As candidaturas municipais cidadás, nunha semana clave

Xulio Ferreiro, Silvia Cameán e Borja San Ramón, na xuntanza da Marea Atlántica, este sábado © Sandra G. Rey

As eleccións municipais do 24 maio están cada vez máis preto, e os prazos límite para formalizar as candidaturas achéganse, o que está acelerando o traballo das distintas iniciativas políticas que concorrerán aos comicios. Sobre todo das máis novas, comezando polas candidaturas cidadás municipalistas. En paralelo, os círculos locais de Podemos deben decidir nos vindeiros días (o de Compostela celebrou votación esta mesma semana, cuxos resultados se coñecerán en breve).

A Marea Atlántica pecha o acordo de confluencia con Anova, Esquerda Unida, Podemos, Equo, Espazo Ecosocialista e Compromiso por Galicia

A coruñesa Marea Atlántica aprobou esta mañá por aclamación os tres documentos (Código Ético, a Forma de Goberno, o método de Primarias e o sistema de Programa Participativo) que guiarán o seu camiño até as municipais. Estes documentos configuran o marco de confluencia respaldado polo conxunto das sensibilidades que concorren no proceso, tanto as dos cidadáns sen adscrición partidaria como as das xentes de Anova, Esquerda Unida, Podemos, Equo, Espazo Ecosocialista e Compromiso por Galicia. Todas estas organizacións políticas terán que validar agora estas teses nos seus órganos internos, da maneira na que corresponda en cada caso.

A Marea Atlántica presentarase ás eleccións municipais de maio coa súa propia marca e un partido instrumental do mesmo nome, descartando así facelo como coalición ou agrupación de electores. Calquera pacto postelectoral, segundo as teses aprobadas esta mañá, terá que ser aprobado pola Rede, a súa asemblea xeral, e referendado pola cidadanía. A plataforma acordou tamén cooperar, no ámbito metropolitano, con outras iniciativas municipalistas coas que comparta métodos e obxectivos. Así mesmo, e malia a ter unha posición crítica a respecto das Deputacións, procurará fórmulas para agregar os seus votos no partido xudicial da Coruña para facilitar tamén un cambio a nivel supramunicipal.

A plataforma leva varias semanas inmersa no proceso denominado Marea Viva, que busca definir as ferramentas básicas coas que presentarse ás eleccións. Á Marea Alta deste sábado chegábase cunha proposta única para a Forma de Goberno, dúas para as Primarias e Programa Participativo (unha proposta de consenso entre distintos equipos e outra presentada polo Grupo10) e tamén dúas para o Código Ético (de novo, unha de consenso, e outra formulada polo Grupo7). Porén, non foi necesario proceder á votación aberta prevista para este domingo, pois na xuntanza celebrada esta mañá as persoas impulsoras dos documentos alternativos acabaron por sumarse ao consenso xeral ao redor de ambos os dous textos, que foron aprobados por unanimidade.

A Marea Atlántica celebrará as súas primarias os días 7 e 8 de marzo, un proceso no que poderán votar todas as persoas residentes na Coruña (ou que residiran nos cinco anos anteriores) e que asinen o manifesto da Marea Atlántica antes do 2 de marzo. Para poder presentarse todas as candidatas e candidatos deberá presentar 5 avais de persoas asinantes (15 no caso das cabezas de lista) e asumir o Código Ético. Quedarán excluídas as persoas que ostentaran "algún tipo de responsabilidade como representante nos anteriores gobernos municipais do goberno da Coruña", as persoas imputadas por delitos relacionados con corrupción ou con racismo, machismo ou homofobia. As candidaturas deberán ser paritarias e votarase por separado a cabeza de lista (que deben presentarse a título individual) e os restantes candidatos, que si poden formar listas, pero que se votarán forma individual e aberta. 

Os seus cargos públicos non poderán exercer máis de dous mandatos e someteranse a un estrito Código Ético que tamén limita os seus salarios a un máximo de 40.000 euros brutos anuais (2.100 netos ao mes en 14 pagas). Os cargos serán revogables e estarán sometidos a esixentes mecanismos de rendición de contas, tanto na propia marea como no conxunto da cidadanía.

 

Marea Pontevedra

A Marea Pontevedra celebra este sábado as súas primarias, nas que a iniciativa cidadá escollerá os seus candidatos e candidatas para a conformación da súa lista electoral

A Marea Pontevedra celebra este sábado as súas primarias, nas que a iniciativa cidadá escollerá os seus candidatos e candidatas para a conformación da súa lista electoral. As votacións en urna realizaranse entre as 10.00 e as 19.00 horas na casa sindical de Pontevedra (Rúa Pasantería, 1). Para as persoas que non puidesen achegarse este sábado ata alí, tamén se habilitou a posibilidade de votar por correo electrónico entre o mércores e o venres. Poden votar todas as persoas residentes en Pontevedra que se inscribiran na Marea antes do mércores 3 de febreiro, un total de 363 persoas.

O escritor Luís Rei Núñez é o candidato de consenso para encabezar a lista e nas últimas semanas recibiu o apoio, ademais, de Esquerda Unida, Podemos, Anova, Espazo Ecosocialista e de varios colectivos sociais da cidade. Para os restantes postos hai 13 candidatos e candidatas, entre elas a radióloga María Luisa Lores, o arquitecto Guillermo Casalderrey ou a historiadora Vanessa Angustia Gómez.

 

Ourense en Común

Este sábado, no Centro Cívico de A Ponte, Ourense en común celebra unha nova xornada participativa para deliberar sobre o regulamento para as eleccións primarias das que deberá saír a candidatura cara as eleccións municipais de maio de 2015. O regulamento debe definir o calendario de primeiras, os seus censos (quen pode votar), as condicións esixidas ás persoas elixibles e a fórmula de confección das listas da candidatura. Segundo os responsables desta plataforma cidadá, este regulamento "dará reflexo da pluralidade de persoas que integran Ourense en común, ofrecerá un trato igualitario e xusto para todas as persoas que concorran ao proceso de primarias, garantirá que todo o poder de decisión recaerá no voto cidadán, establecerá un sistema de garantías axeitado que asegure o seu cumprimento".

 

Marea Ártabra

En Ferrol a Marea Ártabra decidiu este xoves en asemblea concorrer ás eleccións de maio, e facelo ademais baixo a fórmula de partido instrumental de carácter provincial e aberto a coalicións a nivel galego, rexeitándose a proposta de concorrer aos comicios como agrupación de electores. A coordinadora e a comisión de traballo da Marea reuniranse nos vindeiros días para dar de alta o partido, aprobar os estatutos e aprobar un código ético e un regulamento para celebrar primarias. A fórmula escollida permitirá, por exemplo, a participación de Esquerda Unida, que rexeitara participar nunha agrupación de electores.

 

Outras candidaturas

En Lugo, a pasada fin de semana os e as integrantes das plataformas Gañemos Lugo e Lugo en Común aprobaron en asemblea a súa confluencia

En Lugo, a pasada fin de semana os e as integrantes das plataformas Gañemos Lugo e Lugo en Común aprobaron en asemblea a súa confluencia e integración nunha única plataforma, denominada Lugonovo. Fixérono case por unanimidade, agás dúas abstencións. E, ao tempo, ratificaron a súa vontade de esta candidatura concorra ás eleccións municipais de maio. Na mesma asemblea constituíuse unha comisión formada por unha vinte persoas, que estará encargada de elaborar un código ético, comezar a preparar o programa electoral e definir como se desenvolverá o proceso de eleccións primarias.

En Vigo, o pasado xoves 29 150 persoas participaron na asemblea da Marea, na que aprobaron a fórmula para concorrer ás eleccións de maio: unha opción mixta partido instrumental-agrupación de electores. En Santiago, Compostela Aberta, que hai tres semanas aprobou o seu código ético, decidirá nos vindeiros días as fórmulas para concorrer aos comicios. 

A plataforma cidadá Ames Novo, que leva traballando boa parte da lexislatura, convocou para finais de febreiro (entre o 27 de febreiro e o 1 de marzo) primarias

Máis avanzado está o proceso en Ames. A plataforma cidadá Ames Novo, que leva traballando boa parte da lexislatura, convocou para finais de febreiro (entre o 27 de febreiro e o 1 de marzo) primarias para elixir once candidatos e candidatas, o número equivalente á maioría absoluta na corporación municipal amiense. Estas persoas deben subscribir un código ético que foi aprobado hai unhas semanas e que leva por título “Gobernar obedecendo ao pobo”. Son lista abiertas, pero establécense mecanismos de corrección: entre os dez primeiros postos haberá un 50% de mulleres e cando menos tres personas de Bertamiráns, tres de Milladoiro e tres das zonas rurais do concello. Poderá votarse de forma electrónica e tamén en distintos puntos das diferentes parroquias.

Outras plataformas e iniciativas cidadás municipalistas, en concellos de vilas de todo o país tamén ultiman nestas semanas a súa participación nas municipais de maio

Outras plataformas e iniciativas cidadás municipalistas, en concellos de vilas de todo o país tamén ultiman nestas semanas a súa participación nas municipais de maio. Dende Boqueixón (Agora vós-Veciñ@s de Boqueixón), a Padrón (Veciños de Padrón), pasando por Neda (Moveneda), Ribadeo (Ribadeo en Común), Noia (Marea Cidadá de Noia), Chantada (aínda en formación), Ribadumia (Somos Ribadumia) así coma as distintas iniciativas de Somos Maioría, entre moitas outras plataformas locais.

Luis Rei Núñez, acompañado dalgúns dos impulsores da Marea Pontevedra © Marea Pontevedra
Xuntanza da Marea Atlántica, este sábado Dominio Público Marea Atlántica
Actividade dunha das asembleas de Ourense en Común Dominio Público Ourense en Común
Gañemos Lugo e Lugo en Común convertéronse a semana pasada en Lugonovo Dominio Público Lugonovo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.