As vías do nacionalismo galego para ir a Europa

Pleno na Eurocámara, en Estrasburgo © Parlamento Europeo

O vindeiro 25 de maio tocará, un ano e medio despois da última ocasión, volver pasar polas urnas. As eleccións ao Parlamento Europeo están politicamente moi próximas e as principais forzas nacionalistas galegas xa teñen sobre a mesa as súas apostas para unha convocatoria na que a circunscrición electoral é o Estado e na que, polo tanto, as alianzas se fan imprescindibles para lograr representación en Bruxelas e Estrasburgo. Co espectro nacionalista sensiblemente máis fragmentado que na anterior convocatoria, en 2009, o BNG, Anova e Compromiso por Galicia expoñen o bosquexo das que, a xuízo de cadaquén, deberan ser as liñas mestras dunha coalición electoral.

Cronoloxicamente, a primeira formación en lanzar un convite foi CxG. A principios de xuño a organización galeguista que encabeza Xoán Bascuas apelaba a Anova e mais ao Bloque a "poñer os intereses de país por riba dos propios" e elaborar unha "candidatura de país", na liña do abordado "nunha xuntanza" mantida coa dirección frontista. Aposta de Compromiso pasa por unha candidatura "de carácter eminentemente cívico e aberta ao apoio das forzas políticas progresistas galegas" co seu "centro de decisión en Galicia". O obxectivo, resumía Bascuas, debe ser "ter voz propia e sen intermediarios" na Eurocámara.

CxG aposta por unha candidatura con "centro de decisión en Galicia"

Días despois, a finais do mesmo mes, o Consello Nacional do Bloque acordaba lanzarlles un chamamento aos demais grupos "nacionalistas e de esquerda" do país co obxectivo de iniciar os contactos para articular unha candidatura "de ampla base nacional e nacionalista" que, á súa vez, puidese dialogar con outras forzas soberanistas do resto do Estado para elaborar unha coalición electoral. En verbas do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, a fin última é que "Galiza teña unha presenza importante no Parlamento Europeo" e para iso, asegura, a organización que encabeza está disposta a ser "xenerosa".

O BNG propón unha candidatura soberanista "sen depender de forzas políticas de obediencia española"

Nesta liña, a principios de setembre o máximo órgano do BNG entre Asembleas aprobaba os criterios definitivos para a "concorrencia" a estas eleccións. Con "propósitos" como a "defensa dos intereses de Galiza", a "defensa da soberanía", o "combate ao modelo económico e social da UE" e a "defensa dos principios democráticos" o Bloque ratificaba que ten intención de falar coas "organizacións políticas galegas que, asumindo estas bases políticas, estean dispostas a manteren a prioridade da representación da Galiza como pobo, sen dependeren de forzas políticas de obediencia española".

Anova chama ao diálogo para unha "fronte ampla non excluínte" pola "autodeterminación" e a "creba do réxime da segunda restauración borbónica"

Boa parte das miradas centráronse, neste punto, en Anova, que tamén vén de expoñer a súa postura. Tras a reunión da súa Coordinadora Nacional, a formación que encabeza Xosé Manuel Beiras coida que as eleccións europeas "poderíamos abordalas como unhas eleccións máis para representar a Galiza no Parlamento Europeo", pero ao seu xuízo deberan ser un "plebiscito do réxime ou, polo menos, un ensaio xeral da creba democrática". Por iso o seu chamamento se dirixe "a todas as forzas políticas galegas nacionalistas e da esquerda rupturista, aos movementos cívicos, para dialogar e conformar un acordo de unidade de acción electoral" coa fórmula "dunha fronte ampla non excluínte".

Esta "fronte ampla" tería, en verbas de Beiras, que asumir "dous eixos": "o dereito de autodeterminación das nacións e a creba do réxime da segunda restauración borbónica". "Hai un ano fixemos unha proposta deste tipo de fronte ampla non excluínte" e "nese momento a instancia específica foi AGE", lembra o portavoz nacional de Anova, para quen a "creba" pola que debera apostar esa coalición tería que derivar "na nación galega" nun "proceso constituínte impulsado" pola cidadanía como "pobo soberano", "trasladado á instancia política polo nacionalismo e por aquelas forzas que, sen seren nacionalistas, respecten e practiquen o noso dereito á autodeterminación".

Pleno na Eurocámara, en Estrasburgo © Parlamento Europeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.