Anova promete unha "oposición xenuína ao PP" tras o "excelente" resultado de AGE

Beiras, na noite electoral do 21-O CC-BY-SA AGE

Anova retoma o "traballo de organización e consolidación adiado pola convocatoria electoral". A organización nada o pasado xullo e liderada por Xosé Manuel Beiras celebrou este sábado a súa primeira Coordinadora Nacional tras os comicios autonómicos do 21 de outubro, unha xuntanza marcada pola avaliación do propio proceso electoral, pero tamén polos primeiros pasos cara á asemblea nacional que prevé celebrar a comezos de 2013. Ese proceso de estruturación interna virá acompañado pola estrea de Anova, dentro do grupo AGE, como forza parlamentaria. No Pazo do Hórreo, avanzan, a súa será unha "oposición xenuína ao desgoberno do PP".

Esta foi unha das conclusións feitas públicas por Anova tras unha coordinadora na que a avaliación do 21-O foi, en xeral, de notable satisfacción. Para os membros deste órgano os resultados obtidos por AGE poden ser considerados como "excelentes" aínda que "o descenso de máis de 500.000 votos" por parte "das tres forzas presentes até agora no Parlamento" lle dese "a maioría ao PP, aparentando en escanos un avance que non tivo na sociedade". Esta nova composición do lexislativo galego chegou, din, tras "un magnífico labor de campaña" por parte de Beiras, quen ao seu xuízo soubo "representar e concitar co seu discurso os anceiios de de rebeldía dunha parte moi importante da cidadanía".

Anova subliña que o programa de AGE inclúe o compromiso coa "liberación nacional e social de Galiza"

Este recoñecemento a Beiras esténdello a coordinadora de Anova ao conxunto da súa militancia e simpatizantes, "que colaboraron voluntariamente en levar a bo porto a campaña", especialmente en ámbitos como as redes socaiis, din. Do mesmo xeito, dende o punto de vista da formación supuxo un "grande acerto" a "decisión de ter feito un chamado a todas as forzas nacionalistas e de esquerda para a conformación da unidade de acción para o Parlamento" e que deu como resultado, evidencian, a coalición con Esquerda Unida, Equo e o Espazo Ecosocialista, nun primeiro termo, e agora "un grupo parlamentar comprometido, como di o seu programa electoral, coa liberación nacional e social de Galiza" e co avance "no exercicio de autodeterminación, reivindicando a nación dos galegos e galegas como suxeito único da soberanía nacional", explican.

Ese grupo parlamentario, conclúen a través dun comunicado remitido aos medios "defenderá os intereses da maioría social e servirá de altofalante ás voces da rúa na Cámara galega. Mentres a actividade parlamentaria non se inicia -o Parlamento constitúese o 16 de novembro- Anova avanza que, nas próximas semanas, o seu labor estará tamén encamiñado a "apoiar a folga xeral" do día 14.

Beiras, na noite electoral do 21-O CC-BY-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.