Aumentan as voces galegas en contra do ataque a Siria

Discurso de Bashar al-Assad na televisión siria © Al-Jazeera

Ante o inminente inicio das accións militares de Estados Unidos e os seus aliados contra obxectivos estratéxicos do réxime de Bachar Al Asad, son varias as voces que dende organizacións políticas e sociais galegas xa amosaron o seu frontal rexeitamento aos ataques. O inicio das operacións, segundo o apuntado por varios medios nos últimos días, podería producirse este xoves, pero as dúbidas expresadas por un grupo importante de deputados conservadores británicos poden adiar as accións. De feito, o Reino Unido aposta agora por dar máis tempo aos inspectores da ONU. A moción que o seu Goberno presentará este xoves no parlamento sobre Siria expresa que "o secretario xeral da ONU debe dirixirse aos países membros de forma inmediata unha vez finalice a misión do equipo de expertos".

China e sobre todo Rusia manteñen a súa total oposición. O viceministro de Exteriores ruso, Guennadi Gatílov, vén de declarar que os plans de algúns países de lanzar un ataque militar contra Siria son un "aberto desafío" ás normas do dereito internacional e aos principios fundamentais da Carta de Naciónes Unidas.

A isto únense as dúbidas doutros países, que esixen un mandato da ONU, e as das propias opinións públicas dalgúns dos Estados máis dispostos a iniciar os ataques. A meirande parte dos británicos oponse a unha intervención militar (un 50%, fronte a só un 25% de partidarios), segundo unha sondaxe de YouGov. Nos Estados Unidos a oposición á guerra, segundo as últimas sondaxes, supera o 60% da poboación (fronte ao 9% que a defende abertamente), unha posición máis matizada pero semellante se se demostrase que Al Assad empregou armas químicas. Un 45% dos franceses apoiaría unha hipotética intervención en Siria baixo mandato da ONU e un 40 por cento estaría en contra.

 

BNG

O BNG xa fixo público o seu rexeitamento a esta intervención militar e a súa "aposta pola vía pacífica e democrática para a resolución dos conflitos" e denunciou a "fabricación dunha mentira non probada para xustificar unha intervención militar, unha manipulación que nos lembra ao engano masivo á opinión pública internacional que se elaborou para o caso de Irak cunhas supostas armas de destrución masiva que nunca apareceron". A formación sinala que "esta nova agresión imperialista é totalmente ilegal ao contravir o dereito internacional, non pasar polo Consello de Seguranza das Nacións Unidas nin ter o visto e prace de ningún organismo internacional".

O BNG esixe que o España "non interveña, nin de maneira directa nin indirecta mediante subterfuxios, nesta operación militar" que "só demostra a incapacidade dalgúns gobernos e dirixentes políticos de aprender dos erros do pasado e pon de manifesto a falta de vontade para articular os mecanismos que fagan posíbel a resolución democrática dos conflitos e a convivencia desde o respecto á soberanía dos pobos". O Bloque tamén fai un chamamento á cidadanía para concentrarse nas vilas e cidades de Galicia "de maneira inmediata", arredor das 20 horas do día en que comezasen os ataques "para demostrar o seu rexeitamento desta agresión".

 

ANOVA

Para ANOVA "esta nova agresión militar forma parte da estratexia de dominio polo terror ao servizo dos intereses das multinacionais petroleiras e do complexo militar-industrial norteamericano polo control dos xacementos petrolíferos desa rica rexión xeo-política" e esixe "respecto pola legalidade internacional e máis polo rol e polas resolucións da ONU". A formación anuncia que "as principais vítimas serán as poboacións civís bombardeadas en nome de presuntos valores democráticos que agochan o máis horríbel cinismo dos estados imperialistas" e advirte dunha "campaña de manipulación nas sociedades ditas occidentais para enganar á opinión pública, como acontecera coas tristemente inexistentes armas de destrución masiva". Anova chama á cidadanía galega a "mobilizarse para manifestar a súa repulsa a esta nova agresión".

 

EU

De igual xeito, Esquerda Unida manifestou o seu "firme rexeitamento ante a posibilidade de acción militar", que cualifica de "criminal". A coalición denuncia que a pesar de que a intervención militar se realice "baixo a bandeira da protección da poboación civíl siria”, será esta poboación civil "quen padecerá as consecuencias desta acción militar". A formación sinala que "as relacións internacionais neste tipo de conflitos deberían tratarse dende o desarme, a responsabilidade penal da suposta utilización de armamento químico sobre a poboación Siria, debería, en todo caso, recaer sobre os propios autores de dita utilización, liberando así ás persoas inocentes que habitan o territorio".

Esquerda Unida apela "á memoria como exemplo para non repetir os erros cometidos baixo os 'ditados da paz'" e sinala que "Iugoslavia, Iraq, Afganistán, son algúns dos espazos que acollen milleiros de vítimas inocentes consecuencia das incomprensibles políticas belicistas en defensa da paz cuxo obxectivo é unicamente, no caso sirio, establecer o control sobre o territorio e os seus recursos".

 

Compromiso por Galicia

Compromiso por Galicia manifesta o seu rexeitamento ao ataque e solicita "máis tempo para que os inspectores das Nacións Unidas poidan realizar os seus traballos para comprobar a utilización de armas químicas contra a poboación civil". CxG condena "sen reservas as accións do réxime de Bashar al-Assad nos últimos meses e anos, de igual xeito que a violación sistemática dos dereitos humanos en Siria, entre os que se atopan os dereitos nacionais do pobo kurdo". E pide "unha reforma profunda do modelo de seguridade internacional nacido logo da II Guerra Mundial, con base no Consello de Seguridade das N.U, xa que os novos conflitos non poden resolverse con vellas ferramentas", e avoga "por un modelo baseado no multilateralismo, que incorpore ás realidades emerxentes e que se fundamente na cultura da paz".

 

Ecosocialistas

Espazo Ecosocialista considera que a situación que neste momento vive Siria e a rexión é "o suficientemente grave como para que as iniciativas internacionais que se tomen vaian encamiñadas cara a paz e non cara a unha nova intervención militar que agravaría a situación, aumentaría o sufrimento da poboación e consolidaría as posicións extremas no conflito". A formación lembra que "a comunidade internacional, pero sobre todo, os estados membros do Consello de Seguridade da ONU, son os principais provedores de material bélico aos bandos en conflito, tamén do químico. Detrás de cada bomba, de cada morteiro, de cada morto, está unha das potencias que usan e abusan das Nacións Unidas, cada día máis inútil". 

E engade que "resulta dun cinismo atronador, dunha hipocrisía suprema, usar esta escusa para intervir militarmente en Siria. Trátase de repetir os erros cometidos anteriormente en Iraq, en Afganistán, en Libia, con respaldo da ONU ou sen el, de usar a OTAN para atacar e favorecer os intereses das grandes potencias na rexión e a súa posición neocolonial". A formación conclúe que "a Unión Europea tería que abandeirar esta política en lugar de deixarse levar polas políticas belicistas da administración norteamericana". E solidarizase "con eses pobos e os seus procesos revolucionarios na busqueda dunha saída democrática, social e laica" pois "as primaveras arabés iniciadas no ano 2010 en Tunicia demostraron as ansias de liberdade e de xustiza social dunha maioría cívica neses países. O dialogo e a paz é o único camiño para que as primaveras árabes non acaben enfangadas no sangue e para que os sectores democráticos e cívicos  que as iniciaron as retomen fronte a sectores totalitarios".

 

Nova Esquerda Galega

Para Nova Esquerda Galega trátase "da mesma manipulación, as mesmas manobras de elaboración de informacións falseadas e montaxe de escenas e noticias non contrastadas nunca coa realidade para intoxicar á crédula e desinformada opinión pública e que esta acepte as solucións humanitarias dos bombardeos". E considera "preocupante" a "pasividade total da sociedade civil contra a guerra e contra o intento avanzado de facer o mesmo que en Iraq e Libia".

 

CIG

Tamén a Executiva Confederal da CIG amosa nun comunicado o seu "rexeitamento ante a posíbel e inminente agresión militar imperialista de EEUU e os seus aliados contra os pobos de Siria", reclámalle ao Goberno español que "non participe na operación" e chama a cidadanía galega a "rexeitar na rúa o ataque". O sindicato considera que "EEUU e os seus aliados están a fabricar mediante a manipulación e a propaganda unha nova mentira para xustificar o ataque, de igual xeito que con anterioridade fixeron coas suposta armas de destrución masiva de Iraq".

E denuncia "a disposición dos gobernos imperialistas da OTAN e da UE a dilapidar inxentes recursos económicos nunha nova aventura militar ao mesmo tempo en que brutais recortes sociais e laborais son impostos á clase traballadora coa excusa da crise, dos déficits públicos e do aforro orzamentario".

Discurso de Bashar al-Assad na televisión siria © Al-Jazeera

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.