AGE ante os seus retos

Imaxe du mitin de AGE en Lugo durante a campaña electoral CC-BY-NC-SA AGE

“AGE é unha cultura política por construír e por ampliar. Apostouse por darlle máis valor ás cousas que nos unían que ás que nos separaban dado o momento de excepcionalidade. Hai unha certa semellanza coa Fronte Popular do 36. É un reto de futuro”. Así define Martiño Noriega o proxecto político de Alternativa Galega de Esquerda medio ano despois da súa constitución, un proceso acelerado que xa tivo que superar moitos retos, comezando polo electoral e polo traballo conxunto no Parlamento de deputados de Anova e Esquerda Unido, e que nos vindeiros meses terá que enfrontar outros, nomeadamente o afortalar a converxencia entre as forzas que compoñen AGE e facer visible un proxecto alternativo que se sume á súa capacidade de denuncia. Polo camiño, ademais, esta primavera terán lugar as importantes asembleas nacionais de Anova e Esquerda Unida.

Beiras: "Era aposta moi arriscada porque eramos forzas moi distintas, un acordo transfronteirizo que podía non callar”

Os partidos que integran AGE fan un "balance positivo" do traballo desenvolvido até o de agora no Parlamento. "Queríamos levar a voz da rúa ao Parlamento e creo que o fixemos a través dun programa en defensa da maioria social agredida. Era aposta moi arriscada porque eramos forzas moi distintas, un acordo transfronteirizo que podía non callar”, é o balance que realiza Xosé Manuel Beiras. E en parecidos termos exprésase Xoán Hermida (Espazo Ecosocialista), que destaca que se "superaron tabús -de unir a esquerda nacionalista e a esquerda non nacionalista-  e iso conseguiuse superando os respectivos paradigmas e reticencias. E aceptando unha formulación de esquerda nacional". E engade que "non seria bo que o cantos de serea que uns ou outros poidan recibir forcen unha volta aos vellos paradigmas".

Díaz: "A Asemblea de EU vai rematar cun chamamento a reforzar AGE e que vaia máis aló do proceso electoral e parlamentario. O obxectivo é sumar moitas máis voces de esquerda que hai no pais. E a gañar forza na rúa”

E tamén Yolanda Díaz, que salienta que "vivimos nunha situación de emerxencia e que máis ca nunca necesitamos o traballo conxunto de todas as forzas da esquerda" e adianta que "a propia asemblea de EU vai someter a votación unha resolución expresa de apoio ao proceso de constitución de AGE. Polo tanto a Asemblea de EU vai rematar cun chamamento a reforzar AGE e que vaia máis aló do proceso electoral e parlamentario. O obxectivo é sumar moitas máis voces de esquerda que hai no pais. E a gañar forza na rúa”.  Díaz denuncia que "están arrasando con todo, Galicia está en venda. Debemos sumarnos e organizarnos, ou doutro xeito esta batalla vana gañar eles. Xa están gañando por goleada". E chama a atención sobre a necesidade de "repolitizar o conflicto social que agora está latente" e, citando a Zizek, chama a "uniformizar os conflitos sociais que na actualidade se expresan de forma individual. A estratexia do neoliberalismo é dividir os conflitos".

Precisamente a Asemblea Nacional de Esquerda Unida (que terá lugar o 27 de abril) e a de Anova (que se celebrará en dúas etapas: unha primeira asemblea, aberta e deliberativa, o 21 de abril, e unha segunda con carácter decisorio o 8 e 9 de xuño), marcarán en boa medida o que AGE poida e queira ser. As dúas citas teñen unha grande importancia: a de Anova dende logo por ser constituinte da formación, e a de EU polo crecemento e maior implantación experimentados pola coalición nos últimos anos. E tamén porque o xeito en que un e outro definan as súas teses políticas farán máis fácil ou máis difícil o traballo conxunto en AGE e a superación dos posibles puntos de frición, por exemplo a soberanía.

Noriega: "Hai bo ambiente institucional, pero tamén receos entre as partes. É importante demostrar que o lexitimo comportamento das partes por separado non é incompatible co funcionamento do todo"

A este respecto Martiño Noriega salienta que "hai bo ambiente institucional, pero tamén receos entre as partes. É importante demostrar que o lexitimo comportamento das partes por separado non é incompatible co funcionamento do todo. E ás veces hai que abandonar os lexítimos obxectivos de cada un en beneficio do ben común". E todos os actores implicados fan un chamamento a ampliar a coalición "para fortalecer a alternativa fronte ás políticas do PP e a troika", en palabras de Díaz. "Xa fixemos esa proposta na campaña electoral. Aquí non sobra ninguén sempre que se asuman posicións de esquerda de ruptura con este sistema e que se asuma tamén o dereito de autodeterminación. Xa o fixemos e seguimos nesa postura. A oferta estaba e está aberta. O que pedimos é que non se poñan cancelas nin se exclúa a ninguén", di Beiras.

 

Un programa alternativo

Manuel Lago: "Teñen que facer un esforzo por facer máis visible a súa capacidade de crear unha alternativa. Doutro xeito poden aparecer como un grupo que loita ben pero que lle custa presentar alternativas"

Son moitos os que advirten que, mesmo avaliando positivamente o traballo de AGE no Parlamento, Alternativa non foi quen polo momento de opoñer unha alternativa programática consistente ao Goberno de Alberto Núñez Feijoo. Noutras palabras, AGE foi moi eficaz á hora de denunciar o que o PP fai mal e para levar ao Parlamento a voz dos colectivos agredidos polas súas políticas, pero non presentou unha alternativa de poder.

A este respecto o economista Manuel Lago sinala que "esta é unha fase inicial dun traballo de lexislatura no escenario complexo dunha maioría absoluta do PP en todas as institucións. É difícil elaborar unha proposta alternativa. Por moito que te esforces por ofrecer a túa proposta a maioría absoluta vaise impoñer". E engade que "creo que eles están na fase de dar un paso adiante. Teñen que facer un esforzo por facer máis visible a súa capacidade de crear unha alternativa. Doutro xeito poden aparecer como un grupo que loita ben pero que lle custa presentar alternativas". Tamén Xoán Hermida pensa que ese labor "é parte do proceso de maduración de AGE" e alerta dos perigos de ficar no "resistencialismo". Porén engade que "co tempo Anova e EU farán un traballo propositivo máis importante. Creo que a propia dinámica levará a iso".

Beiras: "Queriamos levar a iniciativa e non estar respondendo ás iniciativas do PP". "Agora que pasou o debate dos orzamentos entramos nunha nova fase. Temos que levar a iniciativa e temos outro reto que é levar o parlamento fóra"

A este respecto Beiras sinala que "somos un grupo parlamentar de novicios. Eu era o único que tiña experiencia parlamentar" e destaca que "saímos airosos de moitas probas: comezando polas emendas aos orzamentos, que é o traballo máis complexo. Hai unha ósmose moi grande. Non se percibe que as intervencións dun ou doutro deputado". Beiras salienta que "polo de agora conseguimos un dos nosos obxectivos: levar a voz da rúa ao Parlamento, aínda que dende logo non somos os únicos que o facemos", pero recoñece que polo de agora AGE non foi quen de cumprir outro dos grandes obxectivos da coalición: "Queriamos levar a iniciativa e non estar respondendo ás iniciativas do PP". "Agora que pasou o debate dos orzamentos entramos nunha nova fase. Temos que levar a iniciativa e temos outro reto que é levar o parlamento fóra", di.

Pola súa banda, Martiño Noriega destaca a este respecto que "hai que marcar un programa de mínimos que demostre que se poden facer as cousas de forma diferente e que marque novos vieiros, como se marcaron en América Latina para saír da crise económica dos anos 90, salvando todas as diferenzas". E engade que "a retroalimentación dese proceso ten que ter en conta os colectivos sociais. Esa proposta alternativa hai que facela en conxunto coa sociedade civil e coa esquerda social. E ese é un reto que temos por diante".

 

O futuro

Antón Baamonde: "AGE pode gobernar as cidades e mesmo a Xunta. Iso depende de que se presente cun proxecto convincente e de que atope bos equipos para presentarse ás municipais. E ese será o primeiro paso para desputar a Xunta"

Antón Baamonde salienta que “AGE demostrou que había unha oferta política que non estaba nas outras opcións. Demostrou que había un espazo sen cubrir" e que "hai moitos motivos polos que AGE ten futuro. Pola situación de crise económica e polarización política e porque en Galicia hai un espazo de esquerda real e de nacionalismo construtivo que PSOE e BNG non cobren". Para Baamonde, "AGE pode gobernar as cidades e mesmo a Xunta. Iso depende de que se presente cun proxecto convincente e de que atope bos equipos para presentarse ás municipais. E ese será o primeiro paso para desputar a Xunta. Feijoo é unha anomalía que ten máis que ver coa debilidade da esquerda".

Tamén Xoán Hermida fai fincapé nas eleccións municipais de 2015: "as municipais deberian intepretarse cunha clave que fose máis aló do ámbito local. O poder do PP en Galicia consolidouse en boa maneira nas municipais do 2011. E tamén foi o inicio do 15M. Seria un bo momento para provocar unha mudanza do poder político en Galicia".

Porén, antes diso AGE debe enfrontar varios retos e desafíos que poden converter o seu éxito en "fugaz", sinala Antón Baamonde. Manolo Lago cre que nalgún momento AGE deberá "definir a súa estratexia política para que esas políticas alternativas se poidan levar adiante. Por moito que elabores un documento sobre o naval tes que chegar a alianzas con forzas para difundilo".

Baamonde: "Eu pediría menos sobreactuación e si unha aposta por unha transformación real do pais"

Baamonde sinala que "o bipartito non contestou o poder da dereita. Non a retaron, senón que buscaron cooptarse buscaban facer o fraguismo sen Fraga". E pregúntase: "AGE retará e non cooptará? Imporá unha certa moderación nas formas pero irá ao fondo dos temas?". Para concluír: "Eu pediría menos sobreactuación e si unha aposta por unha transformación real do pais. Hai moitas cuestións: transparencia, subvencións, evitar o capitalismo de amiguetes que se veu dando en Galicia nos últimos anos con Pescanova ou as caixas".

De igual xeito, David Rodríguez advirte de que “se Anova ou AGE non asumen que a xente mira para eles con moito detemento para que cumpran o que din, poden tirar abaixo todo o seu capital político. Teñen que cumprir as expectativas”. E engade “temos dereito a ser esixentes cos partidos. Son ferramentas e se non serven hai que desbotalos”.

Noriega: "Son momentos dunha nova cultura política e de liderados compartidos. Se esta organización non traballa con esta nova cultura política eu non vou estar"

Martiño Noriega afirma que "hai que ser porosos. Isto é un movemento en marcha" e faille unha esixencia a Anova no seu proceso de constitucion: "As organizacións teñen que ser operativas, pero teñen que selo de abaixo a arriba e non de arriba a abaixo. Son momentos dunha nova cultura política e de liderados compartidos. Se esta organización non traballa con esta nova cultura política eu non vou estar. Eu creo no proxecto de Anova. Pero a miña participación en primeira fila vai depender de se cumpran eses parámetros e que Anova sexa diferente dos outros partidos”. Finalmente, Beiras chama ás forzas de esquerda a "colaborar" pois "non se trata de desputarse espazos. Trátase de artellar un espazo plural non só para desprazar o PP en Galiza senón en todo o Estado e para provocar unha creba democrática".

Imaxe du mitin de AGE en Lugo durante a campaña electoral CC-BY-NC-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.