As mareas cidadás reforzan a súa "cooperación en código aberto"

Encontro das mareas cidadás en Ames © Ames Novo

Diferentes iniciativas municipalistas xurdidas en Galicia nos últimos meses xuntáronse este pasado domingo en Ames para intercambiar ideas, debater e achegar colaboracións entre elas. Nunha reunión organizada por Ames Novo, a Marea Atlántica da Coruña, Ourense en Común, Compostela Aberta, a Marea de Pontevedra, a Marea Ártabra, a Marea de Vigo e representantes de experiencias semellantes en localidades como Cambre, Abegondo ou Ribadeo e un observador de Somos Maioría deron continuación á Marea Municipalista que se celebrara xa en outubro. Foi, como aseguran, un novo "proceso de cooperación en código aberto, como toda a dinámica de colaboración entre mareas, un lugar onde se comparte e se constrúe en común, pero onde cada iniciativa aproveita e utiliza en función da súa situación e do que deciden as súas e os seus participantes".

Mareas municipalistas reuníronse para "compartir incertezas e retos en común"

Reafirmando a súa aposta por alternativas cidadás de confluencia para "recuperar o entusiasmo da democracia a través do protagonismo cidadán e cunha política centrada nas persoas", as distintas mareas compartiron "incertezas e retos en común". "Non se trataba de chegar a un acordo ou a a algunha actuación común, senón de debater sobre propósitos e retos que debemos compartir porque nos aproveita", resume Xaime Subiela, organizador do encontro en nome de Ames Novo, que advirte que as diferentes iniciativas son "conscientes das diferenzas que teñen e dos diferentes momentos nos que se atopan".

A xuntanza, que se estendeu durante toda a xornada do domingo e en diferentes grupos de traballo, reuniu máis iniciativas e máis representantes que a primeira celebrada na Coruña. Nela abordáronse, principalmente, varios dos aspectos que as mareas consideran "claves" para o funcionamento dunha aposta cidadá de cara ás municipais. O primeiro deles, o das primarias abertas e a necesidade de "ordenalas de tal forma que se garanta a limpeza do proceso pero tamén a inclusividade, que sexa capaz de incorporar unha parte moi significativa da sociedade", tal e como relata Subiela. Ademais, insistiuse en garantir "a centralidade de que as candidatas/os asuman un código ético garantindo a transparencia, a honestidade, a rendición de contas e que as/os representantes se deben á cidadanía, podendo ser revogadas/os en caso de non cumprilo", tal e como aseguran tamén nun comunicado.

As iniciativas municipalistas coinciden na necesidade de artellar primarias abertas "inclusivas e nas que se garanta a limpeza do proceso"

Tamén se dedicou moito tempo á elaboración dun programa participativo de goberno, un aspecto sobre "o que houbo moito debate" ao entender as mareas "que é unha das ideas nucleares das iniciativas". Intercambiáronse propostas sobre "como se fai para que os cidadáns sexan protagonistas nas institucións no caso de chegar ao goberno". "Non é só o valor do documento programático, senón da demostración, de ser capaces de trasladar á cidadanía que outra forma de proceder e facer política non só é posible senón que se fará", explica Subiela, que insiste en que "non é que contes que o va facer, senón que estás exemplificando coa túa forma de proceder como vas actuar desde a institución".

"As mareas entenden que a democracia e a participación non se reducen a unha promesa para despois das eleccións, a democracia é tamén unha práctica que dá sentido ás nosas iniciativas, a forma de elaborar o programa demostra esa nova cultura política", coinciden todas.

As mareas apostan por un programa participativo real e por unha comunicación "tan plural e complexa como a sociedade mesma"

Ademais, a comunicación foi outro dos temas principais tratado neste encontro das mareas e asumindo que "ten que ser tan plural e complexa como a sociedade mesma". "Require abordala desde moitos puntos de vista e intentando chegar a toda a sociedade, non só reforzando todo o que ten ver coas redes, senón tamén como un espazo non excluínte nin dirixido a un perfil determinado", resume este representante de Ames Novo. "Debe reforzarse a bidireccionalidade, co propósito de que as ferramentas sirvan para comunicar e chegar á xente na súa diversidade, pero tamén para a escoita activa e a participación da cidadanía", insistiron.

O discurso foi tamén tema de debate. Na xuntanza debulláronse aqueles "prexuízos que se intentan proxectar sobre as mareas e que as intentan connotar negativamente". "Hai xente interesada en facelo e o que fixemos foi debater como se afronta esta situación, como se lle dá volta a esas ideas ou como se proxectan as grandes propostas coas que pretendemos ser hexemónicos". "Buscamos lograr que as palabras e os relatos que ofrecemos na nosa proposta política sexan coincidentes cos da maioría cidadá, que se recoñezan neles a maioría; non é só facer un relato atractivo, senón promover dinámicas para que o groso da cidadanía o faga seu", explica Subiela.

"Fronte a corrupción xeneralizada e claudicación da vella política para resolver os problemas reais, recuperar a dignidade do público e do común e a súa capacidade para actuar en beneficio das maiorías", reivindicaron en común.

"Queremos que as palabras e os relatos que ofrecemos na nosa proposta política sexan coincidentes cos da maioría cidadá"

Non se abordou, polo momento, a fórmula electoral máis acaída para os comicios locais. "Hai diferenzas entre as mareas, sobre todo en canto o momento no que se atopan, polo que aínda é cedo", recoñecen. O que si se fixo foi reafirmarse na idea de que as forzas políticas que estean por confrontar esa vella política se incorporen ás iniciativas "pero a título particular, diluíndose e sen conformar unha suma de siglas", aínda que tampouco se avanzou nesta temática que aborda cada proxecto en tempos diferentes.

No que si coincidiron todas as mareas foi en manter esta "cooperación en código aberto", unha situación real do que está a suceder nestes encontros. "Construímos en común para que cada un utilice as diferentes achegas como queira. Non se trata aínda de construír unha infraestrutura polo de agora, senón de intercambiar experiencias, ideas e perspectivas e ver xuntos como abordamos os problemas que temos. Compartimos ferramentas e instrumentos para que cadaquén lle tire proveito no seu espazo", remata Subiela.

As mareas municipalistas volverán manter unha nova xuntanza en Vigo, organizada pola Marea da cidade e aínda sen data fixada, pero presumiblemente antes do Nadal.

 

Encontro das mareas cidadás en Ames © Marea Atlántica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.