As últimas enquisas deixan o PP entre unha absoluta intacta e o limiar da perda do goberno

Enquisa de Celeste-TEL para eldiario.es CC-BY-SA eldiario.es

Un panorama aberto co PP marchando nunha cómoda primeira praza. É o panorama que debuxan os ata sete inquéritos difundidos esta fin de semana cara ás eleccións do vindeiro 25S. No derradeiro domingo en que as enquisas poden ser publicadas sen transgedir a lexislación electoral as diferentes casas demoscópicas moven os conservadores nun abano de escanos que vai dunha maioría absoluta intacta e mesmo reforzada ata unha caída que, de agudizarse nos últimos días da campaña, podería chegar a poñer en risco o goberno.

O resultado máis repetido por estes estudos é o que ubica os de Alberto Núñez Feijóo un chisco por baixo dos seus actuais 41 escanos. Así, por exemplo, o estudo de Celeste-TEL para eldiario.es augúralles entre 38 e 40, o de Sondaxe para La Voz de Galicia fíxaos en 38 e Einvenio para Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña, entre 38 e 39. O caso de Sigma Dos para El Mundo reflicte a ampla marxe entre mantérense intactos ou arriscarse a saír da Xunta, de 38 a 41 asentos na Cámara. Mentres, as restantes tres enquisas son máis optimistas para os intereses dos populares: NC Report para La Razón estima entre 40 e 41 escanos, Metroscopia para El País, entre 39 e 41 e Infortécnica para La Región ascéndeos ata os 44.

Os inquéritos auguran un PP instalado na absoluta e unha intensa pugna entre En Marea e PSdeG, mentres discrepan con amplitude na representación do BNG

Os inquéritos coinciden tamén en augurar unha intensa pugna pola segunda praza na que En Marea, a priori, tería vantaxe. Non obstante, a diverxencia entre as enquisas é maior neste aspecto, toda vez que oscilan entre unha diferenza de apenas un escano entre a formación de Luís Villares e a de Xoaquín Fernández Leiceaga e ata 7, segundo Sondaxe. Así as cousas, cabe deducir unah contorna electoral especialmente volátil para ambas formacións, que están a centrar as súas mensaxes cara ao treito final da campaña na necesidade de mobilización.

Non hai menos diverxencias no que atinxe ao futuro electoral do BNG. Alén da coincidencia en augurar unha perda de apoios, as enquisas ofrecen un amplísimo abano de cal sería a magnitude desa caída. Así, Sigma Dos indica que a organización que encabeza Ana Pontón perdería de un a 3 escanos, quedando entre 4 e 6. Metroscopia estímalle 3 ou 4 e o resto de casas demoscópicas, 2 ou 3. Ciudadanos, segundo estes inquéritos, estaría a transitar polo bordo da representación parlamentaria, se ben Einvenio para Faro de Vigo chega a darlles 2 ou 3.

Esta asignación de escanos realízase sobre unhas estimacións sobre voto válido que van do 42% á alén do 45% dos votos totais, no caso do PP. Estas porcentaxes, en cada circunscrición, serán a clave na distribución xeral de escanos tanto para definir se os conservadores obteñen a maioría absoluta como para ditaminar a distancia entre PSdeG e En Marea -Sondaxe ascende os de Villares ao 26% e o resto de enquisas sitúanos entre o 21% e o 22%- e, sobre todo, para determinar a representación de BNG e Ciudadanos, que segundo estes inquéritos se moven en varias circunscricións na contorna do 5%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.