Antón Sánchez será o novo vicevoceiro de AGE, que perde outro escano

Antón Sánchez CC-BY-SA AGE

Alternativa Galega de Esquerda afrontará o derradeiro treito da lexislatura con novo vicevoceiro e un escano menos. O deputado Antón Sánchez (Anova) exerce xa como 'número dous' do grupo que encabeza Xosé Manuel Beiras e, tras a marcha de Yolanda Díaz como parlamentaria de En Marea ao Congreso, será el quen asuma a coordinación do traballo cotián, así como a formulación das preguntas ao presidente da Xunta no nome dunha formación de seis deputados, toda vez que a substituta de Díaz na Cámara, Mónica Fernández, número 5 da lista de AGE pola Coruña e membro de Cerna, se incorporará ao Grupo Mixto.

Como se viña agardando, Fernández segue finalmente o camiño que tomou en novembro de 2014 Consuelo Martínez quen, tras o referendo interno no que Cerna decidiu marchar de Anova, optou por pasar ao Mixto aínda que inicialmente declarara estar disposta a "seguir no grupo". Tras a primeira Xunta de Portavoces do novo período de sesións a xa nova integrante do Grupo Mixto afirmou ante a prensa que non chegou a ter ningunha conversa "oficial" para barallar a posibilidade de incorporarse ao grupo de AGE, se ben dende Anova se indica que si existiron contactos ao respecto.

Mónica Fernández (Cerna) optou por seguir os pasos de Consuelo Martínez en 2014 e incorporarse ao Grupo Mixto

Mónica Fernández convértese na terceira deputada do Grupo Mixto, tamén integrado por Carmen Iglesias, que o inaugurou en 2013 tras negarse a ceder o seu posto e permitir así, tras a marcha de David Fernández para continuar a súa carreira investigadora en Dinamarca, a entrada dunha deputada de Anova que mantivese a correlación de forzas no seo da coalición. Deste xeito, o Mixto pasa a estar formado por dúas antigas militantes de Anova e unha exmembro de Esquerda Unida.

Os traballos do derradeiro treito da lexislatura comezan sen saber polo momento quen presidirá a Cámara

Así as cousas no grupo de AGE fican, xunto a Beiras e Sánchez, a deputada Eva Solla, que pasa a ser vicevoceira segunda, e os parlamentarios Ramón Vázquez, Juan Fajardo e Xabier Ron. Alternativa pasa, polo tanto, ser o cuarto grupo en número de escanos e o BNG, con sete, queda como terceira formación, unha circunstancia que o voceiro do Bloque, Francisco Jorquera, cualifica como anecdótica e que ten escasa repercusión no funcionamento cotián da Cámara, agás o cambio na orde das intervencións. Si implica máis cambios que o Mixto teña un escano máis, xa que supón unha maior cota de intervencións.

As mudanzas en AGE inauguran un tramo final da lexislatura no que resta aínda por saber quen dirixirá o Parlamento tras a marcha de Pilar Rojo ao Congreso. Polo momento o PP segue sen desvelar se, finalmente, optará por Miguel Santalices, aínda vicepresidente primeiro, como novo presidente. Á espera desa designación o veterano deputado ourensán foi este martes o encargado de convocar e dirixir a Xunta de Portavoces.

Antón Sánchez CC-BY-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.