Anova, Esquerda Unida e Podemos perfilan un preacordo co que pretenden implicar, nomeadamente, as mareas municipalistas pero tamén outros axentes sociais e políticos de cara ás eleccións xerais. No texto, ao que tivo acceso este diario, apélase a "afondar nun proceso de confluencia política" para as eleccións no que se aposta por un "suxeito político soberano" que operará "en todos os planos: político, xurídico, simbólico, comunicativo e organizativo".
O acordo aposta por un "suxeito político soberano" que operará "en todos os planos: político, xurídico, simbólico, comunicativo e organizativo"
O alcalde de Santiago e coordinador nacional da formación nacionalista, Martiño Noriega, adiantou na Radio Galega unhas avanzadas conversas que foron confirmadas tamén por fontes das formacións implicadas, que agardan que xa para a vindeira semana, despois das eleccións catalás, se dea a coñecer este pacto "político e non electoral", que se mantén aberto á incorporación doutros colectivos e partidos, tamén do BNG, e que fai referencia aos "espazos de confluencia que cambiaron o panorama de moitos concellos galegos o pasado 24M".
"Non é un acordo definitivo e excluínte, senón como garante da acumulación de forzas na esquerda", di Martiño Noriega
Noriega insiste en que ese acordo "no que se e leva semanas traballando" é "un paso adiante pero non definitivo". "Agás sorpresas, poderase anunciar pero non como un acordo definitivo e excluínte, senón como garante da acumulación de forzas na esquerda", di o rexedor compostelán, que quere "pensar que aínda non está pechada a porta ao BNG". "A ese pacto fáltanlle elementos da esquerda social e doutras forzas partidarias e cada paso que se dea non é un movemento de exclusión, senón que debe ser un movemento aberto", insiste quen cre que "se hai preacordo é que imos camiñando". "O Bloque ten que ter un lugar", insistiu máis tarde.
Desde Anova insístese en que o acordo non é nin moito menos electoral nin de confluencia definitiva de cara ás xerais, pero enmárcano na relación máis directa e lóxica con quen comparten formación no Parlamento -como no caso de EU en AGE- ou con quen compartiu espazo en candidaturas cidadás, como no caso de Podemos. "Para nada hai un acordo para unha candidatura e moito menos pechado", insisten as mesmas fontes.
"Non é un acordo para unha candidatura [...]. Faltan moitos axentes sociais e políticos, e falta a cidadanía", advirte Anova
Xa que logo, Anova, EU e Podemos están a acabar de definir un preacordo político que será feito público nos vindeiros días e que pretende ser, fundamentalmente, a base para implicar tamén as candidaturas de unidade popular e mareas das cidades. Estanse "explorando as coincidencias" para un documento que sexa a base "programática" coa que poidan coincidir estas plataformas. "Non é unha coalición de partidos, nin moito menos", insisten as mesmas fontes, que advirten que "non se pretende a exclusión do BNG". "Faltan moitos axentes políticos e sociais por unirse e, fundamentalmente, falta a cidadanía", insisten quen ven nese acordo entre forzas políticas como o último paso.
Precisamente, o texto avoga por facer desta confluencia "un instrumento en mans da cidadanía", que sería quen "modelase" o proceso, tanto na elaboración do programa, como no código ético e o control democrático.
O obxectivo, insisten, é apelar logo a aqueles partidos que formaron parte destas candidaturas unitarias como EQUO e Espazo Ecosocialista -que tamén se inclúen en AGE- e Compromiso por Galicia (CxG), pero tamén a BNG, que non está disposto a incluírse nunha candidatura que non sexa de obediencia unicamente galega, do mesmo xeito que Cerna e o propio Compromiso. Desde Anova insístese tamén en que só participarán nuha confluencia "con quen acepte que Galicia é suxeito político soberano" e que esa suposta candidatura "só renderá contas ao pobo galego".
A formación de Beiras insiste en que só participara nunha confluencia "con quen acepte Galicia como suxeito político soberano"
Porque ese é o grande atranco. O mandato das bases de Podemos a nivel estatal obriga a esta formación a presentarse coas súas siglas, máis aló de acordos territoriais. Pero o coordinador nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, insistiu varias veces en que esa lista única debería respectar "Galiza como suxeito político" e non ser unha "sucursal". Desde a formación de Pablo Iglesias, insístese en conseguir ese "suxeito político galego de cambio" pero tamén na "federación" co seu partido. O conto é como solucionar isto e entre as bases de Anova tamén hai voces que apostan por un referendo entre todos eles para determinar que tipo de acordo se adopta no caso de apostar pola confluencia con esta forza.
Martiño Noriega insiste en "non pechar o final do partido aínda" e lembra que nunca se acabará de pechar "a unidade popular se non está a peza do BNG". "Todos estes procesos acábanse resolvendo ao final, así que eu non vendería a foto fixa final", engade quen cre que "o importante non é a etiqueta senón o contido" e que aclara que a denominación desa candidatura "é unha cuesitón que aínda non está resolta e no que hai que traballar".
"A unidade popular non se acabará de pechar sen a peza do BNG", di Noriega
Non parece que cause tanta problemática a cuestión do grupo parlamentario propio nas Cortes para algunhas formacións. Tanto Anova como Podemos coinciden en que ese non debe ser o obxectivo fundamental ante un réxime "que non vale", aínda que tamén insisten en que se artellarán todos os mecanismos para facelo posible, algo que condicionan a unha maioría rupturista na Cámara e na Mesa do Congreso. "O grupo propio sen unha quebra do réxime non vale, é preciso un cambio importante da correlación de forzas", advirten.
O BNG lamenta o "acordo entre cúpulas"
O Bloque, pola súa banda, manifestou nun comunicado a súa "sorpresa" polo anuncio do acordo "por arriba entre cúpulas de partidos, difundido pola dirección de Podemos de Madrid mentres en Galiza está en marcha un proceso de diálogo entre plataformas cidadáns, partidos políticos e o conxunto da cidadanía para conformar unha candidatura galega de unidade".
O Bloque cre que este "preacordo entre cúpulas" sería "unha deslealdade" con todos os que participan no proceso de diálogo pola confluencia
O BNG cre que este "preacordo entre cúpulas" suporía "unha deslealdade" con todos aqueles que participan "de boa fe" nun proceso de diálogo para un grupo propio "sen supeditación ningunha". "Un acordo como o anunciado implicaría un engano á cidadanía por parte de forzas políticas que falan de participación e de espazos de confluencia desde a base, pero que despois pactan por arriba en reunións de despacho", di.
"O BNG seguirá sumando esforzos con todas as forzas políticas sen exclusión algunha, plataformas cívicas e, sobre todo, coa cidadanía con adscrición política ou sen ela, que leva semanas traballando para conformar unha candidatura galega de unidade con entidade xurídica propia para as eleccións xerais", di o comunicado, que anunciou a súa participación na asemblea de Iniciativa pola Unión, da que "confía" que "saia un grande acordo a favor dunha candidatura galega de unidade, aberta, plural, e sen exclusión ningunha".