Unha campaña electoral son lemas repetitivos, mitins, mensaxes, programas... e tamén moitos cartos. Hai agora un ano Galicia quecía motores para o inicio da campaña electoral na que Alberto Núñez Feijóo optaba á reelección fronte a dous grupos da oposición, PSdeG e BNG, que estreaban candidatura. Ademais, eran as primeiras eleccións ás que concorría a acabada de nacer Alternativa Galega de Esquerda, con Anova e Esquerda Unida como piares dunha alianza da que tamén formaron parte os Ecosocialistas e Equo. Estas catro forzas lograron representación no Parlamento nunha carreira electoral na que investiron, en total, algo máis de catro millóns de euros.
Esta cantidade é a resultante de sumar os datos do preceptivo informe de fiscalización de gastos electorais elaborado polo Consello de Contas que o Parlamento vén de facer público, catro meses despois de recibilo. Na súa análise o organismo fiscalizador conclúe que os catro grupos que sentan no Pazo do Hórreo, quedaron dentro dos límites legais de gasto, isto é, os 1,3 millóns de euros que resultan de multiplicar por 0,46 euros a poboación galega, pero gastaron máis cartos dos que recuperarán a través das subvencións electorais.
Nomeadamente, as axudas oficiais achegan 15.530,93 euros por escano e 58 céntimos por voto, unhas cantidades ás que se engaden 16 céntimos por elector ou electora como compensación polos envíos de propaganda electoral. Isto implica que ao PP lle corresponderon 1,3 millóns de subvención, ao PSdeG 820.024,90 euros, a AGE 624.128,05 e ao BNG, 624.854,25 euros. O montante total das subvencións chega aos 3,4 millóns de euros, o que implica que se produciu un desfasamento de case un millón de euros a respecto do que os partidos e coalicións gastaron realmente.
A forza con representación parlamentaria que saíu peor parada na diferenza entre subvencións e gastos foi o PSdeG. Así, fronte aos 1,3 millóns que gastaron na campaña, os seus 297.584 votos e 18 escanos permítenlles recuperar 820.024,90, isto é, case medio millón menos. As segundas contas máis descompensadas son as do PP, que gastou millón e medio e recupera 1,3 millóns. Ségueo o BNG, cun gasto de 830.000 euros e pecha a lista AGE, cuxos gastos declarados e fiscalizados ascenderon a case 700.000 euros.
As cifras de gasto permiten tirar tamén a conclusión que o 45% do gasto total corresponde ao PP, que obtivo o 45% dos votos. Mentres, ao PSdeG correspóndelle algo máis do 22% do gasto e non chegou ao 21% dos votos. No caso de AGE, o 12% do gasto queda por baixo do 13% dos votos e o BNG, que quedou un chisco por riba do 10% dos sufraxios, tivo o 18% dos gastos totais.
Todos recorren aos créditos
Os gastos electorais superaron en case un millón de euros as subvencións que lles corresponden aos partidos
Tanto os devanditos desequilibrios como o propio financiamento das campañas antes da chegada das subvencións foron cubertos polos partidos, en boa medida, con operacións de crédito con entidades bancarias. Así, os grupos que tiñan representación parlamentaria antes das eleccións (PP, PSdeG e BNG) solicitaron anticipos das axudas, uns adiantos que a lei permite que ascendan ata o 30% dos cartos recibidos na anterior convocatoria electoral. Concretamente, os conservadores tiveron 550.655 euros de anticipo, os socialistas 417.715 e o Bloque, 287.186 euros.
As subvencións foron, precisamente, as garantías presentadas polos partidos ante os bancos para tramitaren os préstamos. Concretamente, o PP subscribiu unha póliza de crédito de 900.000 euros, o PSdeG fixo o propio con dúas -unha de 350.000 euros e outra de 209.000- e o BNG con outras tantas, no seu caso con límites de 220.000 euros e 280.000 euros. Pola súa banda, a coalición AGE como tal non realizou ningunha operación de endebedamento pero si o fixo un dos socios da coalición, Esquerda Unida, que pediu créditos por 150.000 e 160.000 euros e, ademais, sufragou dúas facturas por importe total de 98.425 euros.
As catro forzas incorren en irregularidades, pero non en ilegalidades
Ademais de describir o financiamento da campaña e a súa xestión, o Consello de Contas conclúe tamén que as catro forzas parlamentarias incorreron en irregularidades contables, aínda que non en ilegalidades. Así, por exemplo, o PP non utilizou só unha conta bancaria aberta especificamente para a campaña, como marca a lei e anotou de forma errónea os cartos que achegou o propio partido. Do mesmo xeito, algunha das entidades -Contas non cita cales- que lles prestaron cartos a PSdeG e BNG non o comunicaron ao ente fiscalizador, como corresponde, e Alternativa realizou pagamentos fóra do límite fixado.