As persoas á espera de axudas de dependencia multiplicáronse por cinco nesta lexislatura, segundo o PSdeG-PSOE

Unha coidadora atende unha persoa en situación de dependencia CC-BY-NC-SA Praza Pública

Beatriz Sestayo, voceira de Política Social do PSdeG-PSOE, denunciou este venres que a Xunta está a incumprir a Lei da Dependencia para preparar a privatización da atención a domicilio. Sestayo afirmou que mentres Feijóo denunciaba unha lista de espera de 16.000 dependentes cando chegou á Xunta, hoxe en día esa cifra ascende até os 76.847, un 480 por cento mais que en 2009. Os socialistas galegos queren que os responsables da Xunta comparezan en setembro no Parlamento galego "para dar conta do fracaso na súa xestión". 

Sestayo dixo que o goberno galego pretende suprimir a normativa da Dependencia en Galicia a través dun “caos normativo” que impide de facto a aplicación desta Lei mentres "estrangula o seu orzamento". Neste senso, sinalou que a caída nun 80 por cento do orzamento do Plan Concertado –que prestaba atención a domicilio- e dun 50 por cento nas contías da Dependencia sitúan a atención social "30 anos atrás". A deputada socialista advertiu que esta política está a provocar “bolsas de grandes dependentes sen atención a domicilio” que permanecen “ao albur duns servizos sociais municipais que hoxe están colapsados”. Dixo que esta situación provoca “fendas sociais” e sitúa a sectores da poboación “ao amparo da beneficencia”, o que “evidencia que en Galicia non hai estado social nin de dereito”.

Pola súa banda, a diputada del PPdeG Marta Rodríguez Arias apresurouse a responder que o compromiso da Xunta ca Lei de Dependencia é "innegable no seu desenvolvemento e na súa implantación" e asegurou que nos seis primeiros meses deste anos "recoñecéronse 61.715 prestacións acumuladas, o que supón un 340 por cento máis ca na pasada lexislatura".

 

90 mil galegos e galegas, con menores prestacións por desemprego

O secretario de Economía do PSdeG-PSOE, Enrique Negueruela, afirmou hoxe que máis de 90.000 galegos verán drásticamente reducidas as súas prestacións por desemprego, tras os severos recortes levados a cabo polo goberno do PP nesta área. Segundo o secretario de Economía dos socialistas galegos, os recurtes afectarán a tres de cada catro cidadáns galegos que perciben algún tipo de subsidio ou prestación por desemprego, dos que o 54% verán “sensiblemente recortada” a súa prestación.

Negueruela considerou que, con estes recortes, o PP está a facer que “os parados paguen a crise por segunda vez

Así, uns 50.000 galegos verán a súa prestación contributiva por desemprego recortada nun 20%, ao reducirse do 60% ao 50% a porcentaxe da base reguladora que percibe o traballador a partir do sétimo mes de empezar a cobrar o paro. Ademáis, máis de 21.000 persoas verán como se parcializa o subsidio mínimo que están percibindo e máis de 20.000 estarían afectadas polo recorte do subsidio previo á xubilación, que antes era para maiores de 52 anos e agora pasa a maiores de 55. Negueruela considerou que, con estes recortes, o PP está a facer que “os parados paguen a crise por segunda vez.

Os recortes afectarán tamén, segundo explicou Negueruela, á Renda Activa de Inserción, un subdido destinado a parados de longa duración sen dereito a outra prestación, do que se beneficiaban fundamentalmente os autónomos que viron obrigados a pechar o seu negocio pola crise e que, coa reforma, quedan excluídos ao vincular este subsidio co cobro dalgunha outra prestación.

Evolución da espera na Lei de Dependencia © CCOO Galicia
Unha coidadora atende unha persoa en situación de dependencia CC-BY-NC-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.