As forzas parlamentarias elixidas en 2009 perderon 480.000 votos o 21-O

Os candidatos de PP, PSdeG e BNG CC-BY-SA Praza Pública

Os números xa son definitivos. Unha vez escrutado o voto emigrante e despois de que as autoridades electorais provinciais realizasen as correspondentes proclamacións a Xunta Electoral de Galicia vén de publicar os resultados oficiais das eleccións autonómicas do pasado 21 de outubro uns comicios que, á marxe da a estas alturas coñecidísima nova distribución do Parlamento, con 41 deputados do PP, 18 do PSdeG, 9 da AGE e 7 do BNG, deixan lugar a outras lecturas máis pausadas, como as diferenzas entre crecemento en deputados e minguas en apoio cidadán ou os sufraxios que deixaron polo camiño as forzas que formaron o Parlamento de Galicia entre 2009 e 2012, unha cifra que se achega ao medio millón de votos.

Segundo as cifras oficiais todo o arco parlamentario da oitava lexislatura perdeu apoio popular ao someter o seu labor ao veredito do electorado. Así, a PP, PSdeG e BNG retiráronlles a confianza un total de 479.735 persoas con dereito a voto en Galicia. Estas minguas non son, así e todo, uniformes. Así, os populares restaron 128.146 votos aos 789.427 que obtiveran en 2009 e o BNG quedou en 146.027, 124.685 votos que nas anteriores eleccións. A maior caída en termos absolutos é a do PSdeG, cuxos 297.584 votos supón un retroceso de 226.904 sufraxios.

Os datos da Xunta Electoral amosan que non participou o 45% do censo

Na banda oposta do balance electoral atópase a debutante Alternativa Galega de Esquerda (AGE), terceira forza política da Cámara coa que non é posible realizar comparacións homoxéneas, dado que non concorreu á anterior convocatoria electoral. Así e todo, si é posible observar o crecemento de apoios a respecto dos obtidos por Esquerda Unida en solitario en 2009. Neste caso, a suma de Anova, Ecosocialistas, Equo e a propia EU dá lugar a un crecemento do 1.121% a respecto dos resultados que conseguiu en solitario a formación que lidera Yolanda Díaz: 16.441 votos fronte a 200.828.

Outro dato rechamante dos resultados definitivos das eleccións do 21-O é o da abstención. Mentres que a Xunta reflectiu que este indicador quedara no 36,20%, as cifras ofrecidas pola Xunta Electoral indican que non emitiron o seu voto un total de 1.216.338 persoas, isto é, o 45% do censo electoral. Ademais, houbo 38.448 votos en branco e 37.531 votos nulos. 

Feijóo, Vázquez e Jorquera CC-BY-NC-SA PPdeG/PSdeG/BNG
Beiras e Díaz, nun acto electoral de AGE CC-BY-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.