Ás dúbidas da campaña da crise: de Pemex a Alcoa

'Cadaleito' de Alcoa, ante San Caetano CC-BY-SA Merixo

En tempos de crise e de angustia para os traballadores e traballadoras de múltiples sectores económicos e produtivos do país unha campaña electoral é un terreo tan propicio ás promesas como esvaradío. Están en xogo elementos esenciais e onde antes había compromisos en forma de autovías, trens rápidos e centros comarcais agora hai intencións para tentar deitar un chisco de luz na negrura do desemprego. Neste contexto é no que se enmarcan algúns dos elementos máis controvertidos da presente carreira electoral galega, chegados en forma de promesas de investimento por parte do candidato á reelección, Alberto Núñez Feijóo. Dos contratos de Pemex á nova tarifa eléctrica para Alcoa, pasando polo informe do Consello de Contas sobre o déficit de 2010, as incertezas alimentan o debate político, fan incrementar as mensaxes do resto de forzas políticas a respecto do que consideran "mentiras e enganos" do PP e irritan sobremaneira ao líder conservador.

A primeira e gran dúbida da campaña foi a vinculada aos supostos contratos da petroleira mexicana Pemex con estaleiros galegos. Asinados con solemnidade a poucos días do inicio da campaña electoral no salón nobre do Pazo de Raxoi e apadriñados polo propio Feijóo, estes documentos -cuxo contido é descoñecido- garantían, segundo a Xunta e o PP, a construción de senllos buques hoteis no estaleiro privado Barreras e no público Navantia. Tal e como relatou Praza Pública, o 27 de setembro a cúpula da compañía estatal mexicana aseguraba que "non hai contrato ningún", abrindo toda unha espiral de interrogantes que levou, por exemplo, a descubrir que, de formalizarse, as contratacións non se formalizarían con Pemex, senón coa súa subsidiaria PMI.

Mentres a Xunta Electoral constababa que Feijóo infrinxira as leis ao presentarse como conseguidor dos contratos en plena precampaña PSdeG e BNG aumentaban o ton das súas críticas e tamén as súas esixencias. Tanto o candidato socialista, Pachi Vázquez, como o nacionalista, Francisco Jorquera, insistían en que as dúbidas se disiparían se os conservadores accedían a amosar o contido dos contratos. "Se foron asinados coa TVG en directo, moi segredos non serán", ironiza o líder do PSdeG. Jorquera, ao tempo que reclamaba a comparecencia inmediata de Feijóo no Parlamento, subliñaba que, á luz das informacións chegadas dende México, cabe concluír que "o único que houbo foi un pacto para que estivesen disponibles as instalacións de Barreras e Navantia se ao final se optaba por estes estaleiros para construír os floteis". Pola banda conservadora a resposta foi unha constante: "O PSOE non quere o acordo con Pemex" para "buscar réditos electorais", resume o seu voceiro, Antonio Rodríguez Miranda.

A tarifa de Alcoa, nun mitin

E do naval, á metalurxia. Cando as incertezas sobre Pemex seguen sen despexar o pasado xoves Feijóo chegaba á localidade mariñá de Foz cunha nova baixo o brazo. En calidade de candidato do PP -que non de presidente da Xunta- o popular aproveitaba un mitin para asegurar que as reivindicacións do persoal de Alcoa para lograr unha tarifa eléctrica que permita a continuidade da fábrica metalúrxica están solventadas. O ministro de Industria, afirma, xa "asinou" a orde que mantén os prezos da electricidade para empresas coma esta. Tras meses de protestas os traballadores e traballadoras da factoría amósanse relativamente aliviados pero conteñen aínda a respiración: a solución, de concretarse, aínda deberá pasar "o filtro" das autoridades da competencia, estatais e europeas.

O PP retruca con dureza en público e en privado e afirma que as críticas poden chegar a "cargarse" investimentos en marcha

Para PSdeG e BNG o de Alcoa é unha segunda parte do episodio de Pemex. "Que casualidade", di Pachi Vázquez, "que Feijóo dá un mitin en Foz e chega a solución". "Hai que xogar desa maneira co sufrimento da xente? Cre que somos parvos?" pregúntase. Jorquera tamén desconfía porque Feijóo, asegura, ten acreditado dabondo que é un "mentirán". Mentres, dende o PP, repítese a resposta: socialistas e nacionalistas "lamentan a solución para Alcoa" que chega, asegura, "grazas á intermediación" do candidato á reelección.

É neste escenario no que Galicia chega ao ecuador da campaña. Feijóo amósase como o único representante da "solvencia" que permite atraer investimentos a Galicia. PSdeG e BNG remítense a antecedentes como as malogradas operacións industriais para, por exemplo, instalar unha planta de coches eléctricos en Melón ou unha fábrica de baterías de Mitsubishi no entorno de Vigo. Feijóo "mente e engana", reiteran, argumento que salfiren ademais coa referencia ao suposto "desprazamento" de 400 millóns de euros en facturas de 2010 a 2011 para así cadrar o déficit. No PP retrucan con suma dureza en público e en privado. "Alá cadaquén", insisten, ao tempo que reiteran que as críticas e as dúbidas, políticas e na prensa, poden chegar a "cargarse" investimentos en marcha.

Feijóo, nun mitin de campaña © PPdeG
Vázquez, no mitin de Foz CC-BY-NC-SA PSdeG
Jorquera, nun mitin electoral do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.