Ana Miranda e Carmen Fraga, cara e cruz de Galicia na Eurocámara

Ana Miranda, en Estrasburgo CC-BY-NC-SA BNG

O actual Parlamento Europeo fará o vindeiro día 14 catro dos seus cinco anos de lexislatura. A un ano das eleccións que o renovarán, 10 dos 59 eurodeputados e eurodeputadas chegadas dende o Estado español -54 máis cinco substitucións- destacan en canto ao seu traballo parlamentario, isto é, no número de iniciativas, intervencións e propostas formuladas. Esa diferenza é, se cadra, aínda máis notable no caso dos escanos cun titular orixinario de Galicia, dos que tres están na Eurocámara dende o inicio do mandato e unha, Ana Miranda, do BNG, chegou a comezos de 2012, en virtude das quendas pactadas na coalición coa que concorreu ás eleccións, as mesmas que provocan que este mércores teña que abandonar o escano.

Como viña acontecendo, a nacionalista Miranda pode ser cualificada como a cara da representación galega en Bruxelas e Estrasburgo, e a conservadora Fraga, a cruz. Así, nos últimos doce meses a representante do Bloque realizou 153 iniciativas, o 58,8% do total dos galegos e galegas, mentres que Fraga quedou en 10, isto é, o 3,8%. Polo medio están Antolín Sánchez Presedo (PSdeG), que mellora a súa posición a respecto de hai un ano, con 75 iniciativas e intervencións; e Francisco Millán Mon (PP), que protagonizou 22 actividades parlamentarias no período analizado.

En comparación con todos os deputados elixidos pola circunscrición do Estado español, estas cifras sitúan Ana Miranda como unha das eurodeputadas máis activas. Malia chegar en 2012, é a sétima con máis intervencións e a quinta en relación co tempo de mandato, cun total de 276 atividades. Só a supera Izaskun Bilbao (PNV), con 845; Ramón Tremosa (CiU), que rexistrou 1.216; Willy Meyer, de IU, con 1.357; e Raúl Romeva (ICV), con 2.670.

Ana Miranda é a eurodeputada galega máis activa e unha das que desenvolve máis iniciativas de todo o Estado, malia chegar en 2012

Os eurodeputados e eurodeputadas con máis actividade tamén destacan positivamente á hora de analizarmos as súas inasistencias ás sesións parlamentarias. Así, a galega Ana Miranda presenta unha porcentaxe de absentismo do 11%, Bilbao o 5% e Romeva, o 3%. Ese mesmo 11% de inasistencias é o que rexistra Antolín Sánchez Presedo. Mentres, o popular galego Millán Mon está nun 8%, pero cunha actividade notablemente máis baixa e Carmen Fraga, pola súa banda, sitúase no 11% e é unha das máis inactivas de toda a delegación do Estado.

En conxunto, destes datos cabe concluír tamén que o rendemento parlamentario das forzas minoritarias supera, con moito, ao dos dous grandes partidos estatais. Se a representación parlamentaria dependese do traballo realizado ata o momento, a delegación elixida por España mudaría notablemente a respecto da actual. IU-ICV tería 17 deputados -actualmente ten 2-, o PSOE pasaría de 23 a 12 e o PP, de 24 a 10. A coalición entre CiU e PNV, pola súa banda, triplicaría a súa representación de 3 a 9 e a coalición na que se integra o BNG multiplicaría a súa presenza de 1 a 5 escanos. UPyD, pola súa banda, quedaría co escano que ten.

  Preguntas Resolucións Declaracións Informes Opinións Debates Outras TOTAL Inasistencia(%)
Miranda 141 20 1 1   112 1 276 11%
Sánchez Presedo 120 2   4 1 81 1 209 11%
Millán Mon 35 21   1   57   114 8%
Fraga 20 6   5 2 22 2 57 11%

 

Ana Miranda, en Estrasburgo CC-BY-NC-SA BNG
Carmen Fraga, nun mitin da campaña das europeas © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.