Anova insiste en alianzas na esquerda que non se cingan só ao soberanismo

Beiras, na noite electoral do 21-O CC-BY-SA AGE

Anova non se pecha a alianza ningunha e aposta por unha "unidade de acción" no ámbito "do nacionalismo e da esquerda con carácter non excluínte". Así o recolle o borrador das teses políticas -que aínda está a recibir numerosas emendas e achegas da militancia- e que será debatido en común o vindeiro 21 de abril, nunha primeira xuntanza, para ser logo trasladado á asemblea nacional decisoria que se celebrá no mes de xuño.

Anova aposta por alianzas diferentes segundo a cita electoral e por non cinguirse ao nacionalismo

A man tendida que lle ofreceu o BNG a Anova para unha futura reunificación ou colaboración do nacionalismo será unha das cuestións que se debatan nunha formación que, máis aló de recoller a luva, aposta por decidir en cada momento as súas alianzas e por non cinguirse estritamente ás forzas soberanistas, senón tamén ás formacións de esquerdas que recoñezan o dereito de autodeterminación e o pobo galego como suxeito político, en clara alusión a Esquerda Unida (EU), que en principio é rexeitada polo Bloque en futuros pactos pola súa condición de forza estatal.

As reflexións enmárcanse tamén no horizonte dun calendario electoral que sitúa como próximos comicios as eleccións europeas de 2014, onde xa hai varias propostas sobre a mesa que afectarían de cheo a Anova: a dunha fronte ampla de esquerdas ou a unión de todo o nacionalismo galego nunha candidatura conxunta.

As teses políticas aclaran que para as alianzas "non pode ser requisito que todos os individuos se adscriban a unha cultura política"

Así, neste borrador de teses políticas, Anova aclara que "a concreción da unidade de acción para distintos ámbitos é desexábel que alargue o abano de colaboradores, pero tamén pode resultar que se configuren alianzas con actores distintos para diferentes ámbitos". Xa que logo, abre a porta a alianzas distintas dependendo do momento e da cita electoral correspondente. O texto é máis claro cando fai referencia a AGE, destaca o seu éxito e asume que "para que a soberanía sexa algo máis que unha palabra fetiche cómpre conquistar a hexemonía", algo que, na súa opinión, "só o pode facer un suxeito colectivo representantivo da maioría social agredida", para o cal "non pode ser requisito que todos os individuos se adscriban a unha cultura política".

Do mesmo xeito, insiste en que nas posibles alianzas "o prioritario debe ser a posibilidade de levar á práctica as propostas programáticas de Anova e/ou a orientación cara a obxectivos estratéxicos" que a formación "poida acadar". Ademais, engade que a decisión sobre estas colaboracións "non terá que ser, necesariamente, a mesma en cada caso".

Incluso nalgúns textos que non figuran no texto principal, pero si como engadidos, membros da comisión redactora van máis aló respecto das políticas de alianzas e aclaran que "a única fronteira" que non están dispostos a romper é "a do dereito a decidir" como principio fundamental do nacionalismo. "A construción desa Fronte Ampla que hoxe se chama AGE debe ser dinámica e estar aberta a novas incorporacións, promovelas e forzalas", engádese, deixando claro que Anova e AGE "deben asumir o protagonismo e levar a iniciativa no proceso de acumulación de forzas" e "non caer no erro de aceptar e asumir a axencia (interesada) que vaian marcando outras organizacións".

"Anova e AGE non deben caer no erro de aceptar e asumir a axencia (interesada) que vaian marcando outras organizacións"

Estas achegas coinciden tal cal coas feitas por asembleas locais como a de Teo -localidade gobernada pola forza nacionalista e cuxo alcalde é Martiño Noriega, número 2 da formación e e responsable de acción institucional- de cara á asemblea nacional. Así, nunha proposta do pasado 12 de marzo, aclara que Anova "non debe supeditar as súas decisións políticas a vellos nominalismos" nin "admitir exercicios de desviación semántica". "Nas alianzas terá que estar a coincidencia de obxectivos antes, moito antes, que o feito de que unhas forzas se declararen ou non nacionalistas", di.

A asemblea local de Teo pide "actuar con intelixencia" ante "tácticas alleas" que "queren suscitar contradicións que conduzan á ruptura de AGE"

"Tampouco tempos por que darlles explicacións a outras forzas sobre o uso da nosa soberanía como organización", continúa o documento de Anova-Teo, que defende con rotundidade a alianza con EU para a formación de Alternativa e recomenda "actuar con intelixencia" diante de "tácticas alleas que pretenden reinstaurar un discurso único sobre a nación, a lingua, a cultura e, ao mesmo tempo, suscitar contradicións en Anova que conduzan á ruptura de AGE", en clara alusión ao BNG.

Desde a asemblea local de Teo engádese tamén que os tempos actuais "esixen que as alianzas preferentes busquen espazo sempre pola esquerda" e reflexiona sobre a pretendida reunificación do nacionalismo. "A unidade do nacionalismo, que tras as eleccións se converteu en palabra de orde destinada a crebar a unidade da AGE, sería, en todo caso, un chanzo nese proceso de acumulación de forzas pola esquerda. Nunca pode ser un fin en si mesma", remata.

Beiras e Martiño Noriega, na manfestación de Queremos Galego Dominio Público @Anova_irmandade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.