Anova irá con IU ás eleccións europeas

Militantes de Anova votan no referendo Dominio Público @Anova_irmandade

Anova concorrerá ás eleccións europeas do vindeiro 25 de maio coa "esquerda federal" e na coalición que promove IU a nivel estatal. Así o decidiu a súa militancia no referendo celebrado este domingo e no que se impuxo a opción preferida polo seu líder, Xosé Manuel Beiras, e polo antigo número dous, Martiño Noriega, pero non a que promovía o sector oficialista e a inmensa maioría da dirección da formación nacionalista. Por unha marxe moi estreita (tan só 11 votos), gañou a proposta que opta por aceptar o convite de IU. En total, 380 militantes (o 48%) optaron pola opción número 1 e 369 (o 46,7%) pola 2, mentres que 37 apostaban por non concorrer.

O 48% da militancia optou por ir coa esquerda federal e o 46,7% por unirse á candidatura da esquerda nacionalista

O referendo celebrouse con normalidade e cunha alta participación (máis do 72%) nas case 40 mesas que a formación que lidera Xosé Manuel Beiras habilitou por varias localidades do país, ademais dos votos que chegaron vía telemática dos afiliados da diáspora. Tiñan que elixir os militantes de Anova entre acudir integrada coa esquerda federal e da man de EU, facelo coa esquerda nacionalista e, xa que logo, xuntarse á candidatura de BNG e EH Bildu, ou non concorrer aos comicios europeos.

Os resultados foron variados segundo a localidade. Na mesa de Compostela, a primeira en coñecerse, dos algo máis de 60 militantes que votaron, 40 optaron pola opción 1, a de integrarse na coalición da esquerda federal, 17 pola opción de ir xunto ao soberanismo, e 3 pola alternativa de non se presentar aos comicios, ademais dun voto en branco. En Ferrol, 7 votos para a opción 1; 21 para a opción 2; e 3 votos para a opción 3.

Na Coruña, 28 votos foron para a opción 1; 46 votos para a opción 2; e 6 votos para a opción 3, mentres que en Teo, onde é alcalde Martiño Noriega, a inmensa maioría dos militantes (39) optaron por ir coa esquerda federal aos comicios, mentres que só unha persoa optou por sumarse á coalición nacionalista, ao igual que tan só un optou por non concorrer. Pola súa banda, en Vigo a opción 1 tamén resultou vencedora con 58 votos fronte aos 41 da 2.

O resultado do referendo volve evidenciar as diferenzas entre as dúas almas de Anova

Sexa como for, o resultado volve evidenciar as diferenzas entre as dúas almas de Anova, onde perviven dous bloques enfrontados e con case idéntico apoio. A inmensa maioría da dirección optaba por procurar un acordo co nacionalismo e prescindir de EU e, polo tanto, da experiencia de AGE que levou ao Parlamento a esta coalición como terceira forza política. Pero Xosé Manuel Beiras desmarcouse desta opción oficialista para coincidir coa postura de Martiño Noriega -alcalde de Teo que dimitiu como número dous da formación hai poucas semanas- e que apoian outros membros destacados como o deputado Antón Sánchez, así como representantes da FPG, Movemento pola Base e o Encontro Irmandiño.

Nun manifesto titulado #NósqueremosAGE, Noriega e varias ducias de militantes máis apostaban polo pacto con IU ante a imposibilidade dunha fronte ampla que unise as forzas soberanistas, plataformas cidadás e a esquerda federal. Beiras saíu logo a través dunha carta á militancia en apoio desta opción, tras advertir de que Izquierda Unida lle garantira lista propia para Galicia, ao igual que en Cataluña, así como un posto de saída para o candidato galego. No mesmo texto, o líder da formación acusou o BNG de "obstrucionista" e de impedir unha fronte ampla.

A posición oficialista, que lideran militantes como Luís Eyré, Mario López Rico ou Paula Verao, definiuse tamén nun manifesto no que asegurou que concorrer con IU sería "incompatible co proxecto estratéxico" de Anova e que sería "a vía máis afastada dos principios e modeloo organizativo do partido-movemento". "Impedirá a consolidación de Anova como a organización  nacionalista do século XXI e para os vindeiros 30 anos", dicían.

Ademais, nesta xornada, os militantes de Anova tamén ratificaron o programa da formación para as eleccións europeas.

Militantes de Anova votan no referendo Dominio Público @Anova_irmandade
Escrutinio de Anova en Compostela CC-BY-NC-SA Anova

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.