As fotografías "estiran" en función do barco

Anxo Quintana, no iate con Jacinto Rey, na foto publicada por algúns medios Dominio Público Praza Pública

Vinte e cinco de febreiro de 2009. Faltan cinco días para as eleccións autonómicas nas que o PP tentaba regresar ao poder situando a Alberto Núñez Feijóo fronte ao Goberno de coalición de PSdeG e BNG. Ese mércores varios diarios de tendencia conservadora levaban en páxinas destacadas unha fotografía que horas antes fora comentada con insistencia nun faladoiro da canle Intereconomía e dunha das súas webs afíns, LaNación.es. Aquela imaxe amosaba o vicepresidente da Xunta e candidato do BNG, Anxo Quintana, a bordo do barco do empresario Jacinto Rey, propietario da construtora San José. A mesma imaxe, que pasara sen pena nin gloria polas páxinas de El Correo Gallego no verán de 2005, desataba a ira do aspirante do PP á Presidencia, que esixía do daquela presidente, Emilio Pérez Touriño, un golpe de autoridade que implicase o cesamento do nacionalista.

Para Feijóo aquelas fotografías amosaban "contactos claros" entre Quintana e Rey e tamén que "non se deben mesturar política e negocios", toda vez que San José viña de ser adxudicataria, a través dunha das súas filiais, de parte dos megavatios asignados no concurso eólico do Goberno galego. Como o aspirante á Presidencia, diferentes cargos do PP empregaban a fotografía como base do argumento de que Rey partira con vantaxe nese reparto industrial. Mentres, os medios que difundían as fotografías aseguraban que as fotografías "corresponden ao verán do 2008", obviando que xa foran publicadas tres anos antes e que, segundo manifestou o propio Quintana, corresponden ao ano 2004.

Rueda mantén que as fotos de Quintana foron tomadas cando era vicepresidente da Xunta e asegura que Feijóo non tiña "responsabilidade de Goberno" en 1995

Aquel episodio, acontecido no medio dunha durísima campaña electoral, volveu nestes días á actualidade a conta doutras fotografías e doutro barco: as imaxes de Feijóo co narcotraficante Marcial Dorado a bordo dunha embarcación deste, publicadas polo diario El País e datadas no ano 1995. Mentres o propio presidente da Xunta censura que as instantáneas se tenten "estirar" con fins políticos malia non ser "maís ca iso, unhas fotos", algúns dos altos cargos do Goberno galego e do PP insisten en que non é posible aplicarlle ao seu xefe de filas a mesma rigorosidade que el pedía para Quintana en 2009. Por que?

Segundo o vicepresidente Alfonso Rueda, a principal diferenza non é a condición do acompañante. "Non se poden comparar esas fotos" porque foron tomadas cando Quintana "era vicepresidente da Xunta", afirma, deixando novamente a un lado que non se corresponden co ano 2008, como foi publicado na devandita campaña electoral. Tampouco é posible establecer paralelismos porque as "fotos de Feijóo" son "de hai vinte anos", cando el non tiña "responsabilidade de Goberno", asegura, pasando neste caso por riba de que o actual titular da Xunta era daquela secretario xeral da Consellería de Sanidade ou, o que é o mesmo, número dous do departamento sanitario da Xunta.

Rolda de prensa de Feijóo sobre as fotos con Marcial Dorado © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.