As filtracións da sentenza do 'procés' apuntan a condenas por sedición de ata 15 anos

Os líderes independentistas cataláns, no inicio do xuízo do Supremo o 12 de febreiro de 2019 CC-BY-SA Praza Pública

O Tribunal Supremo condenará unanimemente por sedición e non por rebelión os principais líderes independentistas xulgados durante catro meses en Madrid, ao non apreciar que durante o outono de 2017 usasen a violencia como instrumento para conseguir a independencia de Catalunya, segundo fontes xurídicas filtraron a varios medios neste sábado. 

O Supremo condenará os líderes independentistas por sedición e non por rebelión, como pedía a Fiscalía, con penas dun mínimo de catro anos e un máximo de 15

O alto tribunal fai seu o criterio da Avogacía do Estado fronte ao da Fiscalía, que defendeu até o último momento que se tratou dun delito de rebelión, pero manterá altas penas para os líderes independentistas. Segundo adianta a SER, por exemplo, o delito será o de sedición en concurso con outro de malversación de caudais publicos para a maioría dos encausados. A condena máxima será para Oriol Junqueras, ex-vicepresidente da Generalitat, e roldaría o máximo de quince anos de cadea que prevé o Código Penal por este delito. 

A sedición está castigada con entre 10 e 15 anos de prisión para as persoas constituídas en autoridade, como o caso da maioría de encausados. Segundo El Confidencial, a pena para estes será de entre 8 e 10 anos, mentres que se reducen a entre 4 e 8 para os que non fosen autoridade nin principais autores. Outros medios falan de preto de 15 anos para Junqueras e condenas algo menores para o resto. 

Mobilización pola liberdade dos líderes independentistas cataláns Dominio Público ANC

Xa que logo, os condenados por sedición son os nove acusados que se atopan en prisión provisional: o presidente de ERC, Oriol Junqueras, os conselleres no Goberno de Carles Puigdemont, Raül Romeva, Joaquim Forn, Josep Rull, Jordi Turull, Dolors Bassa; a ex-presidenta do Parlament Carme Forcadell e os líderes da Assamblea Nacional Catalá (ANC) e de Òmnium Cultural Jordi Sànchez e Jordi Cuixart. 

A Fiscalía solicitara nun primeiro momento condenas por rebelión que ían desde os 25 aos 16 anos para os nove acusados que están na cadea

Os outros tres acusados que non están en prisión provisional, os ex-consellers Santi Vila, Meritxell Borrás e Carles Mundó, aos que unicamente os acusaban de malversación e desobediencia, responderán só por este último delito, segundo adiantou El Español, o que supón que a súa condena suporá penas de inhabilitación e multa por incumprir as resolucións xudiciais que vetaban o referendo ilegal.

A Fiscalía solicitara nun primeiro momento condenas por rebelión que ían desde os 25 aos 16 anos para os nove acusados que están na cadea, e de 7 anos por desobediencia e malversación para os outros tres. Os líderes independentistas terán que pasar varios anos na cadea, ademais dos case dous anos que xa levan a maioría privados de liberdade e en prisión provisional. 

A intención do Supremo é facer pública a sentenza este luns antes de que as Xuntas Electorais Provinciais terminen de examinar as listas e proclamar os candidatos ás eleccións xerais do 10 de novembro. O ditame inhabilitará para todo cargo público os 12 condenados, o que invalida a súa presenza como candidatos nos comicios. 

No caso de que a notificación da sentenza se atrasase e algún condenado fose proclamado electo, a Avogacía do Estado tería que interpoñer recursos. 

Os condenados e as súas defensas levarán o caso ao Constitucional e posteriormente ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos

Ademais, e logo de recibiren o ditame, os condenados e as súas defensas ollarán xa cara ao Tribunal Constitucional e, posteriormente, ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, onde todo parece indicar que rematará a batalla xurídica. 

Por outra banda, a sentenza, segundo adianta El Mundo, pronunciarase sobre o dereito a dedicir, os dereitos parlamentarios dos acusados ou o dereito de manifestacións, marcando un antes e un despois nas relacións de España con Catalunya. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.