Marzo será o mes das primarias nas mareas e iniciativas de unidade popular que se están a desenvolver en Galicia de cara ás eleccións municipais de maio. O tempo corre e as plataformas cidadás van collendo forma e asentando unha proposta á que se van sumando máis formacións. Pero faltan as listas e os candidatos, tan fundamentais nuns comicios locais como os que veñen.
Ourense en Común, unha das plataformas máis avanzada, dá por rematado precisamente este mércores o prazo para a presentación de candidaturas ás eleccións primarias, que se desenvolverán a fin de semana do 14 e 15 de marzo. Aquelas persoas que participen no proceso poderán escoller a quen queiran que encabece a lista e a oito das 26 que compoñen a candidatura, ordenándoas segundo a súa preferencia.
Ourense en Común pecha a presentación de candidaturas a unhas primarias que se celebrarán a fin de semana do 14 e 15 de marzo
A iniciativa ourensá empregará o sistema de puntuación Dowdall, que "garante un maior reflexo da pluralidade de persoas que participan en Ourense en Común". Ademais, e en canto aos aspirantes a formar parte da lista, non é necesario que se presenten avais, a non ser que o número de aspirantes supere o triplo do que a candidatura marca (81), co que se abriría un segundo prazo para presentar eses avais, nunca superior a 50.
O método Dowdall supón que cada candidato recibe un número de puntos equivalente a 1/N, onde N é a posición que se alcanza na votación da lista, o que permite unha maior proporcionalidade entre todos os candidatos.
Ourense en Común presentarase ás eleccións municipais do 24 de maio baixo a fórmula de partido instrumental, ao igual que a Marea Atlántica da Coruña, que deu comezo este mércores ás súas primarias coa apertura do prazo de inscrición para voto non presencial. Ata o 24 de febreiro haberá tempo para a presentación de candidaturas á cabeza de lista e listas abertas para proclamar definitivamente de candidaturas e listas o 27 do mesmo mes, data na que comezará a campaña, e que durará ata o 6 de marzo.
Marea Atlántica dá inicio ao "proceso democrático máis ambicioso da historia da Coruña", que finalizará coas votacións do 7 e 8 de marzo e presentación da candidatura o día 12
É o inicio, segundo Iago Martínez e Mónica Balado, voceiros da iniciativa cidadá, do "proceso democrático máis ambicioso da historia da Coruña" para a conformación dunha "candidatura popular que responde á vizosa pluralidade do que é a Marea Atlántica". Votarase a fin de semana do 7 e 8 de marzo -telematicamente ou de maneira presencia- e desde o 9 de marzo publicaranse os resultados provisionais e os oficiais para presentar publicamene a candidatura o día 12.
Para se poder presentar ás primarias abertas á Marea Atlántica, os candidatos á cabeza de lista precisarán 15 avais das persoas activas en grupos de traballo ou mareas da plataforma, mentres que para concorrer a calquera outro posto da lista o aspirante precisará de cinco avais. Ademais, a persoa disposta a concorrer neste proceso deberá referendar por escrito o cumprimento do Código Ético da iniciativa, comprometerse a abandonar os cargos en organizacións políticas e/ou sindicais no caso de resultar elixida, non ter ostentado ningún tipo de responsabilidade nos anteriores gobernos municipais e "non estar imputada por delitos relacionados con corrupción, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno e malversación e apropiación de fondos públicos, sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas".
Os candidatos da Marea Atlántica deberán abandonar os cargos en partidos ou sindicatos se saen elixidos
As persoas que aspiren a encabezar a candidatura presentarán unha candidatura individual ás primarias, mentres que as que pretendan ocupar calquera outro posto presentaranse integradas en listas abertas, cunha denominación escollida polos integrantes e nunha listaxe paritaria e composta por entre 4 e 10 persoas e ordenadas en cremalleira de xénero.
Así, no acto de votación cada elector deberá de xeito obrigatorio escoller 12 persoas ordenadas do 1 ao 12 e respectando a paridade de xénero en cremalleira. Ademais, a lista de titulares da candidatura da Marea Atlántica será completada con "persoas de consenso" que "pola súa proxección pública avalen todo o proceso", explica a plataforma no seu regulamento, no que aclara que "serán reservados un máximo de catro postos ao final da listaxe" e que o reconto tamén aplicará o método Dowdall.
Marea de Pontevedra xa ten candidato
E mentres na Coruña e Ourense arrinca o proceso de primarias, a Marea de Pontevedra xa finalizou o seu. O pasado 7 de febreiro case 180 persoas participaron nunhas votacións nas que o escritor Luís Rei Nuñez, candidato de consenso e apoiado por EU, Podemos, Anova, Espazo Ecosocialista e varios colectivos sociais da cidade, resultou elixido como cabeza dunha lista na que se completaron 15 nomes. Os dez postos restantes e máis os suplentes serán aprobados en asemblea pola plataforma pontevedresa.
O escritor Luís Rei foi xa elixido candidato á alcaldía pola Marea de Pontevedra
O que será candidato á alcaldía vense de reunir en Barcelona con Ada Colau, líder de Guanyem -agora BCN en Comú- e a quen as enquisas sitúan xa como gañadora nos comicios locais da capital catalá. “Marea Pontevedra e Barcelona en Comú comparten proxectos e ilusións para o cambio do sur de Europa desde as cidades”, asegurou Luís Rei.
A Marea Ártabra de Ferrol, que tamén acudirá aos comicios baixo a fórmula de partido instrumental, prepara tamén un código ético e un regulamento de primarias que se decidirá este mesmo mes, mentres que Compostela Aberta, en Santiago, prevé tamén que a principios de marzo se celebren unhas primarias nas que, como noutros casos, prevese que haxa votacións separadas para o cabeza de lista e para o resto de integrantes da futura candidatura.
No caso de Lugo, a principios de febreiro os e as integrantes das plataformas Gañemos Lugo e Lugo en Común aprobaron en asemblea a súa confluencia e integración nunha única plataforma, denominada Lugonovo. Ao tempo, constituíuse unha comisión formada por unha vinte persoas, que estará encargada de elaborar un código ético, comezar a preparar o programa electoral e definir como se desenvolverá o proceso de eleccións primarias.
Marea de Vigo prevé que as votacións nas primarias se celebren entre o 8 e o 15 de marzo e cada votante poderá elixir seis candidatos
No caso de Vigo, a Marea decidiu xa que o prazo para a presentación de candidaturas ás primarias se abriría do 20 ao 26 de febreiro e que as votacións se celebrarían do 8 ao 15 de marzo; nelas poderán votar todas as e os residentes en Vigo que asinen o manifesto da Marea ata dez días antes das votacións. Cada votante poderá apoiar un máximo de 6 candidatos e candidatas, dun total de 27, "de xeito que se garanta a pluralidade na lista resultante". A persoa máis votada será automaticamente elixida como cabeza da lista e polo tanto candidata á alcaldía. O nome da candidatura será decidido en asemblea.
Falta agora por ver o que ocorre con Vigo en Común e Gañemos Vigo, as outras dúas plataformas cidadás impulsadas na cidade. No caso da primeira, os seus promotores agardan pechar a mediados de marzo tanto a súa proposta de programa como a lista electoral, así como unhas primarias abertas que determinarán a candidatura. No caso da segunda iniciativa, insiste na "confluencia urxente das organizacións políticas e plataformas cidadás co fin de acordar un programa alternativo para a vosa cidade, abrir un proceso de eleccións de candidatos e dar comezo a un proceso de participación cidadá neste proceso electoral".