Ás cinco e media da tarde dun venres, en plena treboada posterior ao anuncio dos novos recortes aprobados no Consello de Ministros e dúas horas antes do Comité Nacional do PSdeG. Este foi o escenario elixido polo Goberno galego para remitirlles aos medios de comunicación unha relación de contratos e axudas formalizados coas empresas do narcotraficante Marcial Dorado "nos últimos vinte anos" ou, o que é o mesmo, a resposta á pregunta formulada no Parlamento por AGE, a mesma que, segundo Alberto Núñez Feijóo, "non merecía" a coalición que encabezan Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz. Nun comunicado de cinco páxinas no que o Executivo centra os seus esforzos en insistir en que "a maior axuda pública" que recibiron estas empresas foi do bipartito é posible concluír que os gobernos de Manuel Fraga lles achegaron máis de 157.000 euros.
Á marxe do contido político do documento publicado pola Xunta, no que se salienta, por exemplo, que "as lexislaturas nas que menos diñeiro recibiron" estas compañías "foron as tres nas que Alberto Núñez Feijóo formou parte do Consello da Xunta", o comunicado do Goberno permite coñecer, por exemplo, que en 1995, ano no que están datadas as fotografías publicadas por El País do actual presidente no iate de Dorado, unha das súas empresas, Mitulo, recibiu 28.297,37 euros para a "construción dun barco auxiliar" para a Consellería de Pesca. No mesmo exercicio económico, ademais, recibiu dúas axudas á contratación dende a Consellería de Familia, Muller e Xuventude por importe de 3.667,81 euros, para a empresa Xatevín, e 7.335,62, para Efectos Navales Arousa. Nesa lexislatura (1993-1997) os pagamentos chegan a un total de 96.709,39 euros.
En 1995, ano das fotografías co actual presidente, unha empresa de Dorado recibiu 28.000 euros para a "construción dun barco auxiliar"
A seguinte lexislatura con Goberno do PP con máis cartos para estas sociedades foi a que transcorreu entre 1997 e 2001, con 54.209 euros repartidos en dous contratos -construción de tres bateas por 50.845 eurs e "modernización" dun barco auxiliar por 1.560,35- e en novas axudas á contratación, neste caso para a Inmobiliaria Marli por 1.803,04. Esa mesma inmobiliaria foi a destinataria das axudas ás que se aferra o actual presidente para trasladar o foco do conflito cara ao bipartito. No ano 2007 a Consellería de Industria achegoulle 125.097 euros, pero para "compensar danos por inundacións do mes de novembro". O bipartito tamén lle concedeu dúas axudas máis, para "fomento da propiedade industrial" por 3.955,20 e 2.746,90 euros, pero non realizou contrato ningún con estas empresas.
Onde si se atopan novos contratos é na VIII Lexislatura, a primeira con Feijóo como presidente. Por 5.110,17 euros a Consellería do Mar formalizou seis contratacións para realizar "un estudo de viabilidade de repoboacións de rodaballo", "accións de investigación de minicriadoiros", "accións de investigación en cultivos multitróficos e en melloras do deseño e control de repoboación ollomol, rodaballo", 2estudos e gastos menores repoboación rodaballo e lumbrigante", "proxecto de investigación Iberomare" e "gastos de repoboación de especies mariñas". Os seis contratos foron coa mesma empresa, Efectos Navales Arousa.