Actos de Galiza pola Soberania, coincidindo co aniversario da Constitución

Acto de Galiza pola Soberania en Compostela © @mediapinta

Asembleas abertas da iniciativa Galiza pola Soberania organizaronn ruadas lúdico-reivindicativas "pola soberania de Galiza", coincidindo co aniversario da aprobación da Constitución. Realizáron ruadas e concentracións "como via para a visibilización da nosa afirmación nacional" e como denuncia de que "a súa constitución non nos representa e reivindicamos a maioridade do pobo galego para construír un futuro libre e sen intromisións nin ameazas".

En Compostela celebrouse unha Ruada de Bandeiras pola Soberanía. En Vigo a Ruada pola Soberanía, partiu dende a Farola de Príncipe, e en Salvaterra dende a praza do Concello. Mentres, na Coruña realizouse unha concentración e acto público no Obelisco baixo o título Esta Constitución é unha fraude! e en Ferrol levouse a cabo unha Ruada Reivindicativa baixo o lema En Galiza temos futuro, trabalhemos pola Soberanía! En Lugo tivo lugar unha concentración no Campo da Feira.

Os actos de Galiza pola Soberania denunciaron "a fraude da Constitución española, unha constitución que non protexe os servizos públicos esenciais, que empobrece as maiorías sociais"

Os actos de Galiza pola Soberania denunciaron "a fraude da Constitución española, unha constitución que non protexe os servizos públicos esenciais, que empobrece as maiorías sociais, que fai que pague máis impostos quen menos ten, que nega a nosa cultura e a nosa lingua e que consagra a monarquía". Tamén se sinalou que a Constitución "négalle a Galiza a soberanía para poder decidir o noso futuro, o agro, a pesca, o noso sector industrial e enerxético, os nosos servizos públicos, mais que, con todo, se reforma de acordo ao ditado das oligarquías financeiras e do capital transnacional para facelos a eles máis ricos a costa de empobrecer o pobo galego e a Galiza".

"Superar a Constitución de 1978"

O BNG fixo pública unha declaración na que considera que a Constitución de 1978 "está superada e debe ser modificada para dar resposta ás aspiracións das nacións que conforman o Estado español, nacións que demandan os mesmos dereitos que calquera outra comunidade do concerto internacional e, polo tanto, deben ser recoñecidas como tales". Neste sentido, o BNG demanda "un marco constitucional onde Galiza poda exercer os seus dereitos democráticos, históricos e nacionais, comezando polo dereito á libre determinación e polo dereito a ser unha nación soberana, desde o principio de que a democracia ten que garantir igualdade de dereitos e de oportunidades entre persoas, mais tamén entre os pobos".

"O cinismo político do PP que non ten reparos en incumprir sistematicamente a Constitución que di defender para impor un programa de goberno que recorta dereitos sociais e liberdades individuais"

O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, denuncia pola súa banda "o cinismo político do PP que non ten reparos en incumprir sistematicamente a Constitución que di defender para impor un programa de goberno que recorta dereitos sociais e liberdades individuais e avanza cara unha recentralización en detrimento do autogoberno de Galiza" e conclúe que "a lexislación e a normativa do Goberno do PP deixa en papel mollado dereitos fundamentais recollidos no texto de 1978, como o dereito ao traballo e á negociación colectiva, cos recortes no servizo público de pensións, sanidade ou educación, cunha lexislación que consinte os desafiuzamentos fronte ao dereito a unha vivenda digna, cunha Facenda que persigue aos emigrantes retornados en lugar do mandato constitucional de favorecer a súa integración".

Manifesto conxunto das organizacións xuvenís independentistas

Isca! e Briga participaron xunto con outras organizacións xuvenís independentistas do Estado: Arran, Darréu, Ernai, Inekaren, Jaleo!!!, Purna e Yesca, nunha presentación pública en Madrid, na Praza de Oriente. Anunciaron a posta en marcha dunha dinámica de traballo conxunto co fin de "visibilizar e fortalecer a súa loita, en boa parte, afirman, dirixidas contra un inimigo común: o rexime capitalista español".

Quixeron denunciar a, baixo o seu punto de vista, "substancial continuidade entre o franquismo e o réxime pseudodemocrático encarnado na Constitución Española que nega os dereitos dos nosos pobos. Xusto no corazón do seu imperio vido a menos e que, din, aspiran a derrubar definitivamente, as mocidades rebeldes dos pobos maniféstan a súa firme vontade de ser o pior pesadelo daqueles que negan o dereito a un futuro digno".

Acto de Galiza pola Soberania en Compostela © @mediapinta
Acto de Isca! en Madrid Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.