Así debería comunicar un goberno de coalición en Galicia

Iván Puentes e Paulo Carlos López, na presentación da comunicación en Ecuador Dominio Público Praza Pública

As eleccións do 25 de setembro poderían abrir a porta a un goberno alternativo ao PP, que estaría formado necesariamente por varios partidos. Os investigadores Paulo Carlos López (docente na Universidad Católica del Ecuador) e Iván Puentes veñen de presentar no II Congreso Internacional sobre xestión de comunicación, celebrado hai uns días en Quito, un traballo que propón unha serie de Estratexias de comunicación para un goberno de coalición en Galicia. En esencia, unha guía sobre o que debería e non debería facer un executivo formado por varios partidos, partindo sobre todo da análise parte dos erros e acertos en materia comunicativa do Goberno Bipartito formado por PSdeG-PSOE e BNG entre 2005 e 2009 na Xunta, unha das materias nas que Paulo Carlos Lopez afondou na súa tese de doutoramento, presentada hai uns meses.

Os autores destacan que "se unha boa, eficaz, unívoca e coherente estratexia de comunicación é necesaria para calquera tipo de goberno, para os gobernos de coalición vólvese imprescindible polo propio ordenamento das pulsións interpartidarias inherentes á competición política que se dan no seo deses executivos", sobre todo porque debe haber "un certo equilibrio nas mensaxes para evitar feridas ideolóxicas e permitir que as bases militantes de cada partido o interpreten de forma favorable e non xeren inestabilidade interna", amosando ademais ante a cidadanía "que un executivo de este signo é compatible cunha acción coherente".

O actual contexto político "diverso, cambiante e inestable" fai que a comunicación adquira "unha relevancia aínda maior" pola "complexidade das estruturas políticas e institucionais actuais"

López e Puentes destacan a escasa cultura da coalición existente en España a nivel estatal, a diferenza do que sucede na maior parte de Europa e en moitas comunidades autónomas (Aragón, Cantabria, Baleares, Canarias, Euskadi...). Subliñan que a irrupción de novos actores políticos nos últimos anos obrigará no futuro a entender os executivos multipartito como algo frecuente e engaden que o actual contexto político "diverso, cambiante e inestable" fai que a comunicación adquira "unha relevancia aínda maior" pola "complexidade das estruturas políticas e institucionais actuais" e "a maior demanda de participación efectiva da cidadanía nos asuntos públicos". "A realidade é máis complexa e plural e a fidelidade de voto moito menor", o que obriga "á necesidade de manter fluxos permanentes de comunicación cos diversos públicos que permitan visibilizar o traballo político", conclúen.

 

Elementos clave da comunicación dun goberno plural

O fundamental, resumen, é a existencia "dunha política de comunicación global, compartida, coordinada e situada no máximo nivel orgánico"

O traballo analiza un amplo abano de ámbitos e momentos da política comunicativa dun goberno de coalición, dende a propia formación dese executivo e o deseño das súas estruturas e obxectivos ata o propio día a día da xestión e da relación cos medios e a cidadanía, a construción de relato e a solución de conflitos. O fundamental, resumen, é a existencia "dunha política de comunicación global, compartida, coordinada e situada no máximo nivel orgánico". López e Puentes sinalan que ademais de existir un plan de acción política do Goberno, debe existir "un plan de comunicación integral consensuado" e que "é preciso prestar especial atención á construción dun relato conxunto, clave para transmitir a imaxe de unidade do executivo, eiva fundamental de múltiples gobernos bipartitos como o dos anos 2005-2009".

Apostan por "unha acción de comunicación transversal, coordenada e centralizada nunha Secretaría Xeral de Comunicación ao servizo de todas as áreas do Goberno"

Apostan por "unha acción de comunicación transversal, coordenada e centralizada nunha Secretaría Xeral de Comunicación ao servizo de todas as áreas do Goberno, que poda funcionar tamén como unidade de análise e seguimento do Plan de Goberno, que elabore mensaxes sectoriais e especializadas e analice o impacto da comunicación gobernamental". Outro dos obxectivos que López e Puentes consideran básicos para o éxito dun executivo multipartito é o mantemento da independencia coa estrutura do sistema comunicativo, "evitando caer na tentación de fomentar por diferentes vías a determinados medios afíns en detrimento doutros" e subliñando a necesidade de que en Galicia se aprobe a Lei de Comunicación e Publicidade Institucional, adiada dende hai unha década.

Xulgan determinante a figura dun portavoz de perfil independente, neutral ante os diferentes partidos que integren a coalición de goberno e nomeado por consenso entre eles"

Xulgan determinante, ademais, fixar con precisión "as funcións de cada quen, optando por emisores que posúan un claro perfil político, dada a transcendencia política e electoral dos seus actos comunicativos" e incorporando a figura dun portavoz de perfil independente, "un responsable de comunicación con perfil comunicativo e político, pero neutral ante os diferentes partidos que integren a coalición de goberno e nomeado por consenso entre eles". De igual xeito, xulgan "desexable" a diferenciación comunicativa clara entre cargos orgánicos dos partidos e cargos institucionais do Goberno, evitando a acumulación de cargos.

Sinalan que se deben fixar os obxectivos programáticos e políticos do goberno de coalición e expoñerllos con claridade á cidadanía, para difundir a imaxe dun só goberno e duns obxectivos compartidos

López e Puentes tamén se deteñen no momento inicial do acordo de coalición: a negociación, sinatura e presentación do pacto, "un momento moi puntal e inicial, pero clave, pois marca o inicio da relación comunicativa entre os socios de goberno e a destes coa cidadanía, sentando as bases e precedentes do que será a súa estratexia de comunicación futura". Este o momento de "definir claramente as parcelas de poder e optando sempre pola responsabilidade compartida na xestión, un dos aspectos máis complexos, pero sen dúbida máis transcendentes á hora de evitar futuras crises". "É o momento tamén de fixar os obxectivos programáticos e ideolóxicos, así como os obxectivos políticos do goberno de coalición, de expoñerllos con claridade á cidadanía, a fin de difundir desde estes momentos iniciais a imaxe dun só goberno e duns obxectivos compartidos", engaden.

 

Erros e acertos do Bipartito

Os autores sinalan a ausencia de relato compartido e dunha política comunicativa conxunta e coordinada como as principais eivas do Goberno de PSdeG-PSOE e BNG ente 2005 e 2009

Os autores sinalan a ausencia de relato compartido e dunha política comunicativa conxunta e coordinada como as principais eivas do Goberno de PSdeG-PSOE e BNG ente 2005 e 2009. Destacan, en primeiro lugar "a inexistencia dunha Secretaría Xeral de Comunicación independente, pactada, que traballara de forma transversal e coordenada co obxectivo de construír relato conxunto, elaborar mensaxes sectoriais coordenadas e establecer unha mensaxe estratéxica". Ademais, critican que "os socios do goberno de coalición establecían as relacións cos medios de forma independente, polo que non existiu unha estratexia conxunta". Tamén sinalan como un erro a falta dun voceiro ou voceira conxunta e a negativa intervención nalgúns momentos "dos aparellos partidarios no ámbito institucional".

Entre os elementos positivos están, pola contra, "a boa estabilidade parlamentaria e a súa coordinación no impulso lexislativo" e o propio acto do acordo entre as dúas formacións no verán de 2005, cunha "correcta identificación do escenario negociador", nunca poñendo en dúbida "a necesidade de cambio político" e "definindo á perfección as parcelas de poder", pero -iso si- "deixando de lado unha fixación máis clara de obxectivos políticos e da responsabilidade compartida".

Iván Puentes e Paulo Carlos López, na presentación da comunicación en Ecuador Dominio Público Praza Pública
Anxo Quintana parabeniza a Touriño tras a súa elección como presidente © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.