A militancia de En Marea di 'non' a apoiar un goberno presidido por Pedro Sánchez que se basee no acordo entre PSOE e Ciudadanos. Así o deixou claro o 95,5% dos participantes na consulta aberta pola coalición, na que participaron 2.013 persoas, o 48,6% dun censo total de 4.140 rexistrados. Ademais, o 86,7% dos inscritos amosáronse favorables a continuar traballando, en colaboración con Podemos e En Comú, para conseguir un goberno de cambio xunto aos socialistas e outras forzas progresistas.
O 95,5% dos participantes di 'non' ao pacto PSOE-C's nunha consulta na que votou case a metade dos inscritos
A coalición lembra que o resultado da consulta "é vinculante e de obrigado cumprimento para as súas deputadas e deputados". En Marea asegura que estes datos mostran "un sentido claro sobre a posición que debe manter" a formación e é un "rexeitamento nítido" da opción de apoio a un goberno sobre o acordo PSOE-Ciudadanos, así como da "vontade cun amplo apoio" de cara a conformar un goberno de cambio.
Desde En Marea aclaran que o obxectivo acordado na mesa coordinadora da formación foi que "as decisións de gran relevancia política sexan adoptadas polas súas bases" e insisten no carácter vinculante da decision tomada polas bases.
Na consulta participaron máis de 2.000 persoas, case a metade do censo de persoas inscritas en En Marea
A consulta, que se celebrou durante os pasados 19 e 20 de abril, realizouse partindo do censo dos rexistrados na formación en novembro de 2015 para a validación das candidaturas (3.475), aínda que se abriu durante eses mesmos dous días para amplialo a "aquelas que quixesen participar das decisións de En Marea". Finalmente, 665 persoas incribíronse a maiores, ata quedar o censo final en 4.140. A coalición asegura, tamén, que as votacións desnevolvérense sen ningún tipo de problema e "sen incidencias relevantes".
Na consulta aberta por Podemos, o 88% dos inscritos no partido morado rexeitaron o pacto PSOE-Ciudadanos, mentres que o 91,8% apoiou a coalición cos socialistas, IU ou Compromís para conformar un goberno de cambio.
RESULTADOS:
Número de votos | Porcentaxe | |
SI | 90 | 4,47% |
NON | 1.923 | 95,53% |
Número de votos | Porcentaxe | |
SI | 1.745 | 86,69% |
NON | 268 | 13,31% |