As eleccións, nunha soa ollada

Ourense e Lugo son as provincias cun electorado máis envellecido © Carlos Alonso

Os medios repiten estes días cifras e máis cifras sobre as eleccións: 2,7 millóns de votantes, 400.000 que forman parte do denominado censo de residentes ausentes (CERA), 82.284 novos electores... E moitos máis. Este datos abruman moitas veces e parece que non engaden moita información. Pero se se analizan con detemento, poden ofrecer claves moi interesante sobre como é Galicia e, polo tanto, a política galega e estes comicios. Unha forma clara de facelo é visualmente, con mapas e gráficas que resuman e afonden nun océano de números, permitindo cunha soa ollada ver o que hai detrás.

É o que intenta o xornalista galego Carlos Alonso, afincado en Barcelona, no seu blog astillero.org. Dende hai uns días vén publicando unha unha serie de análises dos comicios do 21-O a través de ferramentas de visualización de datos, partindo de bases que son públicas, coma as do INE. Así podemos ver con facilidade que concellos e comarcas teñen unha meirande porcentaxe de votantes residentes no estranxeiro. A media é du 15% pero cun rango que vai do 0.88% de Burela até o 55% de Avión, Bande e Gomesende.

Outra das análises céntrase na distribución por idades do censo electoral en cada provincia. E as gráficas amosoan con claridade o feito coñecido de que as provincias occidentais, sobre todo Pontevedra, son as máis novas, mentres que Lugo e sobre todo Ourense son as máis envellecidas. Os menores de 45 anos rozan o 45% na Coruña e Pontevedra e se sitúan ao redor do 30% nas outras dúas provincias.

Distribución de votantes por idade e provincia © Carlos Alonso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.