Anova aposta polas listas abertas pero cun límite de candidatos aos que votar

Asemblea de Anova en Compostela, o pasado mes de xuño © Anova

A primeira decisión clave da asemblea de Anova quedou resolta. A formación nacionalista aprobou no inicio do seu cónclave un modelo de listas de abertas, pero con corrección de número, para elixir os 75 novos membros que formarán parte súa coordinadora nacional e para a que hai 171candidatos. Xa que logo, cada un dos arredor de 1.200 militantes poderá marcar un máximo de 36 persoas para formar parte deste principal órgano decisorio, polo que os 75 máis votados pasarán a formar parte del.

Cada un dos militantes poderá marcar  un máximo de 36 persoas para formar parte da coordinadora nacional de 75 membros

A decisión chegou logo dun debate e reunión non que houbo "moita participación e diversidade de opinións", tal e como destacou o responsable de Acción Institucional de Anova, Martiño Noriega, que recoñeceu as máis de dúas horas de deliberacións para dar forma a un sistema de listas abertas con corrección que recibiiu o voto favorable de 202 votos, fronte a un modelo de elección directa e pura que foi apoiado por 185 votos.

Dos distintos modelos para votar a coordinadora nacional, de 75 membros, que se elixe este domingo, tras confusas votacións prosperou a de listas abertas, aínda que denominada "de corrección" e non lista pura aberta. Así, cada militante poderá votar a 36 membros, e sairán elixidos os 75 máis votados. Esta opción obtivo 201 apoios, mentres a que avogaba por listas puras abertas conseguiu 185; 146 a que apostaba por elección territorial a través dun modelo comarcal, mentres que166 avogaron por unha corrección do 50%, onde se seleccionaba a metade dos nomes.

Foi unha elección complicada, xa que a mesa da asemblea retirouse a delibar tras as votacións, o que provocou momentos de tensión ao anunciar os membros da devandita mesa que a proposta suporía unha modificación dos estatutos da formación, polo que sería precisa unha maioría de dous terzos dos votos. Para solucionalo, decidiuse unha votación a man alzada coa que a militancia optou por non facer necesaria esa exixencia.

Houbo incluso quen pediu a dimisión da mesa, formada por quince persoas, que chegou a declararse non competente ante a situación creada, que puido ser seguida polos xornalistas, que tiñan permitido o acceso libre á asemblea. 

Beiras cre que o debate "puxo de manifesto que non hai ningún aparato que dirixa ou precociñe o resultado da asemblea"

O actual portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, recoñeceu un "forte debate" que, no entanto, "puxo de manifesto que non hai ningún aparato que dirixa ou precociñe o resultado do cónclave". "Sempre estou ao que decida a asemblea soberana", engadiu Beiras, que entendeu calquera reacción na discrepancia normal e democrática, agás "cando se apupa a quen defende algo". "Acto o que decida a asemblea, sexa cal sexa a miña posición", dixo.

Por outra banda, Martiño Noriega destacou o "positivo" do debate ao "trasladar as dinámicas que se dan na sociedade", aínda que recoñeceu "o convulso" do debate. "Cando a xente é exixente con nós, nós tamén somos exixentes entre nós", explciu.

Martiño Noriega recoñece que era partidario de "listas abertas puras", pero acepta os "mecanismos de corrección"

Aínda así, recoñeceu que el "particularmente" era partidario "dunhas listas abertas puras", pero asumiu "mecanismos de corrección que teñen a súa razón de ser". "Se a asemblea considera que iso elimina dinámicas grupais, a min paréceme perfecto", continuou.  "Na pluralidade sempre hai moitas proporcións", engadiu.

En canto á elección do voceiro nacional, aprobouse unha emenda para que sexa a propia asemblea a que o elixa directamente. Agás sorpresa, unicamente Xosé Manuel Beiras opta á portavocía, polo que será elixido este domingo como líder de Anova.

Ademais, e en canto ás futuras alianzas políticas de Anova, un tema que será debatido nas vindeiras horas, Xosé Manuel Beiras defendeu unha estratexia baseada en "alternativas electorais" e nunha fronte ampla que "se configure en cada ocasión segundo sexa o escenario dos comicios". "Iso si, apostar por que AGE, que é unha realidade que funciona ben, se consolide, pero que non sexa un requisito para calquera porque senón mermariamos a capacidade de decisión de cada unha das formacións políticas".

Asemblea de Anova en Compostela, o pasado mes de xuño © Anova

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.