O detalle por especialidades da convocatoria deste ano foi presentado este martes pola Xunta aos sindicatos
A Consellería de Educación vén de presentar este martes aos sindicatos os detalles da oferta pública de emprego (OPE) no ensino para este 2018. A cifra de 1.919 prazas totais anunciada hai dúas semanas polo presidente Feijóo vén de ser aumentada lixeiramente ata as 2.050, das que 1.653 serán de nova incoporación e 397 de promoción interna. Repartiranse en 30 especialidades segundo o detalle que reflicte o seguinte gráfico:
En 2017 a oferta total foi de 1.043 prazas, 912 delas de novo ingreso e o resto de promoción interna. En comparación co ano pasado, a deste ano supón case duplicar as cifras, especialmente no ensino secundario, onde en 2017 se ofertaron 432 prazas mentres que para este 2018 serán 734.
Segundo a Xunta, a OPE permitirá “avanzar na diminución da taxa de interinidade dos corpos docentes que cun 13% é xa a máis baixa de todo o Estado” para “acadar o antes posible” unha taxa dun “6%, aproximadamente”
A CIG critica que “non se convoque ningunha praza a maiores das existentes actualmente”
Pola súa banda, CIG-Ensino cualificou a oferta de “decepcionante” e criticou que a Xunta puxo sobre a mesa as súas cifras como un “reparto pechado” e “sen abrir ningunha posibilidade de negociación coas organizacións sindicais”. O sindicato nacionalista critica en particular que “non se convoque ningunha praza a maiores das existentes actualmente”.
“Sen incremento nos cadros de persoal non é posible mellorar a calidade do ensino, nin reducir as itinerancias, nin a impartición de [materias] afíns disparatadas, nin atender correctamente o alumnado con necesidades específicas”, critica o secretario nacional do sindicato, Suso Bermello. Ao seu ver, as oposicións converteranse nunha “simple substitución de persoal interino por persoal fixo” sen ter en conta a situación en que quedará o persoal interino de cada especialidade.
A CIG tamén detallou os datos da taxa de reposición deste ano que segundo di lles facilitou a Xunta: “1.028 xubilacións, 28 falecementos, 16 excedencias con perda de praza. Un total de 1.072 ás que se lle engaden 581 por riba da taxa de reposición e 397 prazas de promoción interna”.
O ano pasado o PP acusou á esquerda de impedir as oposicións por non aprobar os orzamentos do Estado, pero finalmente estas convocáronse como cada ano
O ano pasado a convocatoria de emprego público foi empregada polo PP e o Goberno galego para lanzar os opositores contra a esquerda co argumento de que a negativa destes partidos a aprobar os orzamentos do Estado impedía á Xunta aprobar as oposicións. Finalmente non foi así e as oposicións foron convocadas como cada ano.