Ao ximnasio en coche oficial da Xunta

Rueda observa os coches obtidos a cambio de dous Audi de Fraga e un do bipartito © Ana Varela

Levar os nenos á escola, desprazarse dende a casa malia a vivir a poucas rúas do posto de traballo ou mesmo ir ao ximnasio. Son algunhas das funcións que, segundo os representantes do funcionariado dos servizos centrais da Xunta, están a cumprir algúns vehículos oficiais da Administración autonómica. A Xunta de Persoal destes servizos vén de presentar un escrito ante o Goberno galego con "nomes, apelidos e matrículas" no que, explican, fica acreditado que altos cargos están a facer un reiterado "uso irregular" de vehículos oficiais para fins que nada teñen que ver co servizo público, "contradicindo as instrucións de funcionamento vixentes".

Os representantes do persoal entregaron un escrito con "nomes, apelidos e matrículas" para acreditar os usos irregulares

Na mesma semana en que a controversia dos vehículos oficiais chegaba con intensidade ao Parlamento a través de 167 preguntas do PSdeG os representantes dos traballadores públicos poñen varios exemplos do que consideran un verdadeiro "descaro". Trátase, por exemplo, dun secretario xeral -segunda persoa no escalafón dunha consellería- "que utiliza o coche oficial con chofer para ir ao ximnasio", de directores xerais que residen a poucas rúas de San Caetano "pero que os van buscar para ir traballar en coche oficial" ou de xefes de servizo que empregan estes automóbiles "para trasladarse dende A Coruña, onde residen", ata Compostela. Algúns destes coches foron empregados tamén para desprazar fillos aos seus respectivos colexios e a situación "chega até tal punto que o propio resposnable do parque móbil foi visto chegando en coche oficial con chofer ao recinto de San Caetano".

Isto acontece cos considerados ordinariamente como vehículos oficiais, isto é, coches de maior gama sen rotulación ningunha. Pero os usos "irregulares", di a Xunta de Persoal, esténdense tamén aos coches rotulados con logotipos da Administración autonómica. Algúns destes automóbiles teñen sido atopados "aparcados dentro de garaxes particulares" e "incluso a un vehículo co logo da Consellaría de Medio Ambiente" ao que se lle "enganchou un remolque cargado de leña ou herba para uso particular, por suposto".

"Un privilexio anacrónico"

Sinalan os representantes do funcionariado que a reclamación xa está a dar resultados. Non en van, "o mesmo día en que se presentou o escrito xa houbo un chofer dun alto cargo que recibiu a orde de deixar de trasladar o directivo ao seu domicilio". "Agardamos que este sexa o camiño a seguir por parte da Xunta", subliñan, xa que, lembran, os actuais responsables autonómicos se estiveron a "gabar" reiteradamente "na prensa" sobre a súa xestión dos coches oficiais, especialmente no ámbito persoal, mesmo considerándoos "un privilexio anacrónico", definición coa que concordan as centrais sindicais.

Os traballadores reclaman a fin dos "privilexios" en época de recortes ao persoal público

Neste contexto, a Xunta de Persoal advirte de que esta "malversación de cartos públicos" engádese ao feito de que "se siga financiando con cargo ao orzamento" do Goberno galego "o traslado entre os seu domicilios e os seus postos de traballo" aos "altos cargos de fóra de Santiago", aínda que sexa compartindo coche en virtude do plan aprobado por Presidencia. "Se o argumento da situación económica vale para que a Xunta suprima dereitos laborais consolidados dos empregados públicos, debe valer en maior medida para suprimir os transporte gratuítos para os altos cargos fóra das encomendas derivadas das súas funcións". Se isto non é así, conclúen, "créase un agravio comparativo", no que as persoas "con máis recursos son as que menos se vén afectadas polos recortes", mesmo mantendo "privilexios" como utilizar coches de alta gama propiedade da Administración "para asuntos particulares".

Rueda observa os coches obtidos a cambio de dous Audi de Fraga e un do bipartito © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.