"Ante a negativa do Estado a dialogar o debate xa non é de soberanía, senón de democracia"

Charla de Iñarritu (segundo pola esquerda) e Campuzano (segundo pola dereita) en Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Euskadi e Catalunya viven procesos políticos dispares, pero paralelos no tempo. A fin da violencia de ETA, no caso vasco, e as reivindicacións soberanistas que desembocaron na gran manifestación da Diada de 2012, no caso catalán, puxeron sobre a mesa en ambos territorios o debate do "dereito a decidir", trasladado ademais aos seus respectivos parlamentos, con amplas maiorías que o defenden. Dous deputados no Congreso, Jon Iñarritu (Amaiur) e Carles Campuzano (CiU), analizan, durante unha visita a Santiago convidados pola Mocidade Nacionalista Galega (MNG), analizan o percorrido que poderían percorrer as cidadanías vasca e catalá cara á autodeterminación e as resistencias que atopan no aparello do Estado. En verbas de Iñarritu, "ante a negación" a calquera "diálogo" o "debate" deixa de ser só de "soberanía" para pasar a ser, simplemente, de "democracia".

Iñarritu enfoca a "crise territorial do Estado" dende Euskadi e dende "unha nova realidade, a desaparición da violencia de ETA". Nese momento "queda claro que existe un problema político que ten que ser abordado por medio da democracia". "O problema político estaba aí, a pesar da violencia, pero tras desaparecer esta os que a puñan como escusa xa non a teñen". Na súa opinión, este é tamén un escenario de "reflexión para quen cría que a violencia podía ser a vangarda" pola soberanía. "O que desexa a cidadanía é a política, a paz e a democracia" e mostra disto, argumenta, foron os resultados acadados por Amaiur nas eleccións xerais de 2012, onde mesmo quedaron por diante do PNV en número de deputados. 

"O problema político estaba aí, a pesar da violencia de ETA, pero ao desaparecer esta os que a tiñan como escusa, xa non a teñen"

Tras 30 anos "nos que nin sequera se cumpriu o Estatuto de Gernika" e durante os cales se produciron vetos a, por exemplo, a proposta de novo Estatuto -o coñecido como Plan Ibarretxe- ou a Lei de Consultas, os obstáculos que pon o Estado "conseguen o efecto contrario". "O Estado responde con ameazas continuas", xa sexa augurando "desgrazas" como que "ides morrer de fame" ou apelando á "intervención militar". Chega, ironiza, a "extremos tan ridículos como que un xeneral xubilado pide intervir en Catalunya e ninguén fai nada, e sae un fiscal demócrata" defendendo "preguntarlle á cidadanía", e a Fiscalía Xeral do Estado promove a súa destitución.

Unha cultura política "profundamente autoritaria"

O fiscal ao que se refire Iñarritu é Martín Rodríguez-Sol, o responsable da Fiscalía Superior de Catalunya que considerou lexítimo realizar unha consulta entre a cidadanía catalá e por encaixala dentro da legalidade. "O fiscal non é un nacionalista nin un independentista", di Carles Campuzano, senón "un home con sentido común" cuxas ideas "baten cunha cultura política española tremendamente autoritaria" e "negadora da diversidade". A operación contra o fiscal catalán "remonta o Estado ao peor da súa historia", ao tempo "da negación da palabra e da opinión" e faino ademais, lamenta, "fronte á vontade maioritaria da sociedade catalá" e dos partidos que a representan en "máis do 80%" dos escanos do Parlament. "Do PSC á CUP, pasando por Iniciativa, Esquerra Unida, Esquerra Republicana, e CiU", todas estas formacións "están a favor e que os cataláns poidan decidir cal é o seu futuro", polo que resulta "inaudito que o Estado non sexa quen de abrir o diálogo para atopar a maneira legal de facelo".

"Inténtase laminar mesmo o conseguido no proceso constituínte; non é un problema xurídico, senón político"

A xuízo de Campuzano "o intento de laminar o conseguido no proceso constituínte", tras a Transición, levou o nacionalismo catalán cara a posicións soberanistas e fixo que "a sociedade catalá estea farta" e quere expresar "o seu desexo sobre o futuro" nunha consulta que "non prexulga a independencia". "Haberá quen defenda a independencia, quen defenda un modelo federal ou confederal". Pero "o que non se pode negar en pleno século XXI é que a cidadanía dun país poida opinar", di. "Non é un problema xurídico, é un problema político" e por iso debe dárselle "saída política" á realización da consulta.

"Se seguen negándose ao diálogo, van atopar un camiño: a unilateralidade"

Pero, que pasa se o Estado se mantén inmóbil nas súas posicións? "Se seguen negándose van atopar un camiño que é a unilateralidade", di Iñarritu. "A cidadanía vasca non vai renunciar á democracia" e por iso "solicitámoslle ao Estado que dialogue de boa fe" como está a acontecer "noutras nacións europeas", caso de Escocia. Pero, advirte, existen precedentes de unilateralidade como o de Kosovo, onde a Corte Internacional de Xustiza considerou que "a declaración unilateral de independencia non viola ningunha norma do dereito internacional". Nin sequera, advirte, está claro que un eventual Estado vasco ou catalán ficase fóra da Unión Europea, toda vez que "no Tratado de Lisboa non se fala" sobre o xeito de proceder no caso de secesión nun dos Estados membros. 

E, que acontece en Galicia? Un dos anfitrións de Iñarritu e Campuzano, o secretario xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, coida que "de todo se pode aprender, pero ninguén aprende por cabeza allea". "Antes de poder voar hai que aprender a camiñar", ilustra, e "a día dehoxe vemos cal é o contexto da realidade política galega, tanto na cuestión identitaria como na querencia polo país". Ao seu xuízo cómpre "pedagoxía, vontade construtiva e ir facendo ver que, canto máis poder político teña o país, mellor podemos vivir". 

Vista dos asistentes á charla de Iñarritu e Campuzano CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.