Algunhas consecuencias prácticas da LOMCE

Sáenz de Santamaría e Wert, na presentación da lei © Goberno de España

Despois de meses de confrontación, folgas, manifestacións, cruces de declaracións e pouco ou ningún diálogo, a LOMCE xa está aquí. Para quedar, polo menos esta lexislatura. Sempre o estivo, a tenor do empeño do ministro de Educación, José Ignacio Wert, en sacala adiante. Pero pasa a formar parte do ordenamento xurídico español tras a aprobación no congreso por parte do rodete do PP e en contra do criterio de todos os demais grupos.

Da oposición a esta lei por parte dos sindicatos, a oposición política, as familias, o estudantado e os diferentes colectivos falouse e dialogouse en abundancia. No seu amplo espectro, estes grupos falan, en xeral, dunha lei retrógrada, elitista e mercantilista que segrega e se ocupa máis dos "excelentes" que dos máis febles (en termos educativos).

Escribiuse moito e moi variado sobre os aspectos polémicos, como o facer da relixión unha materia optativa pero de oferta obrigatoria nos centros, a elección temperá de itinerarios, a caída das bolsas ou a supresión da inmersión lingüística. Pero un pouco menos se mencionaron as consecuencias que poden ter algunha destas medidas e as situacións que poden derivarse delas.

Un exemplo de indefinición son as reválidas, para as que "proliferarán as academias privadas, como nos sesenta", augura o profesorado

E todo á espera do desenvolvemento normativo da lei, que chegará unha vez aprobada hoxe a LOMCE , e é onde realmente se entra ao pormenor na lexislación. De momento, nesta lei, inusualmente detallada no seu articulado xeral segundo varios expertos, hai intencións, algunhas evidencias pero, sobre todo, moitas dúbidas sobre a letra miúda de certos aspectos do seu contido.

Estas evidencias xa ofrecen algunhas pistas do que pode ocorrer o curso que vén cando se implante a lei. Un exemplo son as reválidas. Se finalmente se acaban realizando, ­hai expertos que expoñen a súa incerteza pola metodoloxía escollida,­ que pode dar lugar a situacións como o que un alumno aprobe o catro cursos de Secundaria pero suspenda a reválida. Ese estudante non obtén o título de Secundaria, pero tampouco repite porque ten 4º aprobado. "Non titular significa que non podes acceder nin a Bacharelato nin a FP. Quedas como nun limbo. Que pasará? Non o sei, imaxino que habilitarán sucesivas convocatorias. Pero quen vai formar ao alumno? Proliferarán academias privadas de preparación de reválidas, como no sesenta, que os pais terán que pagar", vaticina Paco García, secretario de Ensino de CCOO.

Miguel Latorre, responsable estatal de ensino público de FETE ­UGT, engade que algo similar pode ocorrer en Primaria. Nesta etapa establécense unhas probas de avaliación que en teoría son orientativas pero, segundo explica, determinarán se se pasa ou non de curso. "En Primaria os alumnos son heteroxéneos, algúns poden ter dificultades de aprendizaxe que o profesor coñece e ten en conta [á hora de avaliar un alumno]. É común nestas idades e corrixible. Que ocorrerá coas avaliacións externas? Téñense en conta estas situacións?", pregúntase Latorre aínda que intúe a resposta.

Menos democracia

Outro elemento que pasou máis desapercibido pero que tamén se vai a ver afectado é a participación da comunidade educativa nas escolas. Os consellos escolares converteranse en meros órganos consultivos en favor da dirección dos centros, que asume as súas responsabilidades. "Xa non importará a opinión de familias, alumnos ou profesores para aprobar o proxecto educativo do centro e a programación xeral anual, traduce García. E laméntase: «É unha mensaxe moi negativa porque se lles di ás familias "non pintades nada aquí"».

Jesús María Sánchez, presidente de CEAPA (a confederación estatal laica de ANPAS), mostra certa preocupación polos libros de texto escolares. "Con todos os cambios que están a expor, non van servir. Van ter que cambiar todos os libros. Coas dificultades económicas que pasan xa as familias para adquirir o material escolar, se cambian os libros, que vai pasar? Non sei se pararon a pensar isto". García matiza que primeiro haberá que esperar ao desenvolvemento normativo para ver como quedan os currículos e fai referencia a que "o propio ministro alardeou de que 600.000 familias ficaron sen axudas á hora de comprar libros de textos".

A elección de centros é outro dos aspectos que se verá modificado. Como xa sucede en parte da Comunidade de Madrid (e estenderase aos grandes municipios), a LOMCE camiña na dirección de outorgar liberdade de elección de centro ás familias. Ao igual ­que sucede en Madrid, as administracións definirán a especialización curricular dos colexios. Haberá bilingües, para o Bacharelato de excelencia, artísticos, tecnolóxicos... García, de CCOO, considera que a libre elección "será unha gran mentira". Cando un centro teña moita demanda "porá probas de acceso, e ao final serán os centros os que elixan os alumnos e non ao revés".

Wert exporta a todo o Estado o sistema de elección de centros de Madrid: "os centrso elixirán o alumnado e non ao revés"

Para os profesores tamén haberá cambios notables. Ademais de perder peso no esquema educativo dos seus centros pola perda de relevancia do Consello Escolar, o deseño curricular dos cursos cambia moito. "Pérdense horas de Historia da Filosofía, Música, Plástica e Tecnoloxía", explican desde CC OO. "Isto significa que, en consecuencia, moitos profesores van perder o seu posto de traballo e que terá que haber un proceso de reconversión laboral", sinala García.

E a relixión? Deixando de lado a polémica suscitada polo feito de que a LOMCE obrigue aos centros a ofertar esta materia e que a súa nota conte para a media, a súa introdución vai ter outros efectos. Segundo Miguel Latorre, de UGT, o primeiro é un "efecto chamada", precisamente por ser considerada fácil e computar para nota.

O segundo, consecuencia quizais do anterior, pero non só, é que haberá alumnos que pasen por todo o ciclo obrigatorio educativo sen pisar unha aula no que se lles fale de dereitos éticos, cívicos e democráticos, apunta García. "Isto debería ser obrigatorio -indígnase-. É un castigo para o propio rapaz".

Sáenz de Santamaría e Wert, na presentación da lei © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.