AGE obtivo máis apoios dos votantes do BNG en 2009 que o propio Bloque

Colexio electoral en Lugo CC-BY-SA Merixo

Fíxose agardar pero o Centro de Investigaciones Sociológicas (CIS) publicou este mércores o seu estudo postelectoral dos comicios celebrados en Galicia o pasado mes de outubro. A enquisa, que foi elaborada entre outubro e decembro do pasado ano, permite analizar os transvases de voto entre as distintas candidaturas, ao igual que medir a influencia da campaña, e tamén ofrece datos sobre a ubicación ideolóxica de votantes e partidos e sobre a valoración dos distintos candidatos.

O PP mantivo o 91,5% dos seus votantes sen perder apoios significativos en dirección a ningunha das outras opcións

Comparando o recordo de voto en 2009 e o que os entrevistados declaran ter votado en outubro de 2012, atopamos que o PP mantivo o 91,5% dos seus votantes sen perder apoios significativos en dirección a ningunha das outras opcións, clave sen dúbida ninguna do seu triunfo electoral e da súa renovada maioría absoluta. O PSdeG retivo o 63,7% dos seus votos, perdendo un 17,2% en favor de AGE e un 5,2% en favor do PP. O máis significativo de toda a enquisa é que entre os votantes do 2009 do BNG son máis os que recoñecen ter votado a AGE en 2012 (42,7%) que ao propio Bloque (38,4%). AGE tamén recolle un 12% do voto en branco de 2009 e un 24% dos abstencionistas daquela. En canto aos novos votantes, aqueles que non tiñan idade para votar en 2009, o BNG obtén un maior apoio (22,6%) por diante do PP.

Os votantes do 2009 do BNG son máis os que recoñecen ter votado a AGE en 2012 (42,7%) que ao propio Bloque (38,4%)

O PP é a forza máis votada en todos o treitos de idade, pero obtén unha maioría máis clara entre os maiores de 65 anos (56% dos votos fronte ao 16% do PSdeG) e de 55 (40% dos votos, fronte ao 15% do PSdeG). Entre os menores de 45 anos, o apoio ao PP cae por debaixo do 30%, aínda que crece entre os que teñen menos de 25 anos. É tamén entre os menores de 45 anos onde AGE obtén os seus mellores resultados: 24% entre os que teñen entre 25 e 35 anos, e 19% entre os que contan entre 35 e 45 anos. O voto ao PSdeG é máis estable nesta categoría e o do BNG tamén se concentra en maior medida entre os máis novos, sobre todo entre os que están por debaixo dos 25.

 

Campaña electoral

O 65% dos electores din que tiñan decidido o seu voto antes da campaña electoral e un 17% afirma que estaba en dúbidas, ben entre distintas candidaturas, ben entre votar por unha forza e absterse e/ou votar en branco

O 24,3% dos entrevistados cualifican de “boa” ou “moi boa” a campaña electoral do PP e unha porcentaxe semellante (22%) cre que foi “mala” ou “moi mala”. Porén, son máis os que afirman que a campaña do PP empeorou a imaxe que tiñan deste partido (16%) fronte aos que din que a “mellorou” (14%). Entre as forzas da oposición, tan só a campaña de AGE acada unha proporción relevante de respostas positivas (13,9%) e AGE é tamén a única candidatura que conseguiu que a campaña mellorase a impresión que os electores tiñan dela (19% fronte a un 13% que di que a súa imaxe empeorou). Apenas o 5% dos electores valoran positivamente as campañas de PSdeG e BNG e ao redor do 30% afirman que a imaxe destas dúas forzas saíu debilitada, unha impresión que comparten mesmo os seus votantes en 2009: no caso dos socialistas o 10% di que a imaxe do partido que votaran “mellorou” na campaña por un 30% que din que “empeorou”. No caso do BNG a proporción é semellante: 11% fronte a 33%. En cambio o 29% dos votantes do PSdeG en 2009 recoñecen que a imaxe que tiñan de AGE mellorou e o mesmo di o 41% dos votantes do BNG en 2009.

As dúbidas máis frecuentes eran as que se situaban entre AGE e BNG (10,6%), PP e PSdeG (9%), PSdeG e AGE (6,3%), e PP e a abstención (6%)

O 65% dos electores din que tiñan decidido o seu voto antes da campaña electoral e un 17% afirma que estaba en dúbidas, ben entre distintas candidaturas, ben entre votar por unha forza e absterse e/ou votar en branco. Porén, esta porcentaxe sobe até o 28% entre os votantes do BNG en 2009 e até o 21% entre os daquela votantes socialistas. Entre este 17% as dúbidas máis frecuentes eran as que se situaban entre AGE e BNG (10,6%), PP e PSdeG (9%), PSdeG e AGE (6,3%), e PP e a abstención (6%). O 15% dos electores din que decidiron o seu voto ao longo da campaña electoral e outro 13,4 dubidou entre votar ou non até o último momento.

Os enquisados afirman que “os temas de Galicia” foron os máis importantes á hora de tomar unha decisión sobre o sentido do seu voto, a moita distancia dos “temas de España” (8,8%), unha distribución que non varia demasiado en función do recordo de voto en 2009.

Os enquisados afirman que “os temas de Galicia” foron os máis importantes á hora de tomar unha decisión sobre o sentido do seu voto

Ao redor do 35% dos enquisados afirman ter visto o debate entre Feijoo e Vázquez televisado pola TVG. Unha porcentaxe que descende até o 21% no caso do debate entre Feijoo e Jorquera, e ao 19% no caso do debate entre Vázquez e Jorquera. Segundo o estudo, Feijoo impúxose con ampla diferenza en ambas as súas dúas aparicións, mentres que o encontro entre os candidatos de PSdeG e BNG foi máis igualado, aínda que máis entrevistados se decantan polo nacionalista.

A meirande parte dos entrevistados (43,5%) cualificaba de "mala" ou "moi mala" a xestión do Executivo de Alberto Núñez Feijoo entre 2009 e 2012. E máis aínda a da oposición de PSdeG (65,3%) e BNG (64%). Mesmo o 52,1% dos votantes socialistas en 2009 analizaba negativamente ou moi negativamente o labor do PSdeG-PSOE e o mesmo facía o 70,2% dos votantes do Bloque coa acción do BNG nese periodo.

 

Valoración de candidatos e ubicación ideolóxica

Alberto Núñez Feijoo é o candidato mellor valorado, pero non chega ao aprobado (4,90 sobre 10). Ségueo Beiras (4,25), e moi igualados Jorquera (3,19) e Pachi Vázquez (3,13)

Alberto Núñez Feijoo é o candidato mellor valorado, pero non chega ao aprobado (4,90 sobre 10). Ségueo Beiras (4,25), e moi igualados Jorquera (3,19) e Pachi Vázquez (3,13). Chama a atención que Beiras obtén unha mellor valoración entre os que afirman ter votado o PSdeG en 2009 (5,05) que o propio Vázquez (4,29) e o mesmo pasa cos votantes do BNG en 2009, que valoran a Beiras cun 6,62 e a Jorquera cun 4,98. Todos os candidatos son coñecidos por máis do 80% dos entrevistados, e só Jorquera baixa un pouco deste nivel, até o 68%. Por idades, Xosé Manuel Beiras obtén mellores cualificacións que Alberto Núñez Feijoo entre os menores de 45 anos, pero o actual presidente da Xunta domina claramente entre os máis veteranos.

No eixo esquerda-dereita, os galegos e galegas sitúanse practicamente no centro puro, cunha leve desviación cara á esquerda (4,98 sobre 10, co centro situado no 5,5). Nas súas respostas sitúan o BNG como a forza máis esquerdista (2,35), seguida de AGE (2,47), e PSdeG (4,30). No outro extremo, o PP é situado como unha forza moi á dereita (8,26).

O 18,5% afirma ser “nacionalista galego” fronte a un 76% que non o é

O 18,5% afirma ser “nacionalista galego” fronte a un 76% que non o é. Unha proporción semellante di sentirse “só galego” ou “máis galego ca español”. A resposta maioritaria é a de aqueles que se senten “tan españois como galegos” (75%). Os entrevistados identifican a BNG como o partido máis nacionalista (8,02 sobre 10), seguido de AGE (7,08) e, moi lonxe, o PSdeG (3.96) e o PP (2,76).

Colexio electoral en Lugo CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.