As caras do último Parlamento galego con 75 deputados

Representación do reparto de escanos na nova Cámara CC-BY-SA Praza Pública

O vindeiro 16 de novembro o Parlamento de Galicia botará a andar a IX Lexislatura autonómica. Isto acontecerá nun pleno de constitución da Cámara presidido por Xosé Manuel Beiras -por ser o deputado de maior idade- que será tamén a última sesión inaugural dun período lexislativo galego no que senten nos seus escanos 75 deputados e deputadas. Será así en virtude da que fora proposta de última hora do PP no pasado mandato e que agora os conservadores sacarán adiante tras incluíla no programa electoral refrendado nas urnas o pasado día 21.

A formación que encabeza Alberto Núñez Feijóo aplicaralle ao Parlamento un recorte de 14 escanos para deixalo en 61. A "austeridade" e a "eficiencia" no gasto público son os motivos nos que os populares sustentan unha decisión que non será inocua para futuras convocatorias electorais. Non en van, e agás que muden a súa aposta inicial, a reforma á sede da soberanía popular aplicarase unicamente para reducir deputados e deputadas, pero non para mudar ningunha regra de xogo máis. Así, polo tanto, permanecera intacto o mínimo de 10 escanos que lle corresponden a cada provincia, distribuíndose os 51 restantes en función da poboación. Deste xeito, as xa sobrerrepresentadas provincias de Lugo e Ourense, tradicionais celeiros de votos do PP, terán aínda máis peso en futuros comicios.

Se a reforma estivese xa en vigor o PP tería maioría absoluta con 34 deputados

Se este recorte estivese xa en vigor, a maioría absoluta xa non serían 38 deputados, senón 31, e o PP tamén os tería acadado o 21-O. Nomeadamente, estaría tres escanos por riba, situándose en 34. O PSdeG sería a segunda forza política, con 14 deputados, Alternativa Galega de Esquerda manteríase como terceira forza, con 7 actas, e ao BNG corresponderíanlle 6 representantes.

Pero mentres isto non acontece ata 2016 sentarán no Pazo do Hórreo 46 homes e 29 mulleres que se agruparán en catro grupos parlamentarios. É precisamente a cantidade de grupos unha dos elementos máis novidosos da lexislatura, o cal obrigará tamén, moi probablemente, a redefinir algúns dos mecanismos de funcionamento das sesións parlamentarias, ademais de a axeitar novos espazos físicos na sede do Parlamento para acomodar os representantes de Alternativa Galega de Esquerda (AGE). 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.