AGE e BNG rachan co PSOE tras o seu acordo na Cámara co PP

Puy, Romeu, Beiras e Jorquera, durante unha Deputación Permanente CC-BY-SA Praza Pública

Os acordos entre PP e PSOE para a renovación do Valedor do Pobo, o Consello de Contas e, especialmente, o consello de administración da CRTVG, ou a reforma precipatada do regulamento da Cámara veñen de abrir unha importante fenda entre AGE, BNG e grupo mixto e o PSdeG. Logo da xunta de portavoces, o vicevoceiro de Alternativa, Xosé Manuel Beiras, deu mesmo por "dinamitadas" as "pontes de diálogo" cos socialistas, mentres que o voceiro do Bloque, Francisco Jorquera, censurou o "cambalache" entre os dous grandes partidos.

Beiras dá por "dinamitadas" as "pontes de diálogo" co PSdeG tras o paso "dun monopolio do PP ao duopolio"

O portavoz parlamentario do PSdeG, Méndez Romeu, pola contra, atribuíu as duras críticas de AGE e BNG a que se unirán nunha candidatura para as eleccións xerais, mentres que o seu homólogo popular Pedro Puy, cre que a reacción de Bloque e Alternativa permite "sacar conclusións do talante democrático" dalgúns grupos, en clara referencia a estes últimos. 

A fenda semella grande. De feito, Beiras cre que o acordo entre PSdeG e PP provoca "unha pequena metamorfose na estrutura interna do Parlamento". "Até o de agora existía o monopolio do PP; agora pasamos ao duopolio, como a Coca-Cola e a Pepsi-Cola, que simulan unha competencia entre eles inexistente", asegurou quen cre que socialistas e populares están a poñer en práctica "o que xa terán pactado na escuridade Felipe González e Mariano Rajoy". 

Tanto Beiras como Jorquera denunciaron que PSOE e PP acordasen, sen nin tan sequera consultar aos grupos da oposición, materias como a composición do consello da CRTVG, o Consello de Contas ou unha reforma do regulamento parlamentario que o líder de AGE cualifica de "reaccionaria e agresiva" coas minorías. “O PSOE alíñase co PP e cómpre ter isto moi claro, tamén de cara ás vindeiras eleccións a Cortes”, engadiu, “porque esta reforma do regulamento, que deixa en inxenua a de Fraga en 1993, supón un atentado contra os cidadáns e cidadás que non votan o partido que está no Goberno e, agora, tamén contra os que non votan o PSOE”, insistiu. 

Jorquera di que o acordo PP-PSOE "pretende blindar o estatus bipartidista do Parlamento"

"O acordo PP-PSOE pretende blindar o estatus bipartidista do Parlamento recortando capacidade de iniciativa ao resto dos grupos”, criticou tamén Jorquera, que cre que se "usa o Parlamento como decorado para referendar o que xa cociñaron por detrás e reproducindo un esquema de cotas que atenta contra a independencia que deben ter os órganos estatutarios e da a radiotelevisión públicas”, insistiu. 

Para Beiras, o acordo encádrase no "esgotamento xeral do réxime nacido da segunda restauración borbónica". “O PSOE está en conivencia con esa metamorfose do nazismo que dirixe a escala europea Schäuble”, relatou, “mais tal e como están as cousas, ben hai un golpe de Estado ao estilo do que fixeron en Grecia, ben a cidadanía varrerá todo isto". 

O BNG non descarta emprender accións legais ante o proceso de renovación do consello de administración da CRTVG

O BNG, pola súa banda,non descarta emprender accións legais ante o proceso de renovación do consello de administración da CRTVG por entender que se trata “dunha ilegalidade manifesta e dun disparate” que incumpre a Lei de Medios Públicos de Galicia. Jorquera considera que o pacto "vulnera a mencionada lei porque ignora que a renovación do consello de administración do ente ten que ir acompañado da escolla dun novo director/a e dunha proposta marco".

Todo se debaterá finalmente no pleno extraordinario do vindeiro luns e martes. Tamén as leis de estradas, de financiamento de partidos políticos, do Consello de Contas e máis unha iniciativa lexislativa popular a respecto da participación cidadá. Ademais, discutirase a reforma do regulamento da Cámara e sobre o teito de gasto.

O BNG cre que a mesma convocatoria do pleno extraordinario imposta polo PP en horario vespertino evidencia o "desexo de minimizar o debate na opinión pública nun momento" en que Feijóo quere presentarse “como campión da rexeneración democrática”. En definitiva, argumenta Jorquera, “quere culminar o trámite das leis que formar parte da súa operación de lifting para encubrir a falta de iniciativa do seu goberno e a súa falta de compromiso na loita contra a corrupción”. 

 

O PSOE alude a Venezuela e Grecia para criticar a BNG e AGE

O socialista Méndez Romeu, non obstante, cre que a reforma do regulamento da Cámara “mellora notablemente ao anterior e non prexudica os grupos parlamentarios”. Para o voceiro do PSdeG, as críticas conxuntas de BNG e AGE evidencian a “presentación da campaña electoral coa fusión destes grupos co obxectivo non de gañarlle ao PP, senón de substituír o PSOE como alternativa de goberno”.

Méndez Romeu acusa a BNG e AGE de unirse para "substituír o PSOE como alternativa" e pregúntas se queren substituír o sistema por "Venezuela ou Grecia"

Ademais, criticou as “descualificacións apocalípticas” dirixidas a “enterrar o réxime” e preguntouse se Bloque e Alternativa “queren enterrar o réxime democrático para substituílo polo sistema político venezolano ou a situación na que se atopa o goberno de Grecia”.

O voceiro do PP, Pedro Puy, cualificou o vindeiro pleno extraordinario como “transcendente e dos máis importantes desta lexislatura polo que supón de aposta polas nosas institucións autonómicas e da normalidade democrática”. Respecto ás críticas de BNG e AGE, asegura que "o único que tratan estes grupos parlamentarios é de entorpecer e distraer a atención con cuestións formais sobre o que se vai debater". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.