"As eleccións son moi importantes, pero construír algo novo tamén o é"

Carlos Méixome © IEM

Carlos Méixome é un dos principais impulsores da asemblea nacionalista do Val Miñor, unha das máis activas nos últimos meses na conformación dunha nova organización política no campo da esquerda e do nacionalismo. De feito, foi esta asemblea, canda á de Ferrol, a principal impulsora da xuntanza que este sábado mantiveron en Teo representantes das asembleas locais e comarcais do chamado Novo Proxecto Común. "Tivemos o atrevemento de dicir que había que tirar cara adiante, porque igual outras asembleas levaban un ritmo de debates máis lento ou empezaron máis tarde", explica: "nós no Val Miñor levamos moito tempo con estas asembleas, temos un documento elaborado dende hai xa dous meses e pensamos que había que darlle un empurrón ao proceso, que había que tomar a iniciativa".

"Pensamos que había que darlle un empurrón ao proceso, que había que tomar a iniciativa"

En Cacheiras ao redor de 150 persoas, representantes de 43 asembleas autoconstituídas e de ámbito local ou comarcal reuníronse para establecer mecanismos de coordinación entre elas para a constitución dunha nova organización política e decidiron conformar unha coordinadora provisional (que deberá agora elixirse en cada agrupación) e iniciar os traballos para a convocatoria dunha Asemblea Nacional, que se celebraría a finais de xuño ou a comezos de xullo.

"Un proceso no que teñan cabida todas as persoas que queiran construír dende unha esquerda inclusiva. E tamén dende o nacionalismo: a forma política de expresar o sentimento do galeguismo"

Antes, o 16 de xuño reunirase esta coordinadora provisional para iniciar os traballos organizativos e para redactar un documento de mínimos: "Ese documento debe ser a conclusión dos procesos que se viñeron levando a cabo nos últimos meses de maneira sosegada e tranquilamente nas localidades e nas comarcas, dende abaixo e amplamente, un proceso no que teñan cabida todas as persoas que queiran construír dende unha perspectiva de esquerdas, unha esquerda inclusiva, dende o feminismo ao ecoloxismo, a tradición socialdemócrata, a tradición comunista e os movementos libertarios. E tamén dende unha perspectiva nacionalista, pero entendendo o nacionalismo coma o que é: a forma política de expresar o sentimento do galeguismo. E neses amplos espectros é onde queremos construír, iso si, dende a base, dende os ámbitos locais", afirma Méixome.

"Saímos moi animados e optimistas, estaba a maior parte do país representado, ben a través de asembleas estritamente locais, ben a través de asembleas comarcais. Percibiuse que había moitas ganas, moitas ganas de construír algo novo", di Méixome, "algo que responda á base social e militante do nacionalismo, que é un pensamento de esquerdas con moitísimos matices, cun abano moi grande, e nacionalista tamén cun abano moi grande. Iso é o que hai: é a xente que traballa, que ten protagonismo social, que está presente nos concellos, nas asociacións culturais ou nas comunidades de montes". Méixome afirma que "agora si que o proceso vai ser moi rápido. En moi pouco tempo imos ter a cousa deseñada, se cadra non cuns grandes documentos, pero si cuns puntos mínimos de acordo. Neste mes vaise acelerar moito o proceso".

 

Diversidade ideolóxica

"Nós estamos construíndo o proceso por abaixo. Como aquí temos que incorporarnos de maneira individual, quen ten que definir eses límites é a propia persoa"

Ao respecto da diversidade ideolóxica das persoas e organizacións que están participando nos debates para a conformación dunha nova organización política, e que xa espertou dúbidas ou críticas en determinados sectores, Méixome explica que "nós estamos construíndo o proceso por abaixo. Como aquí temos que incorporarnos de maneira individual, quen ten que definir eses límites é a propia persoa. Se eu son unha persoa que se sitúa no centro e nun galeguismo folclórico, por chamarlle dalgún xeito, pois ao mellor non me atopo cómodo no discurso xenérico das asembleas. Ou se cadra si estou cómodo porque considero que hai que ir achegando posicións. Como se casa esta pluralidade ideolóxica? Pois porque estamos construíndo a partir das persoas. Se non, non hai forma de casalas; se ti vas negociar con programas políticos predeterminados, non hai posibilidade de entendemento".

"Se non construímos a partir das persoas, imos reproducir os vicios tradicionais dos grupos de esquerda e de calquera grupo organizado con posicionamentos predeterminados"

Defende, ademais que "se non construímos a partir das persoas, imos reproducir os vicios tradicionais dos grupos de esquerda e de calquera grupo organizado con posicionamentos predeterminados" e engade que "moitos de nós aprendemos moito cos mozos e non tan mozos e vellos e non tan vellos que participan no 15M e que expresaron simplemente unha sensación, unha nova forma de entender as relacións políticas".

 

A urxencia das eleccións

Outra das cuestións que está marcando o proceso de construción do novo partido é a urxencia derivada dun hipotético adianto electoral, e que decote é empregado por algúns sectores como argumento para demandar maior velocidade na conclusión dos debates ou na sinatura de acordos entre as persoas e grupos que o conformarían. Sobre isto Méixome afirma que "o que quedou definido que imos concorrer ao proceso electoral, agora iso terá que aprobarse nas asembleas locais. Pero creo que como a cousa está moi debatida, non creo que ningunha asemblea poña reparos a iso". E conclúe: "Imos estar nas eleccións".

"Se tivésemos máis tempo iríamos máis lento e se apretan a convocatoria electoral haberá que acelerar e deixar a conformación do corpo teórico para máis adiante"

Porén, engade que "as eleccións son moi importantes, pero construír algo novo tamén é moi importante, os dous procesos teñen suma importancia. Se agora non nos dá tempo a crear unha organización cun documento de corenta folios, pois xa o faremos, pero temos que construír unha organización, iso si: plural, diversa, dende abaixo, individual, de persoas, e iso si que corre moita présa". Recoñece, en calquera caso que "é evidente que a posibilidade dun adianto electoral está condicionándonos: se tivésemos máis tempo iríamos máis lento e se apretan a convocatoria electoral haberá que acelerar e deixar a conformación do corpo teórico para máis adiante e limitarnos a un documento unificador de posicións e a un modelo organizativo tamén de mínimos, que permita funcionar nun tempo breve".

E conclúe: "Se o nacionalismo e a esquerda consideran que o único importante son as eleccións, equivócase, e se consideran que o único importante é crear unha organización, tamén se equivoca. Fagamos as cousas ao ritmo que as temos que facer, que hai tempo para todo".

Carlos Méixome © IEM
Imaxe da xuntanza, que tivo lugar na Mediateca do Grilo, en Cacheiras © Causa Galiza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.