"AGE renaceu, agora hai que ver se renace a vontade de superar os erros"

Asemblea nacional do Espazo Ecosocialista © Espazo Ecosocialista

Espazo Ecosocialista celebrou a pasada semana a súa II asemblea nacional, no segundo aniversario do seu nacemento, apostando de novo pola unión da esquerda e polo proxecto de AGE, no que está integrado. Nun cónclave no que participaron 93 persoas, os ecosocialistas referendaron a súa posta por Alternativa e elixiron por unanimidade un Consello Aberto Nacional paritario composto por 17 mulleres e 17 homes e na que tamén se elixiu a Modesta Regueira e Xoán Hermida como coordinadora e coordinador nacional.

"Espazo Ecosocialista colle agora madurez como proxecto político", di Xoán Hermida

Precisamente, Hermida fai balance da asemblea en Praza e cre que Espazo Ecosocialista "colle agora unha madurez como proxecto político", ademais da súa base de ideas. "Imos tendo unha dimensión do que queremos ser: un proxecto de esquerda renovadora galega con incidencia política e social", asegura o coordinador nacional dunha formación que contou co apoio de aliados como ICV ou a Chunta, pero tamén coa presenza de representantes da FPG ou de Esquerda Unida.

Ademais, Hermida aclara que a asemblea pódese cualificar de "extraordinaria" por levarse a cabo "nun contexto de transición política, de final dun modelo saído da transición e deconstruínte por parte da forza que gobernan" e que "require da unidade da esquerda". "Correspóndenos abordar un proceso constituínte e precisamos estar unidos e apostar pola novidade e a renovación".

"A decisión de Anova é positiva; AGE debe ser estratéxica e non conxuntural para unhas eleccións determinadas"

O cónclave dos ecosocialistas coincidiu co referendo da militancia de Anova, que decidiu concorrer ás vindeiras eleccións europeas xunto a EU e repetir así a experiencia de AGE. "Cremos que é positivo porque temos claro que AGE debe ser estratéxica e non conxuntural para unhas eleccións determinadas; Alternativa supera a vontade dos partidos que o conformamos porque hai milleiros de persoas que nos votaron e que precisan canles de participación para formar parte do instrumento", asegura Hermida, que cre que a decisión da formación e Beiras debe servir tamén "para superar os erros e os elementos que impediron que o proxecto fose organizado e estruturado".

"O domingo renaceu AGE e agora hai que ver se renace a vontade de superar os erros"

"O domingo renaceu AGE e agora hai que ver se renace a vontade de superar os erros", insiste Hermida, que lembra que "a crise da esquerda non se resolve nun ano" e que recorda tamén que Anova e Espazo entraron a formar parte de Alternativa "cando aínda se acababan de constituír". "A irrupción de AGE tivo que ver coa ilusión, pero todo o que pasou despois tivo que ver con esa urxencia e con esa necesidade de ir  madurando", explica. Ademais, considera fundamentais as vindeiras eleccións europeas e municipais como parte deste proceso constituínte.

Xoán Hermida vai aínda máis aló e cre que unha futura unión da esquerda, incluíndo o BNG, será posible. "Non sei se a curto ou medio prazo, pero non queda outra porque é unha demanda cada vez máis asentada entre a cidadanía". "Temos que ser capaces de afrontalo porque máis aló dunha unidade da esquerda, debe ser unha unidade democrática ante a destrución de dereitos básicos que estamos a sufrir", engade, tras aclarar que "a rapidez ou lentitude" desta futura colaboración "dependerá da mobilización e presión que exerza a xente".

"Nós temolo claro, pero outros precisan superar os vellos paradigmas, tanto entre un sector do nacionalismo como nun sector da esquerda estatalista", remata Hermida, que cre que "non ten sentido falar de nacionalismo contra estataismo", senón que hai que "vertebrar unha esquerda nacional, baseada no dereito a decidir, pero dunha grande amplitude". "Hai que superar o que xa está superado na sociedade", finaliza.

Asemblea nacional do Espazo Ecosocialista © Espazo Ecosocialista

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.