AGE responsabiliza o PP do "terrorismo de Estado" dos desafiuzamentos

Protesta contra os desafiuzamentos en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

O problema dos desafiuzamentos estivo presente na primeira xornada do primeiro pleno ordinario da lexislatura por partida tripla. Dúas iniciativas de AGE e unha do BNG tentaban instar a Xunta o a ir alén da posta a disposición de 500 vivendas en diferentes réximes para paliar estes "dramas", pero ningunha delas sairá adiante. Os conservadores consideran que tanto o Goberno galego como o central xa están a aplicar as medidas axeitadas nesta materia e para a vicevoceira de Alternativa, Yolanda Díaz, isto cónvérteos en "responsables" dun fenómeno que, asegura, xa é "terrorismo de Estado" e que en Galicia se produce "16 veces" ao día.

"O terrorismo está na súas mans se non o combaten", proclamou Díaz cara á bancada popular, nun contexto no que os desafiuzamentos, di, "xa se están a converter nun problema de saúde pública", dado que están por tras de mortes de persoas. "Tivo que haber mortes para que publicasen un decreto lei" di, en referencia ás recentes modificacións legais impulsadas polo Goberno central cuxas "condicións leoninas non impedirían as mortes dos homes e mulleres que xa están perdidos".

Yolanda Díaz: "O terrorismo está nas súas mans se non o combaten"

Con diversos matices, AGE e o Bloque coincidiron no esencial e por iso se apoiaron mutuamente nestas iniciativas, que tamén recibiron o apoio do PSdeG. Reformular a lei hipotecaria e a lei de axuizamento civil, xeralizar a dación en pagamento ou transferir á Xunta as vivendas do banco malo para crear un parque público de pisos para persoas desafiuzadas e sen recursos foron algunhas das propostas que bateron coa maioría absoluta do PP. "Xa sei que hai moita preocupación por salvar a banca", sinala o voceiro do BNG en materia de vivenda, Cosme Pombo, "pero non pode salvarse a costa de milleiros de familias", que teñen "en perigo" os seus "dereitos fundamentais".

Cosme Pombo: "Xa sei que hai moita preocupación por salvar a banca a costa de milleiros de familias"

Pero o PP, representado polo deputado Jaime Castiñeira, non accede a realizar estas xestións aínda que, subliña pombo, o banco malo vai adquirir "o patrimonio inmobiliario tóxico" da banca "sen a participación da comunidade autónoma, que ostenta competencias exclusivas en materia de vivenda". "Será que a Xunta non considera relevante o dereito a unha vivenda digna ou non quere defender as competencias, non vaia ser que se enfade o Goberno amigo", di.

A xuízo de Castiñeira tanto AGE como o BNG desenvolveron este martes un exercicio de "demagoxia", xa que "tanto o Goberno galego como o central" están a tentar "garantir que ninguén perda o sinal de identidade que é a súa residencia habitual". Así, o PP defende o código de boas prácticas -que os bancos poden cumprir ou non de xeito voluntario- ou as "medidas urxentes" aplicadas polo gabinete de Rajoy. Estes, di son "temas tan sensibles que os cidadáns queren que deamos solucións" e a oposición, asegura, non o fai.

Protesta contra os desafiuzamentos en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.