Anova desmárcase das negociacións con Ciudadanos

Beiras, nunha comparecencia ante a prensa CC-BY-SA Anova

Anova desmárcase da negociación entre PSOE, Podemos e Ciudadanos. A portavoz de En Marea e representante da formación nacionalista, Alexandra Fernández, non acudiu na tarde deste xoves ao cónclave a tres, tal e como desvelou o seu líder, Xosé Manuel Beiras, que ve "probable" que se repitan as eleccións.

"Ciudadanos é un pseudópodo, un PP bis, polo tanto, nós non entraremos aí", advirte Beiras

O portavoz nacional de Anova confirmou en rolda de prensa, e insistido despois na Cadea SER, que a súa formación non participará na negociación aínda que "tampouco torpedeará as conversacións". "Ciudadanos é un pseudópodo, un PP bis, polo tanto, nós non entraremos aí", advertiu Beiras, que acusou a formación laranxa de ser "unha impostura, unha camuflaxe de organización". 

"Anova é unha organización nacionalista e de ámbito galego: a solución para nós é non ir ás conversas con PSOE e Ciudadanos", insistiu o veterano líder nacionalista, que vén de cumprir 80 anos. "Hai un baile de Rigodón para ver quen é o culpábel de que se volva votar e impedir un goberno de esquerda. E a troika, coma sempre, detrás", insistiu nas súas redes sociais. 

Malia todo, Beiras asegurou que entende que Podemos, en cuxo grupo confederal se integran o seis deputados de En Marea, estea presente nun cumio que cre que busca forzar a formación morada a asumir un pacto preestablecido entre Sánchez e Rivera. O seu desacordo co documento fai que Anova se afaste das negociacións. "Se o PSOE insiste en dar como prato precociñado o seu acordo con Ciudadanos, creo que non haberá acordo", dixo.

Gómez-Reino, de Podemos, será o representante de Podemos nas negociacións a tres

A renuncia de Anova a participar nas conversas enmárcase na disputa entre as varias almas de En Marea. Aínda que nin Alexandra Fernández nin Miguel Anxo Fernán-Vello -o outro deputado da formación nacionalista na coalición galega- participarán nas conversas, si o fará Antón Gómez-Reino, deputado galego por En Marea e man dereita de Pablo Iglesias en Galicia. En anteriores negociacións de cara a unha investidura con outros partidos, a representante da confluencia galega foi Yolanda Díaz, líder de EU e moi próxima tamén ao líder de Podemos.

O pasado mércores mesmo, durante o pleno no Congreso no que Rajoy detallou o acordo entre a UE e Turquía sobre os refuxiados, Alexandra Fernández quedou sen poder intervir a pesar de que si estaba previsto e de que si o fixo Xavier Domènech, portavoz da confluencia catalá no grupo confederal. En Marea atribuíu a cuestión a un "erro  humano" despois de que Podemos non incluíse a representante galega na lista acordada na xunta de portavoces.

Beiras, nunha comparecencia ante a prensa CC-BY-SA Anova

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.