As dúas pontevedras fronte a fronte no inicio do 28A

Mitin do BNG en Pontevedra, este venres © BNG

O Teatro Principal de Pontevedra e a sede de Afundación están separadas por apenas 500 metros, un 6 minutos camiñando. Porén, este venres foron os escenarios nos que se deixaron ver dous modelos de cidade e de sociedade completamente distintos, case se podería dicir que opostos. Á mesma hora nun e noutro lugar comezaron os principais mitins de campaña de BNG e PP, nos que as candidatas e candidatos ás eleccións xerais pola provincia estiveron acompañados por figuras de peso de ambas as dúas formacións.

"Non somos afeccionados, sabemos o que é gobernar. Este partido emprestou un gran servizo a España", dixo Rajoy

Había expectación, sobre todo, pola reaparición de Mariano Rajoy, que dende a moción de censura que o apartou da Presidencia do Goberno limita sobremaneira as súas intervencións públicas e, sobre todo, políticas. Regresaba Rajoy, ademais, á cidade na que creceu, á mesma que o declarou non grato trala concesión da prórroga de 60 anos a ENCE para a súa permanencia en Lourizán, e tamén á cidade na que foi agredido na campaña electoral de decembro de 2015.

"Se queredes que goberne Pedro Sánchez, podedes votar a Vox, a Ciudadanos, a Podemos ou aos independentistas", afirmou Feijóo

Nun auditorio ateigado, na sede de Afundación, Rajoy pediu o voto para Pablo Casado apelando á experiencia de Goberno do Partido Popular: "Hai motivos para apoiar o PP unha vez máis. Non somos afeccionados, sabemos o que é gobernar. Este partido emprestou un gran servizo a España". Augurou, neste senso, que o PP gañará as eleccións do 28 de abril e chamou a "non facer caso das enquisas", recoñecendo que estas serán "as eleccións máis abertas en anos". Rajoy reivindicou, ademais, que o PP é "o partido que mellor entende a Galicia" e lembrou que a formación gañou "as últimas 37 eleccións" na provincia de Pontevedra.

Tamén interveu Núñez Feijóo, que fixo unha apelación ao "voto útil". "Se queredes que goberne Pedro Sánchez, podedes votar a Vox, a Ciudadanos, a Podemos ou aos independentistas. Se queredes que non goberne, só podedes votar ao PP", afirmou

Mitin de Mariano Rajoy en Pontevedra, este venres © PPdeG
Mariano Rajoy, xunto a Ana Pastor e Alberto Núñez Feijóo, este venres en Pontevedra © PPdeG

Mentres, a 500 metros, no Teatro Principal, Ana Pontón e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, apoiaban as candidatas e candidatos do BNG, encabezados pola candidata ao Congreso, Carme da Silva. No acto estivo moi presente a propia cidade e a xestión realizada polo Bloque dende o Goberno municipal. “Pontevedra é o mellor exemplo do que somos capaces cando confiamos nas nosas propias forzas”, dixo Ana Pontón.

Pontón ironizou coa "aparición mariana" que se producira ese venres na cidade e co obxectivo de Feijóo de "honrar o seu legado".

E tamén o mesmo Rajoy, que nese mesmo momento interviña no outro gran mitin da noite. Pontón ironizou coa "aparición mariana" que se producira ese venres na cidade e co obxectivo de Feijóo de "honrar o seu legado". “Que legado? O recortazo de 442 M€ nos orzamentos do Estado? Os 2.000 M€ que deixou sen investir só no AVE mentres estivo na Moncloa? O legado dos 188 M€ que deixou sen pagar en dependencia? Ou quere celebrar o empeño en atornillar ENCE na Ría de Pontevedra para que as portas xiratorias sigan funcionando?”, preguntou Pontón.

ENCE foi outro dos protagonistas da noite. Carme da Silva afirmou que “a marcha de ENCE da Ría de Pontevedra será unha reclamación permanente nas institucións e nos xulgados desde onde agora chegan vitorias”. "De ningunha maneira nos imos engurrar nin ante as presións da empresa, do PP ou dos que nos intentan amedrentar. ENCE vai saír da ría pola vontade popular, porque Galiza o merece, porque non temos que aguantar chantaxes de que ou está aí ou marcha eliminando postos de traballo”, dixo a candidata do BNG.

Ana Pontón, no mitin do BNG en Pontevedra © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.