNG?", pregúntase.
Guillerme Vázquez coida que Abrente vai "contribuír a afortalar o pluralismo e a unidade" do Bloque
E se as verbas de Aymerich e González foron de tender pontes cara ao resto do Bloque tamén as foron as do líder frontista. Recollendo, en certo xeito, o espírito da convención na que, o pasado maio, os nacionalistas escenificaron o peche das turbulencias posteriores á Asemblea Nacional, Guillerme Vázquez asegurou que Abrente vai "contribuír e enriquecer o BNG", ademais de "afortalar o pluralismo e a unidade" no seu seo. Deste xeito, di, será máis doado afrontar os "retos" que a Galicia se lle presentan "como nación" ante "un sistema devorador". Co rescate do Eurogrupo ao Estado como pano de fondo Vázquez realizou un percorrido polas "alternativas" que, di, o BNG formula ante o Goberno galego e tamén ante o "Goberno chamuscado" de Mariano Rajoy, nas que tamén contribuirá o novo grupo. "Moito ánimo e moita forza", desexoulles aos presentes.
É neste contexto no que bota a andar un grupo que, ademais de con Carlos Aymerich e Sandra González, conta na súa dirección nacional con Santiago Domínguez, Domi Brión, Ana Luisa Bouza, Camilo Nogueira, Xesús Veiga, Merche Xiráldez, Silvia Díaz, Félix Juncal, Severino Rodríguez, María Alonso, Mónica Nogareda, Luis Seara e Xusto Fernández.