Ana Mato evita aclarar se aplicará novos recortes sanitarios tras as eleccións galegas

Ana Mato, ministra de Sanidade © Goberno de España

"Falando de escopetas... Meu avó mercou un arado!" ou, na súa versión castelá "-¿De dónde vienes? -¡Manzanas traigo!". A técnica de retrucar a unha pregunta cunha resposta que pouco ou nada ten que ver co asunto polo que se cuestiona é un clásico dos actuais parlamentos. Tanto no lexislativo galego como no Congreso dos Deputados é habitual observar o xesto contrariado nas bancadas da oposición cando, malia aos esforzos, o presidente ou un membro do Goberno obvia a pregunta que se lle formula para colocar unha resposta máis acaída aos seus intereses. Este esquema volveuse repetir este mércores no Congreso, desta volta coa ministra de Sanidade como protagonista. A Ana Mato preguntáballe a deputada socialista galega Laura Seara pola súa intención de aplicar ou non novos recortes unha vez pasadas as eleccións do 21 de outubro en Galicia. E Mato ofreceu varias respostas, pero ningunha á pregunta formulada.

"O Goberno volverá podar os servizos sanitarios tras as eleccións galegas e vascas? É doado, responda si ou non", esixiu Seara no marco da sesión de control ao Goberno. Pero a ministra optou por debullar outros asuntos, como o descenso do gasto farmacéutico do entorno de "400 millóns de euros eu dous meses -derivados da instauración do novo copagamento". Segundo Mato "estes datos demostran que as reformas emprendidas están dando resultados e van na boa dirección". "Se vostedes -en referencia ao PSOE- adoptasen estas medidas hoxe non nos atoparíamos nesta situación", abonda a ministra, para agregar que, en calquera caso, "ningún español sufriu ningún recorte na sanidade pública en España".

"Ningún español sufriu ningún recorte na sanidade pública en España", asegura a ministra

Como era de agardar, a explicación da ministra non deu lugar á satisfacción na parlamentaria do PSOE, para quen Ana Mato ostenta xa o título da "Terminator da sanidade española". "Mentíronnos tantas veces que, ata cando din a verdade, menten", di Laura Seara, dado que, di, "din unha cousa e, despois das eleccións, fan a contraria". Nesta liña, a parlamentaria coida que, malia ás palabras da ministra, o sistema sanitario si está inzado de recortes nos últimos meses, tales como o "copagamentos que inclúe por primeira vez aos pensionistas e que xa é un drama en toda España pero agravado en Galicia". Ademais, reprocha, no caso galego "os seus recortes súmanse aos que previamente, e coa mesma indolencia, puxo en marcha o señor Feijóo, nunha terra como Galicia, onde os xubilados cobran as pensións máis baixas" do Estado "pero que pagan o mesmo polos medicamentos". Isto, garante, na liña do avanzado polo candidato do PSdeG, á Xunta, Pachi Vázquez, deixará de ser así "se en Galicia hai un cambio de goberno", xa que "os socialistas eliminaremos o copagamento para todos os pensionistas". Así e todo, Seara insiste na necesidade de coñecer "a verdade" sobre os futuros recortes malia ás eleccións: "teñen demasiadas mentiras no seu armario", sentenza.

A prima de risco, de novo á alza

O debate no Congreso sobre posibles novos recortes producíase nunha xornada na que a incerteza sobre a economía española e, nomeadamente, sobre un posible rescate total ás finanzas do Estado volveu estar moi presente. Mentres as principais economías da Eurozona incrementan a presión sobre o Goberno de Mariano Rajoy, instándoo a continuar os axustes e, ao tempo, a pedir a asistencia financeira, a prima de risco -a diferenza entre o que lle custa financiarse a España a respecto de Alemaña- volveu incrementar tras días de baixada, chegando ao entorno dos 450 puntos básicos e a débeda española a 10 anos volveu escalar ata o xuro do 6%. A incerteza tivo tamén o seu reflexo nas bolsas, co Ibex madrileño como a máis prexudicada, caendo un 3,5% e baixando dos 8.000 puntos.

Ana Mato, ministra de Sanidade © Goberno de España
Laura Seara, deputada socialista CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.