"AGE non foi unha carambola, senón a consecuencia dun movemento de varios anos"

Capa do libro © Obencomún

Xoán Hermida vén de publicar [Re]construír a esquerda nacional. Desde a Rolda de Rebeldía a AGE, que reúne tres anos de artigos e intervencións sobre a evolución da esquerda galega. A obra, que serve para lanzar o selo Obencomún, consta de 30 textos, e constitúe unha aposta pola construción dunha "esquerda nacional, transversal, renovadora e transformadora". Lembra que desde hai anos os homes e mulleres da esquerda se atopan orfas de referentes que liberen as súas enerxías e as súas demandas de cambio e sinala a importancia do movemento 15-M para poñer de relevo a "desafección de sectores sociais importantes con respecto aos instrumentos partidarios existentes" e para amosar "unha demanda dunha nova forma de facer política".

Hermida, coordinador nacional de Espazo Ecosocialista, presentou o libro este luns en Compostela e fará o mesmo este mércores en Pontevedra, o xoves en Cangas e o venres en Vilagarcía. As presentacións continuarán en Monforte (mércores 12 de xuño), A Coruña (xoves 13), Ferrol (mércores 19), Ribadeo (venres 21), Ourense e Vigo.

A obra parte dunha intervención inicial na Rolda Rebeldia organizada hai tres anos polo Encontro Irmandiño, á que Xoán Hermida concede unha grande importancia

A obra parte dunha intervención inicial na Rolda Rebeldia organizada hai tres anos polo Encontro Irmandiño, á que Xoán Hermida concede unha grande importancia: "foi a primeira reflexión conxunta de xente da esquerda de dentro e de fóra do muro, de xente que estaba dentro do BNG, pero tamén de xente que estabamos fóra, nos movementos sociais, como un intento de repensar a esquerda". Porén, Hermida tamén pon en valor o periodo anterior: "Creo que habería que analizar a década que vai do 2002 ao 2012. No 2002, co nacemento de Nunca Máis, é cando nacen os movementos sociais en Galicia, tal e como os coñecemos hoxe. Antes había uns protomovementos pero funcionaban sobre todo como correas de transmisión dos partidos. E aí comeza un proceso de empoderamento dos movementos sociais que remata en AGE".

E o libro chega até os primeiros meses de actividade de AGE, da que Hermida salienta que "non é o final do camiño, senón apena un xermolo. A través de AGE catalizase todo ese proceso. A proba é que moita da xente que está no entorno de AGE é xente que estivo en todo o proceso do Foro Social Galego". Xoán Hermida fai fincapé en que "os resultados de AGE non foron unha carambola, unha casualidade, senón que fora a consecuencia dun movemento de varios anos e de moitas voces que estabamos dicindo que o paradigma da esquerda cambiara". En canto ao futuro de Alternativa, o autor sinala que a AGE necesita "ampliarse" e sobre todo "ter membros en lugar de participantes. Hoxe só se pode participar a través dos seus catro partidos e AGE necesita crear espazos de participación da cidadanía".

Xoán Hermida fai fincapé en que "os resultados de AGE non foron unha carambola, unha casualidade, senón que fora a consecuencia dun movemento de varios anos e de moitas voces que estabamos dicindo que o paradigma da esquerda cambiara"

Hermida engade que o período que vai de Rolda Rebeldía ás eleccións "foron tres anos de moita actividade, non só nas rúas senón tamén no que se refire ao pensamento, por parte de distintas persoas que dende distintas trincheiras estaba traballando polo mesmo. Parecíame que era o momento de reivindicar ese campo, o da teorización. Revisando os textos vin que tiñan coherencia interna, e que neles tamén se advertía unha evolución: por exemplo os primeiros eran moi críticos con EU e nos seguintes xa se recoñece a evolución das súas propostas".

O autor denuncia que "a esquerda perdeu a presenza natural entre a sociedade civil activa". "Había unha visión sobre a cidadanía organizada de tutelaxe e de correa de transmisión dos partidos. Dende aí avanzouse cara a unha idea de representatividade. E creo que xa estamos na terceira fase: o que debe facer a esquerda é estar implicada con eles. No fondo é recuperar a vella política de hai un século", di. E conclúe: "É necesario repensar a esquerda porque se non, faremos resistencia pero non alternativa. É necesario repensala na súa relación coa cidadanía e cos sectores que quere representar".

O autor denuncia que "a esquerda perdeu a presenza natural entre a sociedade civil activa"

En canto ao futuro da esquerda, Hermida sinala que ten "unha crise de paradigma" e "sofre un cambio estrutural motivado pola mudanza da tradicional clase obreira. E iso non se amaña nuns poucos anos". Pero engade que observa "indicadores de intelixencia na esquerda e hai anos non o facía. Hai xente que dende posicións distintas está comezando a construír cousas interesantes". E destaca a importancia da acción fronte aos grandes discursos: "a acción fai moito. A acción permite contaminarse uns cos outros".

 

Convocatorias electorais

"Diante dunha situación tan dramática a esquerda pode permitirse moi pouco luxos e non se pode permitir ir separada a unhas eleccións"

Hermida salienta que "as municipais pecharán un ciclo que se iniciou co 15M e teñen unha importancia capital". En canto ás elección europeas e á posibilidade de formar unha fronte que agrupe todas as forzas que apostan pola ruptura, o autor cre que "un escenario no que nas europeas cada un fose polo seu lado non seria dramático, pero creo que a xente non o entendería e castigaríanos por iso. Diante dunha situación tan dramática a esquerda pode permitirse moi pouco luxos e non se pode permitir ir separada a unhas eleccións".

E conclúe que "as europeas deben ser unha demostración de que se pode construír unha alternativa. A unidade que fai falla é a unidade de todos fronte ás elites do réxime, que son o PSOE, CiU e PP. Ten que ser a unidade de todos os demais baixo un programa democrático e de esquerdas" e sinala que "con esta situación a xente non entendería que non se formase unha alianza de esquerdas no Estado entre forzas nacionalistas e non nacionalistas. Esquerda Unida está dando pasos para entender a pluralidade nacional do Estado e outras forzas seguen enrocadas en limites que non teñen sentido".

 

Ecosocialismo

"O noso papel neste momento debe ser o de achegar ideas e promover ideas. As batallas non se deben decidir por un sistema de maiorías e minorías, senón que nós gañaremos cando sexamos capaces de transversalizar as nosas ideas políticas ás outras forzas"

Hermida, coordinador nacional de Espazo Ecosocialista, recoñece que "o ecosocialismo en Galicia vai ser unha forza pequena en Galicia durante algún tempo. Pero creo que o ecosocialismo ten moito percorrido porque Galicia sufriu moitisimos ataques ao seu modelo económico, que era un modelo sustentable". E engade que "o noso papel neste momento debe ser o de achegar e promover ideas. As batallas non se deben decidir por un sistema de maiorías e minorías, como lembraba Sacristán, senón que nós gañaremos cando sexamos capaces de transversalizar as nosas ideas políticas ás outras forzas".

Capa do libro © Obencomún

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.