AGE despide un empregado detido nunha investigación de presunta pornografía infantil

CC-BY-SA Praza Pública

O presidente do Parlamento, Miguel Santalices autorizou este martes a entrada no recinto de axentes da Unidade de Investigación Tecnolóxica da Policía Nacional que solicitaron acceder ás oficinas de Alternativa Galega de Esquerda (AGE). Segundo puido saber Praza.gal, a delegación policial rexistrou o ordenador dun dos empregados do grupo parlamentario no marco dunha investigación contra a tenencia e distribución de pornografía infantil en internet. AGE xa o despediu "cautelarmente".

Fontes parlamentarias consultadas por este diario especifican que os axentes solicitaron información sobre un asunto "privado" vinculado a un dos seus membros do seu persoal de confianza, que veu exercendo labores de asesoramento de Esquerda Unida, formación que na tarde deste martes confirmaba á axencia Europa Press a suspensión de militancia do detido e a apertura dun expediente ao respecto. Desde a presidencia do Parlamento especificouse, do mesmo xeito, que a investigación é "allea" á institución.

Fontes policiais indican que o empregado é o único obxectivo da investigación, dirixida dende un xulgado da Coruña

Fontes policiais consultadas por este diario explican que o empregado foi detido este luns e, tras o rexistro do seu domicilio, os axentes dirixíronse ao seu posto de traballo. As mesmas fontes confirman que o detido é o único obxectivo desta investigación, que é dirixida desde un xulgado da Coruña.

Tras o rexistro o portavoz de Alternativa, Xosé Manuel Beiras, reuniuse co presidente da Cámara, Miguel Santalices, no propio Parlamento, que este martes celebra sesión plenaria. Despois da xuntanza, na que tamén participou o letrado maior da Cámara, o propio Beiras confirmou o sucedido e o despedimento en comparecencia de prensa acompañado polos vicevoceiros Antón Sánchez e Eva Solla.

Beiras detalla que foi o xefe superior de Policía de Galicia quen solicitou a entrada no despacho para examinar o ordenador "dunha das persoas que traballan para AGE" por mor "dun asunto grave relacionado cun delito tecnolóxicos relacionado coa pornografía e os menores". "Foi o propio encausado o que solicitou ou propuxo que se realizase un rexistro no seu despacho", indicou Beiras, quen ratifica que a investigación non ten vínculos coa "actividade política".

Esta detención prodúcese case sete anos despois de que en outubro de 2009 dous militantes de EU en Ferrol denunciasen ante a Policía as súas sospeitas de que un ordenador da sede do partido fora empregado para acceder a contidos de pornografía infantil. Daquela a coordinadora nacional da organización, Yolanda Díaz, na altura edil ferrolá, trasladara o computador sospeitoso ao xulgado e formulara unha denuncia nos mesmos termos, que foi arquivada no ano 2011. Meses despois dese arquivo o caso volveu á actualidade local xa que, como publicara daquela La Voz de Galicia, un dos devanditos militantes fora expulsado por razóns "disciplinarias" e, ao seu xuízo, empregárase o conflito aberto coa denuncia para afastalo da organización.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.